Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tradición cultural

Celso Ferreiro e José Pena, os gardiáns da técnica galega das corozas

Tío e sobriño manteñen de forma altruísta en Calvos de Randín a práctica tradicional da elaboración de impermeables con xuncos, un oficio case esquecido

O mestre das corozas da Raia xa ten relevo

Brevebretema / David Alján

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Calvos de Randín

Soa a tópico dicir que nalgúns lugares a mística que se desprende fai sentir que alí o reloxo parou de mover as súas agullas hai un tempo. Pero o que é innegable é que as privilexiadas paisaxes que debuxan semellan destinadas a agochar redutos inesgotables da tradición.

Vilar, un reduto de tradición no Xurés

O lugar de Vilar, no concello de Calvos de Randín, é un deses recunchos. Adivíñase polas abraiantes vistas que ofrece pouco antes da chegada ao encoro das Conchas, e confírmase cos vales da serra do Xurés sobre os que se erixen as aldeas de dous estados distintos, que nalgún momento ata foron tres. O que a xeografía delimita como dúas culturas diferenciadas convértese, nesta parte do sur de Ourense e do norte de Portugal, en fronteiras no medio do camiño, indistinguibles sen un mapa e cheas de historias. Parte delas, desafortunadas e mantidas nun profundo segredo; outras, cheas de picaresca; e unha inmensa maioría, un espello inconfundible da rutina na Galicia rural.

Todas elas viviunas Celso Ferreiro, que segue en Vilar cos seus 87 anos de vida imposibles de predicir en espírito —vén de facer unha andaina de quilómetros polo monte co resto de veciños antes de atendernos, e conversar con el parado máis dun minuto semella un milagre—. El é unha das poucas persoas de Galicia que coñece a arte das corozas, eses impermeables feitos de xuncos que durante séculos protexeron da choiva milleiros de labregos. Arredor de 2024, deulle por volver elaboralas para ensinarlle ao mundo esta tradición esquecida por moitos, e agora conta cun fiel herdeiro que asegurará, polo menos, algunhas décadas máis de loita por conservar o patrimonio.

A arte das corozas pasa de tío a sobriño

Trátase do seu sobriño, José Pena, que agarda na súa leira fouce en man para ensinar todas as fases da súa produción. Escolle para segar aqueles xuncos máis firmes e longos, xa que son os que teñen un secado máis efectivo, e para iso adóitanos recoller nas últimas semanas do verán. Tardan uns quince días en deshidratarse por completo e poder comezar a tecelos —as extremas temperaturas dos últimos anos están reducindo este tempo—, pero non sen antes pasar polo proceso de empalmalos: José aperta ben cun cordel o feixe de xuncos aínda verdes e, mentres Celso suxeita, golpea con dureza cun martelo por todo o cilindro.

De aí, a darlle a forma que abrigaba os traballadores, seguindo a mesma filosofía que marca toda a vida do rural: comezar cunha base pequena, pero firme e traballada, e con tempo, paciencia e esforzo, transformala en algo magnánimo. A asa dende a que se colgaba a coroza para que secara ao carón da lareira é o primeiro que se elabora e, dende aí, como se fosen nervios, vanse estendendo o resto de xuncos para facer o esqueleto da peza. Apertalos coas varias liñas de cordelas que presentan é tan duro como importante: deste paso depende que a coroza adquira esa propiedade impermeable, pero amarrar ao máximo eses xuncos deixa pegada nas mans. Para acabar con calquera posible filtración, remátase cepillando a prenda cun cepillo de sedas de metal.

O impermeable dos labregos

Con isto, os gandeiros podían pasar días enteiros no monte sen medo a mollarse. «Ata podías durmir enriba dela, que non che ía entrar auga», conta Celso, que lembra con nostalxia esas longas xornadas nas que os nenos de Vilar eran os máis felices do mundo. E aínda que os camiños daqueles anos esixían, as corozas aguantaban firmes varios anos antes de teren que ser mudadas. Tanto é así que Ferreiro garda no seu fogar unha con máis de corenta anos de antigüidade que, ao non ser empregada, segue a cumprir a súa función á perfección. Estes artesáns deducen que o seu uso comezou a desaparecer na década dos 80, cando as corozas desgastadas se mudaban xa polas baratas prendas de plástico e goma.

Eses novos materiais aforraban aos veciños e veciñas o arduo traballo de artesanía que había que repetir cada certo tempo. «O de coroceiro aquí non era un oficio, senón que en cada familia había alguén que se encargaba de facelas. En Portugal si que había varias feiras nas que se vendían», contan. Agora Celso e José realizan ese mesmo labor tamén de forma altruísta: nin venden os traxes nin cobran por facelos. Son tan só un tío e un sobriño namorados das tradicións case perdidas que un día marcaron as súas infancias, e decididos a non deixar que se esquezan.

Un oficio con menos de dez coñecedores

Como eles, calculan que quedarán menos de dez coñecedores da arte coroceira, aínda que o que este selecto colectivo non ten en número, teno en calidade: entre eles está Álvaro Leiro, quen agora confecciona para Loewe bolsos e pezas artísticas inspirados nesta mesma técnica, ou Álvaro Pin, o rapaz lugués que con tan só 19 anos leva toda a súa adolescencia perfeccionando e partillando o seu facer tamén en zocos ou cestas, e co que José xa puido cadrar en varias feiras etnográficas. De feito, o das corozas non é o único saber que os dous sabios de Vilar perpetúan: proximamente farán unha mostra de como eran as mallas colectivas de centeo e, xunto cos abrigos, mostran algunhas pezas téxtiles cosidas co mesmo liño que cultivaban. Unha manta confeccionada pola nai de Celso aparece practicamente intacta agás por un furado, e ten, como mínimo, 60 anos de historia.

Pero para contar o impecable labor de Celso e José sería inxusto non falar tamén da realidade da contorna da súa vila, castigada historicamente pola falta de oportunidades. «Nesta aldea debeu emigrar o 95% da xente», sinala o sobriño, pois aínda que Vilar cuadriplique a súa poboación durante o verán, o número de habitantes con residencia fixa non alcanza a decena. De feito, aos dous coroceiros tamén lles tocou saír: a Celso, para facer a mili e traballar un par de temporadas en Suíza; mentres que José pasou considerables tempadas no estranxeiro e en Andalucía, antes de volver hai uns anos.

O reto do relevo xeracional

Inevitablemente, isto pon tamén en perigo o relevo xeracional da súa misión, pois aínda que o seu espírito é inquebrantable, ambos quedan xa a varias xeracións de distancia das que hoxe están nas aulas para construír o mundo do futuro. Con todo, José e Celso son enxebres ata para afrontar esta cuestión. «Malo será», din, que algún dos cativos e cativas que hoxe pasan o verán na aldea non queira aprender o oficio. Quen sabe se será o pequeno Hugo, que, chupete en boca, pasea por diante das corozas cunha mirada profunda á par que inocente, a mesma que eses sabios coroceiros manterían antes de poder vestila.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents