Díaz reclámalle a Augas de Galicia que desbote "a ocorrencia do travase"

Pide obras para reducir a dependencia dos concellos do sur co encoro

Redacción | Ponte Caldelas

Unha apelación directa ao desbotamento definitivo "da idea, mal concibida e mal xestionada" do trasvase do río Verdugo remata a carta que o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, vén de remitir ao director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez. O texto subliña que deste xeito poríase así fin a "unha intranquilidade social e institucional que non pode nin debe prolongarse máis no tempo, nin quedar nun arquivo provisional ata que a alguén se lle ocorra volver defendela".

A carta subliña que o Concello de Ponte Caldelas e Augas de Galicia deberían compartir o obxectivo común de "facer o posible para que o río Verdugo quede definitivamente a salvo desta ocorrencia" e foi remitida co obxectivo de recalcar a postura que o Concello de Ponte Caldelas expresou repetidamente dende o comezo deste conflito. Así se expresou, de feito, nas tres xuntanzas que o alcalde mantivo co director de Augas de Galicia, a primeira o pasado mes de decembro nun formato bilateral, a seguinte con presencia da ducia de concellos do Sur da provincia que se abstecen do sistema Eiras-Oitavén, e a terceira e última xunto cos concellos de Soutomaior e Vigo. En todas elas quedou ben claro que o consenso é imposible e que Ponte Caldelas levará aos xulgados todos os pasos administrativos que dea a Administración autonómica.

O alcalde invita a Augas de Galicia a facer un estudo serio sobre as eivas que lastran o funcionamento do encoro de Eiras, dado que, entre outras cousas, non pode ser que se diga que non é aproveitable cando o seu nivel de ocupación está no 37% polas altas concentracións de ferro na auga. Algo, lembra Díaz, que non sucede co resto dos encoros galegos ou mesmo españois.

Tracking Pixel Contents