Touriñán encherá de humor a II Gala dos Medios en Galego, que se celebrará hoxe a partir das 12 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. A organización, a Asociación de Medios en Galego, lembra que a entrada é de balde pero, por motivos de aforo, é necesario recoller a invitación con antelación. Estas están dispoñibles no Museo de Pontevedra, na Alcaldía do Concello e na Libraría Paz.

O humor será unha das claves desta gala. Tamén o era de "O Tío Marcos da Portela", xornal que saiu á luz o 7 de febreiro de 1876, momento que precisamente se conmemora no Día dos Medios en Galego.

A música correrá a cargo de Ugía Pedreira. Os encargados de dirixirse aos asistentes serán Xaime Iglesias, Eva Mejuto, Anxos Sobriño, Kiko da Silva, Luis Álvarez Pousa, entre outros.