MARÍN

Unha homenaxe a Rosalía abre a Semana das Letras

Marín acolle hoxe varios actos arredor da máis grande poetisa galega

F.M.

Os actos de homenaxe ás Letras Galegas comenzan hoxe en Marín, cunha actividade organizada polo Clube de Opinión Portocelo. O programa de "Recordando a Rosalía" dará comenzo ás 19.30 horas na Alameda de Marín, cunha concentración ante o monumento a Rosalía de Castro, para realizar unha ofrenda floral, seguida da actuación do grupo de cantareiras "As Chaneiras" e do gaiteiro Adrián Ínsua.

A continuación, no Museo Municipal Manuel Torres impartirase unha conferencia sobre "O que queda por saber sobre Rosalía", a cargo de Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña e investigadora sobre a vida e obra da nai do Rexurdimento galego. Este acto, que comenzará ás 20.00 horas, será presentado pola escritora Asun Estévez.

Ás 21.00 horas dará comenzo un recital poético-musical con poesías rosalianas recitados por Josefa Area ("a poetisa de Marín"), Teresa Landín (presidenta do colectivo de Mulleres O Abeiro), Asun Estévez (escritora) e Luisa Pintos, (mestra e poetisa). O coro de cámara marinense Thalassa porá música ao recital interpretando o poema "Cada noite eu chorando pensaba".

Para concluir esta actividade de homenaxe a Rosalía, ás 22.00 horas farase entrega dun recordo simbólico aos colaboradores en nome da organización e da Fundación Rosalía de Castro.

Queremos Galego

Tamén a Asociación Queremos Galego Marín organiza tres actividades arredor da lingua e o mundo da ilustración co gallo do Día das Letras. Son a "Exposición das Letras Galegas", o venres 16 de maio, a partir das 19.30 horas no Museo Manuel Torres, a presentación do novo libro de Héitor Picallo "Coa lingua na terra", a continuación do anterior, e a presentación do libro "O bichero, menudo día" , do artista e colaborador de FARO Luis Davila. Esta presentación será o xoves 22 de maio a partir das 19.30 horas no museo Manuel Torres.

Tracking Pixel Contents