UXÍO B. DIÉGUEZ - Comisario da mostra sobre Bóveda

"A viúva nunca esqueceu a Alexandre Bóveda, pero tampouco os galegos"

"El foi a antítese, en clave ideolóxica, do ideario dos que se alzaron no 1936"

S. R. - Pontevedra

Alexandre Bóveda forma parte do imaxinario colectivo galego e é o protagonista da mostra inaugurada onte no Pazo da Cultura. Uxío-Breogán Diéguez é o comisario desta exposición sobre unha persoaxe “da que áinda me segue a sorprender pola súa capacidade de traballo, cómo é que alguén con tan pouca idade (morreu asasinado na Caeira con só 33 anos) deu lugar a una producción extraordinaria e convertiuse en figura central do nacionalismo galego, foi a persoa clave en termos organizativos que refunda o nacionalismo moderno”.

—Que se pode ver nesta mostra?

—Un amplísimo abano de documentos que nos referencian o día a día de Alexandre Bóveda desde a súa infancia ate prácticamente a madrugada anterior a ser asasinado.

—Como era Bóveda?

—Foi un rapaz primeiro inquedo, que non paraba de xurdir como dirían os vellos e que xa de adolescente e logo como home formado, exactamente igual que de cativo, non paraba de xurdir, ata que aos 33 anos foi asasinado. Chama a atención especialmente da súa persoalidade que era un home dunha intelixencia tremenda, moi por enriba de común, e tamén dunha calidade humana extraordinaria, esa combinación de realidades fixo que nos deixase a obra que nos deixou, desde a elaboración e a idea de crear a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra e a de Ourense ate mesmo a creación do Partido Galeguista e todo o proceso en favor do Estatuto.

—Falase dun superdotado que defendeu cinco horas nas Cortes o Estatuto sin prácticamente consultar nin as notas. É certo este feito?

—Todo parece indicar que si, as fontes orais din que así foi, e o que o que sí está claro (a partir de parte da documentación que presentamos nesta mostra e doutra que temos nos fondos da Fundación Alexandre Bóveda) é que foi unha persoa central, crucial en todo o proceso do Estatuto, na elaboración, discusión e logo aprobación do Estatuto.

—Cal é a causa que leva ao seu fusilamento?

—Producese porque Bóveda é a antítese, en clave ideolóxica-política, do ideario dos que se alzaron frente á legalidade republicana no 1936. Ven a ser o home fraterno, de grande calidade humana, que traballa intensamente pola súa terra sacrificando a súa realidade mesmo persoal (adica prácticamente todo o seu tempo ao traballo pola terra) e busca unha melloría social frente ao ideario que vai guiar o golpe militar do 1936, en clave profundamente españolista frente ao nacionalismo de Bóveda.

—A mostra aborda facetas privadas do economista e político. Que temas trata neste eido?

—Pois por exemplo na primeira etapa da súa vida a súa implicación no mundo deportivo, a participación en corais de altura tanto en Pontevedra como en Ourense, este tipo de intereses son fundamentais para sabermos do Bóveda máis íntimo, en ligazón a esa cuestión básica na súa vida desde os anos vinte ao asasinato que é a relación chea de cariño e admiración pola súa compañeira, Amalia Álvarez Gallego, que non o esquecería ata a fin dos seus días, lembraría unha e outra vez a ese home, pero tamén é certo que tampouco os galegos o esqueceron, hai que lembrar que xa no 1941 nace o Día de Galicia Mártir no exilio a partir da proposta de Castelao e de Alonso Ríos, duas persoas que coñeceran a Bóveda, e quixeron ver claramente no 17 de agosto e na lembranza desa data a aqueles todos que foran represaliados (asasinados, torturados, encarcelados...) a partir do golpe militar de 1936.

—Que pezas inéditas sorprenderán especialmente ao espectador?

—Manuscritos sobre a creación da Caixa (temos un documento coas instrucción básicas para a primeira sede da caixa, acompañada dun plano do seu puño e letra) ou os sellos de certificación da primeira entidade. Tamén están as cartas cruzadas con diversos galeguistas de altura e eu destacaría a riqueza bibliográfica porque se expoñen diversas obras adicadas a Bóveda como bó galego e líder da causa (así, textualmente) de Vicente Risco, Filgueira Valverde, Otero Pedrayo ou Vilar Ponte.

Tracking Pixel Contents