Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Pilar Núñez Directora do Museo Etnolóxico de Ribadavia:

«É preciso achegar a cultura tanto aos residentes coma aos visitantes»

O museo espera un ascenso de visitantes proximamente, consecuencia da Festa da Istoria que se celebrará os días 28, 29 e 30 de agosto

Pilar Núñez, directora do Museo Etnolóxico de Ribadavia.

Pilar Núñez, directora do Museo Etnolóxico de Ribadavia. / Iñaki Osorio

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ourense

O Museo Etnolóxico de Ribadavia (MER) prepárase para recibir un aumento de visitantes durante a próxima Festa da Istoria, que terá lugar os días 28, 29 e 30 deste mes de agosto. Pilar Núñez (Ourense, 1970), é a directora do museo, no que xa estivera dende 1997 ata o 2002.

Cantos visitantes recibiu no que vai de ano? E en verano?

No que vai de ano acudiron 8.319 persoas, das cales 3.014 viñeron en verán, ata o día de hoxe.

Esperan unha subida grazas á Festa da Istoria?

Si que agardamos un aumento nas visitas con motivo da Festa da Istoria; xa nos días previos detectamos máis afluenza da habitual. Tamén inflúe que é agosto, un mes moi vacacional.

Como é o perfil de visitante do museo?

En primavera, outono e inverno adoitan ser persoas de terceira idade, sobre todo do territorio español.

No verán é algo máis familiar e grupos pequenos. Hainos de Galicia e do resto de España; pero tamén estranxeiros, principalmente de Portugal, Alemaña, Reino Unido, Francia, americanos… algúns son emigrantes de visita na terra natal e outros son turistas.

O horario do museo é diferente en verano?

O horario de verán non varía con respecto ao do inverno. O MER abre de xeito continuado de 10 h a 20 h, de martes a sábado. O motivo de non mudalo é que, aínda que no inverno hai menos turistas de tipo familiar, hai moitas visitas de excursións e axencias de viaxes que procuran desestacionalizar as súas viaxes, sobre todo de persoas maiores.

Cal é o maior atractivo para o turista para entrar a visitalo?

O maior atractivo é o propio edificio, pois é un Pazo do século XVIII da familia dos Baamonde, que tivo moitas utilidades diferentes, sobre todo educativas: colexio, escola taller, sede do consello regulador do Ribeiro e da adega experimental… incluso acolleu una emisora de radio. A arquitectura en pedra, tamén en chans e arcadas… e o percorrido polas estancias ata chegar ó patio interior, fan a visita moi agradable. Hoxe, o edificio pertence ó Ministerio de Cultura e a xestión do museo correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Outro atractivo son os contidos das exposicións, xa que se tratan aspectos cotiás coma o textil, a cerámica, a pesca e outros oficios. Sorpréndelles ver una tenda tradicional instalada nunha sala tal e como era cando estaba aberta nun pobo do Ribeiro (Xubín), cos productos tan variados que se podían mercar e a súa caixa forte, pois funcionaba coma un banco.

E, como non, tamén é interesante que tanto a entrada ó museo como a calquera das actividades que programamos, é de balde. É preciso achegar a cultura, o patrimonio e as propostas culturais tanto ós residentes como ós visitantes; atendendo á todos os públicos. Por iso o perfil dos vistantes é moi variado. Temos de todas as idades e procedencias xa que a propia vila de Ribadavia e a súa contorna, son atractivos turísticos moi potentes.

Tanto o Museo Etnolóxico, como o Museo do Viño de Galicia, tamén dependente da Consellería de Cultura, teñen un papel relevante neste eido. Ademais das súas exposicións permanentes, se programan exposición temporais.

Que exposición hai actualmente no museo?

No MER, neste momento, temos aberta unha titulada «Oficios en extinción» e estamos programando tres exposición para próximas inauguracións: unha é sobre Martín Fernández, un libreiro e encuadernador do século XVII. Outra é sobre os cantos de cego e os pregos de cordel e outra mostra unha colección de revistas femininas de moda do século XIX, que forman parte das coleccións da biblioteca do MER. Aproveito para convidar á coñecela, pois custodia fondos de monografías e publicación periódicas que poden ser consultadas. Tamén o noso fondo oral e fotográfico é obxecto de moitas consultas e investigacións.

Hai actividades programadas proximamente?

Ademais da festa da Istoria, en breve celébrase o festival Arteficial co que nós temos, igual que con outras actividades do Concello de Ribadavia, unha estreita colaboración.

O día 4 de setembro hai «Son Electrónico» de 16.30 a 19.30 horas: é un obradoiro de creación musical que propón a experimentación con sintetizadores, samplers e loop stations a partir de sons relacionados con Ribadavia e o Ribeiro. Será impartido por Pablo Puentes e Jesús Jara, e está aberto a todas as idades a partir dos 5 anos. Máis tarde, ás 20.30 horas, haberá un concerto de Su Garrido Pombo no patio do museo.

O día 5 de setembro teremos un obradoiro en familia da man de Xeitura chamado «Coas mans no pasado: a cerámica e os tecidos», tamén no patio interior. Non me quero esquecer do Museo do Viño de Galicia, que hoxe as 21.00 horas terá a última sesión das Catas Sonoras deste ano cunha proposta musical diferente: Paulo Pascual achegaranos o son do theremín.

Tracking Pixel Contents