Por cuarto ano consecutivo a Deputación promoveu unha lectura pública da obra rosaliana con motivo do Día de Rosalía que, por coincidir o 24 de febreiro en domingo, se realizou onte no vestíbulo do Pazo provincial. A presidenta, Carmela Silva, e o deputado de Cultura, Xosé Leal, encabezaron o acto que estivo protagonizado por representantes de asociacións da provincia que organizan eventos de referencia no campo cultural.

En nome da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, foi a poeta de Bueu, Lucía Novas, a encargada de ler manifesto da Asociación deste ano, que leva por título "Libre o meu pensamento" e que é da autoría da tamén poeta Ana Romaní.

Natalia da Silva, membro da organización do Canteira Fest de Vilaboa, evento que ela mesma definiu como "festival feminista e de música en galego" escolleu o poema "A xustiza pola man". Isabel Gulías, da Asociación 'O can de San Roque', que organiza a Festa do Gaiteiro de Soutelo en Forcarei, escolleu ler "Teño un niño de tolos pensamentos"; Cristina Acuña, da Sociedade cultural e deportiva do Condado, asociación organizadora do Festival de Poesía do Condado, escolleu o poema "Sin niño"; Juan Maceira, membro da xunta directiva da Asociación que organiza o Festival Xironsa de Cambados, escolleu "Tristes recordos"; Luis Villanueva, vicepresidente da Asociación Amigos da Empanada, organizadora do Festival A Esmorga Folk de Bandeira, Silleda, leu "Campanas de Bastavales"; e Sabela González, da Asociación Recreativa Contracultural Zona Afectada, entidade organizadora do Orixe Festival de Caldas de Reis, rematou lendo "Castellanos de Castilla".

Ao igual que en anos anteriores, a Deputación agasallou ao público que asistiu á lectura cun libro da colección Cíes e unha camelia do cultivar "Rosalía de Castro" procedente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.