O equipo de técnicos do proxecto Smartpeme da Deputación de Pontevedra asesorou o ano pasado a máis de 1.000 empresas, un 25 por cento máis que o ano anterior. Son datos feitos públicos pola institución provincial, que salienta que, analizando unicamente a segunda metade de 2016 e comparando os datos co mesmo período de 2015, obsérvase un crecemento dun 85 por cento no número de empresas asesoradas, o que supón que máis de 550 empresas recibiron asesoramento TIC.

No relativo ás consultas atendidas, no conxunto de 2016 SmartPeme resolveu case 1.400 consultas, ou o que é o mesmo, unha media de 1,4 consultas por cada empresa asesorada e o 40 por cento das consultas totais desde o inicio do proxecto como CPAE 2.0 en 2014. O crecemento con respecto do 2015 é dun cen por cen con casi 800 consultas resoltas no segundo semestre de 2016, fronte ás pouco máis de 400 atendidas a finais de 2015. Amais ó longo do pasado ano máis de 2.600 persoas participaron tanto nos talleres coma nos eventos informativos organizados por SmartPeme para a formación en novas tecnoloxías, que recibiron unha valoración media anual de 4,64 sobre 5, e se rexistraron no proxecto 624 novas empresas.

Smartpeme foi presentado a máis de 400 persoas interesadas desde o mes de outubro.