A compilación de estudos e traballos de Alexandre Bóveda será de acceso libre na páxina web da súa cátedra

Unha exposición sobre a súa figura ábrese o venres no Pazo e un libro recolle trazos persoais e de pensamento do galeguista

Redacción - Pontevedra

Coa finalidade de facilitar os labores de investigación, a Cátedra Alexandre Bóveda pon a libre disposición na rede virtual 730 documentos inéditos da figura que leva o seu nome, cedidos pola propia familia Bóveda. Como ben apuntou o director da cátedra, Álvaro López Mira, "todas as persoas interesadas na súa figura poderán solicitar a través da rede documentación pertinente que lles poida interesar para as súas investigacións". Este proceso de dixitalización implica ademais "un fenómeno de maior coñecemento da cátedra porque será necesario que os investigadores citen esas obras". A compilación destes traballos e estudos atoparanse na páxina web da cátedra www.alexandreboveda.org que estará aberta ao público a partir desta semana. A páxina web é resultado da culminación dun "traballo de catalogación, ordenación e dixitalización para pór a disposición dos investigadores e investigadoras todo o material documental procedente dos arquivos de Alexandre Bóveda", tal como explicou a concelleira de Cultura, Lola Dopico. Esta presenza online supón un "acceso moi cómodo porque xa non só se pode acceder á documentación na sede central, tense a disposición solicitándoa simplemente a través da rede", en palabras de Álvaro López Mira.

Ademais, todos eses arquivos teñen tamén a súa manifestación en papel a través do libro Alexandre Bóveda nos seus documentos. Catálogo, o que recolle características persoais e de pensamento do mesmo. Tanto é así que "se pode comprobar en directo coa súa letra" xa que se adxuntan os documentos orixinais cunha transcrición aclaratoria.A creación da páxina web e máis a publicación deste libro pretenden ademais contribuír á recuperación da figura de Alexandre Bóveda. Como destacou Antonio Gómez, subdirector xeral de Caixanova e comisario da Cátedra Alexandre Bóveda, "nos tres anos que leva funcionando a cátedra lévase conseguido a propagación do talento destas figuras do panorama pontevedrés a través do traballo dos seus investigadores".

Exposición

Paralelamente este venres inaugurarase a exposición titulada Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso, que achegará material inédito e presenza física de obxectos que pertenceron en vida ao propio Alexandre Bóveda e que terá lugar no Pazo de Cultura de Pontevedra.

Tracking Pixel Contents