Sendo novo recibiu a "Chamada" para ser sacerdote cando todo apuntaba a que sería dentista na clínica do seu pai. Os estudos o levaron a Roma, onde tivo un encontro co papa Pablo VI foi párroco en Santa María e San Bartolomé de onde fai 40 chegou a Poio para facerse cargo da parroquia de San Salvador para converterse nun pioneiro oficiando a liturxia en galego. Hoxe Vicente Cerdeiriña celebra o aniversario da súa chegada á San Salvador cunha misa ás 11.30 horas, cunha exposición, un vídeo e un libro escrito por él sobre os seus 40 anos na parroquia.

-Como foi a súa chegada a San Salvador fai 40 anos?

-Un día 21 cheguei a San Salvador. Estreeime cun enterro. O cura chamoume por teléfono para dicirme "ya sabe yo marcho ese entonces tiene que venir a hacer el entierro, ya tengo todo preparado" e eu resposteille a don Félix que no se preocupase. Cando cheguei, aínda estaba cargando os mobles no camión.

-Por entón aínda se facía a misa de costas?

-De cú, como deíamos antes, sen dar a cara a xente. E eu viña cunha mesiña de dar o catecismo en San Bartolomé e un mantéis brancos para poñer xa na primeira misa de cara a xente, non de cú á xente (rise).

-Foi un choque para os parroquianos?

-Si que lle chocou, pero moitos xa foran a algunha misa en Pontevedra, onde xa a facíamos antes de cara a xente, pero o cambio colleulle don Félix xa maior e diría "o cura que veña xa o fará".

-Que conta no libro das súas vivencias en Poio?

-Moito do que fixemos xuntos nestes anos como o adro parroquial, a igrexa nova, compramos un baixos na Caeira para un local parroquial, forramos de madeira a capela da Caeira e adecentámola por fóra, forramos con mármore o templo parroquial, electrificamos as campás, puxemos calefacción nos dous templos. Pero tamén dase conta dos 1284 bautizos, 1.288 comuñóns, 1.175 enterros ou 357 casamentos nestes últimos 39 anos, porque aínda quedan por engadir os deste ano.

-Cal foi o momento máis complicado nestes 40 anos?

-Cando se fixo a igrexa nova. Custoume un riñón de verdade. Estou transplantado e supoño que os problemas de saúde comezaron por meterme nesa construción sen ter unha 'chica'. Houbo que confiar na Providencia e nos feligreses. Houbo que facer unha comisión de obras, comezamos a movernos para vender cousas. Cada ano inventabamos algo novo: escribín un libriño bíblico, outro ano lotaría, outro ano tiñamos un alfareiro na estrada e despois vendíamos nos as pezas... Pouco a pouco xuntando cartos. A obra xa pasou dos 60 millóns de pesetas, aínda que pagar, pagamos a metade en pesetas e o resto en euros...colleunos no cambio.

-Que é o que lle queda por facer á igrexa?

-O que queda e espero que o consigamos para o ano que ven, que é o da miña xubilación porque aos 75 temos presentarlla ao arzobispo, o que nos falta son as vidrieiras de cores.

-Despois de tantos anos ligados á parroquia, pensa en xubilarse?

-Vin en plenitude de vida. Vin ca barba negra, aquí púxome branca. Teño que presentar a baixa. Si ma da ou non é cousa del. Hai cousas que cos anos xa non podemos. Non se pode conectar tanto cos nenos e mozos como cando tiña 34 anos. É imposible. Pero de rezar un cura nunca se xubila, nin tampouco de dar sacramentos ou bos consellos á xente, visitar aos enfermos e anciáns... Outra cousa son as responsabilidades directas.

-É esa falta de conexión coa xuventude o problema da Igrexa?

-Claro que é. A media de idade nos sacerdotes na diócese de Santiago é de máis de sesenta anos e eso fai difícil conectar coa xuventude.

-Que se debería facer para que se achegase máis a xente nova?

-Debería haber tamén máis sacerdotes novos. Axudaría para transmitir a fe. Pero o mundo está como está aínda que nos países de misión en África e Asia a situación é diferente, con igrexas pequenas e hai máis vocacións.

-Sería unha opción a liberación do celibato para promover a vocación?

-Creo que non. Traería moitas complicacións comezando pola cuestión económica. Se ten que manter a unha familia non pode cobrar unha miseria o cura. Se estivera casado, cando o arzobispo me chamou a San Bartolomé vivía nun piso novo e me mandou para unha casa destartalada, con ratos, as cuadras. Non viría si tería que ser con muller e fillos. O exemplo está en moitas igrexas protestantes onde os clérigos están volvendo eles ao celibato pola súa conta. Non é doado o ritmo de vida. Os xoves queren vivir ben e destacar na sociedade. Non é coma antes, hoxe o cura leva paus de arriba e de abaixo. Non é como antes o de "señor cura" visto como unha autoridade ao que lle viñan os parroquianos a limpar unha finca gratis.

-En 40 anos, que mudou en San Salvador?

-Agora pásase en coche dende A Barca e antes eran todas leiras e catro ou cinco edificios. Agora son todos edificios e moi poucas leiras. Pero veu o clube de Tenis, o colexio SEK, o sanatorio da Merced ou a Escola de Canteiros... a todos eses sitios vou coma cura. Antes só había o colexio de Viñas.

-Unha das novidades que introduxo na parroquia foi a lectura da eucarestía polos feligreses ou oficiar a liturxia en galego. Chocou nese tempo?

-Empezouse pouco a pouco. Empecei predicando, despois facendo uns cantos, despois o 'Noso Pai' en galego... aos dous anos dando amisa en galego a xente xa se habituara a riqueza da nosa fala galega.

--En moitas igrexas en Galicia segue a predominar o castelán. ¿Queda moito para normalizar na igrexa o galego?

-Queda máis de cada párroco pese a que as instrucións din que debería haber máis dunha misa polo menos en galego en tódalas parroquias, pero non se cumpre. A min gústame rezar en galego. Mesmo cando se celebran vodas eu na preparación dígolles, 'falade co cura, tendes dereito a que a misa non sexa como en Valladolid'. Por comedide o cura faino todo en castelán, pero é un dereito dos feligreses ter a misa bilingüe o en galego.

-Na súa defensa pola lingua mesmo chegou a Xerusalén.

-Na basílica de Xerusalén do Pater Noster que ten polas paredes ten un mosaico co nosopai en un moitas linguas do mundo, entre eles en castelán antigo e moderno, catalán e euskera. Pero non en galego e alí mesmo fixen a promesa de levar alí a nosa lingua e o conseguín. Conseguín que a Xunta se fixera cargo e o mosaico xa fala galego tamén.

-Como ten que ser a Igrexa?

-Xa o esta a ser un pouco. Ten que estar máis preto dos pobres do que estaba antes. Unha igrexa máis sinxela, a rentes da xente e non como poder. Xa estamos á rentes da xente, xa non é o señor cura. A igrexa ten que achegarse máis a xente e penso que está conseguindo. Estamos axudando aos que teñen menos recursos e mesmo esta semana mandáronme do Concello a unha familia para a que axudáramos e o fixemos a través de Cáritas. Os pobres aínda son da igrexa tamén.

-Que lle queda por facer?

-Seguir sementando... sementar a palabra e Deus, a presencia de Xesús no medio de nos, perdoándonos.