As secuelas dos grandes incendios forestais galegos, a través dun TFG: 'Aquilo que fomos esquecendo'
O xoven cineasta ourensán Alberto Estévez retrata nun documental de 18 minutos as consecuencias dos incendios forestais meses despois da súa extinción

O cineasta ourensano Alberto Estévez, do Carballiño / David Alján
Alberto Estévez (Ourense, 2003) vía pasar os días de agosto cando o teléfono comezou a soar. Entre mensaxes de amigos que vían as súas familias confinadas e novas que relataban como anos de historia quedaban reducidos a cinzas en cuestión de horas, o mozo carballiñés presenciaba, á par da sociedade, como a provincia afrontaba a maior vaga de lumes da nosa historia. A información chegoulle como a calquera, pero interpretouna coma ninguén: os tres anos que levaba inmerso na carreira de Comunicación Audiovisual espertáronlle ese «impulso» indescritible dos comunicadores, esa necesidade de deixar rexistro do que estaba a acontecer, e saíu coa súa cámara para gravar todo o que estivese á súa man. Un ano despois, ese instinto foi madurando e acumulando cada vez máis documentación ata converterse agora nun produto que non só marca o inicio do seu camiño no audiovisual profesional, senón que pretende amosar a cara dos incendios forestais que ás veces queda fóra dos grandes titulares.
Un documental sobre o que queda despois do lume
Aquilo que fomos esquecendo é o nome do filme documental co que Alberto Estévez asina o seu Traballo de Fin de Grao en Comunicación Audiovisual na USC. Unha curtametraxe de 18 minutos que contén imaxes dende o vivo momento dos lumes en agosto ata esas mesmas paisaxes filmadas medio ano despois das cinzas. Todo, coa intención de responder á pregunta que a Alberto non se lle quitou da cabeza dende o momento en que viu as primeiras cinzas: que pasa despois? Que queda neses territorios de extincións grandilocuentes cando tanto os focos mediáticos como os forestais son dados por apagados? «Como acontece noutras problemáticas, moitas veces as ventás comunicativas son moi curtiñas. O espazo e a profundidade que podemos ter cos temas é menor, moitas veces só se destaca a espectacularidade, pero eu quería tratar a outra perspectiva», conta Estévez sobre por que decidiu aproveitar o espazo de desenvolvemento que lle brindaba o TFG destinándoo a levar a novas cotas esta idea.
Para tratar, dentro das posibilidades, de dar resposta a esa cuestión inicial, diferentes fontes dan o seu testemuño dentro da peza: a perspectiva de brigadistas e o coñecemento de catedráticos na materia achegan o contexto máis teórico e formado, pero as voces de quen perdeu gran parte das súas vivencias entre cinzas rouban o protagonismo do filme. Neste sentido, a aldea de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, toma un papel central: «Alí chego grazas a unha asociación de veciños, que teñen agora mesmo unha campaña de financiamento aberto para tratar de solucionar os problemas que teñen. Foi un caso de certa popularidade, porque por desgraza perdéronse moitas casas, mesmo de xente que perdera o seu fogar, non unha segunda vivenda ou unha propiedade herdada. Cando cheguei alí, deime conta de que a enerxía e os sentimentos que se suscitaban nese lugar eran moito máis do que se estaba a contar», resume Alberto.
San Vicente de Leira, sete meses despois
Pasou por Valdeorras sete meses despois dos lumes, pero no filme esa liña de tempo é unicamente distinguible polo rótulo que así o sinala, pois os escombros e as propiedades inutilizables que debuxan a estampa do lugar invitan a pensar que o reloxo parou as súas agullas dende o momento da extinción do lume. As voces dos veciños, cheas de honestidade mesturada con dureza, así como de algo de retranca nos momentos máis desafortunados, cóntanlle ao espectador a historia «dun caso moi enigmático dun sitio que no seu momento tivo vida, no que había xente que habitaba e explotaba a contorna, e mesmo un autobús recollía os nenos para ir á escola, pero que acabou dando ese resultado co paso das décadas», explica Estévez. O cineasta pon o detalle final cun importante traballo de arquivo e de mestura de sons, que evidencia aínda máis a vida que existía nesas contornas ás que, tras os lumes, se lles arrebatou o concepto de «futuro».

Un fotograma do documental 'Aquilo que fomos esquecendo', en San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) / FdV
E é que Alberto achega en Aquilo que fomos esquecendo a perspectiva dunha xeración moito máis estendida do que as súas voces adoitan alcanzar: a daqueles mozos que medraron en contornas rurais, pero sen chegar a vivir todas as rutinas que se desenvolvían arredor do campo. «Non somos conscientes de como estaban os montes a nivel de imaxe, habitabilidade ou limpeza non moitas décadas atrás. Observamos a paisaxe como algo inamovible, que está aí e non se lle toca. Mirámolo con certa distancia, moitas veces a través da ventaniña do coche cando viaxamos de cidade en cidade, e creo que non ten que ser así», relata Estévez.
O rural abandonado como raíz dos incendios
O feito de que a súa nai se criase nunha aldea na que agora só queda un veciño deulle certa consciencia da densidade de micronúcleos poboacionais que existen por Galicia, os cales viven unhas realidades das que é habitual afastarse, pero coas que o cineasta puido conectar máis profundamente a través do documental: «Deime conta de que existe unha distancia moi grande entre as persoas que vivían en San Vicente de Leira, ou outras aldeas que aínda non arderon, en relación con alguén que vive noutro tipo de contorna e só ten contacto con este fenómeno a través dos quince días ao ano nos que falamos deste tema. Porque isto non son só os lumes, a problemática do rural comeza no momento no que a xente do lugar non pode gañar a vida, deixa de ter servizos e remata por deixar de vivir alí. Os incendios forestais son, a fin de contas, unha consecuencia final», afirma o comunicador audiovisual.
Aínda que acaba de saír da facultade, este é xa o segundo traballo cinematográfico de Estévez, que se estreou en 2025 con Quen nos salva?, unha curtametraxe documental sobre a situación de pacientes con enfermidades crónicas en Ourense que se centra no apoio que eles mesmos se prestan mutuamente cando o sistema non os ampara. Con esta nova creación, Alberto busca continuar unha liña de autor na que cre no audiovisual «como un medio que pode axudar á transformación social», e na que pretende concienciar «aínda que sexa a unha soa persoa» de problemáticas que, aínda que moitas veces son próximas, quedan sen contar á sociedade. Aquilo que fomos esquecendo atópase agora en fase de distribución e será proxectada en varios festivais galegos e da contorna peninsular. Iso si, Estévez pretende que nun futuro tamén se poida levar a concellos ou asociacións «para dar lugar a coloquios e charlas nas que os veciños poidan opinar, que debía ser o importante».
Suscríbete para seguir leyendo
- Detenidos tres hombres y otro investigado por una agresión sexual grupal en un local de ocio nocturno de Ourense
- Un veinteañero se enfrenta a tres años de cárcel por un homicidio imprudente en Ourense
- Muere un hombre en Ourense por grave falta de oxígeno mientras elaboraba vino en un lagar
- La policía busca a un sexagenario como supuesto cuarto implicado en una agresión sexual grupal a una joven en Ourense
- Un vacío legal deja sin ayudas para vivienda rural a jóvenes gallegos que compraron entre octubre y diciembre de 2025
- Jorge Anta: «Tras 45 años vendiendo lotería al fondo de una galería, la suerte va a cambiar de puerta en Ourense»
- Jácome contra Teletaxi: el caso del micro abierto y la teleoperadora que elucubró sobre un alcalde en calzoncillos
- Un pleno «cutre de cojones»: la sesión plenaria de Ourense se convierte en un circo electoral entre insultos y acusaciones