O vestíbulo do Pazo provincial acollerá o espectáculo "Musigal na onda", que baixo o formato dun programa de radio en directo, dará cabida á musica, á danza, e a intervencións de diversos axentes participantes na edición do Musigal 2019. Este espectáculo, que xa se realizara o pasado ano con gran éxito de público, volverá contar co músico e escritor Xurxo Souto como condutor e dará comezo ás 20.30 horas de mañán, mércores. A entrada será de balde.

O espectáculo contará coa música en directo de Vudú, formación musical composta por Belén Tajes e Maritxinha Gómez e que participa no Musigal 2019 na categoría "Son Muller". O programa tamén dará cabida a un breve espectáculo de danza da man de Rebeca Santos e contará coas intervencións de Xaquín Xesteira, membro do grupo de Treixadura, inscrito no Musigal na categoría "Son Tradición", de Andrea Pousa, que participa na categoría "Son Actual", unha representante de Pés de lan, formación que forma parte de Verbena Galega, inscrita en "Son Crianza", e de Xosé Manuel Budiño que co seu novo traballo se inscribiu nesta edición en "Son Actual".

Ademais de ofrecer un espectáculo no que a música será a protagonista,"Musigal na onda" concíbese como unha forma lúdica de dar a coñecer o propio programa e a súa función de difusión da música galega e en galego a nivel profesional en todos os concellos da provincia, con independencia do seu tamaño, ubicación, ou recursos económicos. Hai que lembrar que o Musigal posibilita que a música profesional chegue a toda a cidadanía baixo a fórmula de cofinanciación entre a Deputación e os concellos. Así, o organismo provincial asume o caché do espectáculo do grupo ou artista, mentres que o concello aboa a produción da actuación: equipos de son, luz, escenario e demais medios necesarios para o desenvolvemento da actuación. Nesta edición o ciclo de concertos comezará en abril e rematará en setembro.