"Seique, quando os passeios eram morte" é o título escollido por Susana Sánchez Aríns para o roteiro literario que guiará por diversos puntos dos concellos de Ribadumia, Meis e Barro. Este roteiro, que é o quinto dos sete que organiza este ano o departamento de Cultura e Lingua da Deputación en colaboración coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, aínda permite inscricións para a lista de reserva de última hora, no enderezo roteiros.cultura@depo.gal. A particularidade deste paseo literario radica en que é o único que transcorre por puntos do rural, polo que o percorrido se realizará en autobús.

Precisamente o feito de que transcorra só por zonas rurais é unha das características que salienta a autora, quen asegura que "moitas veces parece que o rural na literatura xa non existe e por iso este roteiro é diferente e é o único desta xeira que se ten que realizar en autobús". Hai que lembrar que esta iniciativa o que pretende é, en palabras do deputado de Cultura, Xosé Leal, "poñer en valor os espazos nos que transcorren as obras, para que a literatura na nosa lingua teña vida máis aló do libro e que se relacione a historia que narra co lugar onde transcorre". Neste sentido, Susana Sánchez Aríns indica que "o roteiro está concibido para seguir o percorrido que os asasinos realizaron cando pasearon a Ramón Barreiro e a Castor Cordal no ano 36, polo que tamén é unha homenaxe a estas dúas persoas".

O punto de partida do paseo será a Ponte Arnelas e rematará na igrexa de Barro, no lugar onde se atopa a fosa onde están soterrados Ramón Barreiro e Castor Cordal. Durante a hora e media do paseo, Sánchez irá deténdose en espazos significativos na época que recrea a obra -anos posteriores a 1936- e que na actualidade xa están transformados e xa non dan mostra da súa vinculación co pasado. A idea da autora é dotar a eses puntos da carga simbólica que aparece no libro 'seique' a través de fotografías antigas e da lectura de fragmentos do libro, cuxo argumento central versa ao redor da historia familiar dun represor da ditadura, denominado na obra "o tío Manuel".