Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia celebra a súa 12ª edición reunindo á élite da oleiría galega

A falta de relevo xeracional ameaza a continuidade do oficio en Niñodaguia, onde apenas quedan tres artesáns activos.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Xunqueira de Espadanedo

A olería e Niñodaguia son unha representación viva do dilema do ovo e a galiña: é imposible saber que chegou antes á zona. Aínda que a actividade dos oleiros desta parroquia de Xunqueira de Espadanedo aparece documentada dende hai 300 ou 400 anos, a presenza de ladrillo no mosteiro do concello —que data do século XII— evidencia que xa existían artesáns deste tipo na zona. Co tempo, o traballo que alí se exercía de xeito case xeralizado comezou a poñerse de relevo pola característica cor amarela do barro que empregaban, procedente dunha veta do Monte da Veigachá rica en caolín —arxila natural branca—, pero mesturada con material dun ton chocolate na parte inferior. E aínda que, co paso do tempo, ese extenso gremio se transformou nun reduto de loitadores pola tradición, a localidade mantén ano a ano o seu status como unha das capitais galegas da olería.

Niñodaguia, epicentro da olería galega

Todo ese patrimonio revive durante as Fornadas, a recreación do proceso de cocción que se celebra dende hai seis anos cunha gran afluencia, pero alcanza o seu momento cumio cando, a mediados de agosto, se celebra o Encontro Cacharreiro, que este venres deu comezo á súa 12ª edición. Organizado polo Concello de Xunqueira de Espadanedo, trátase dunha cita de referencia para todas as persoas que exercen este oficio na comunidade e, baixo o abeiro da Fundación Artesanía de Galicia, converte Niñodaguia no epicentro da posta en valor e difusión da olería durante tres xornadas nas que hai tanto demostracións do proceso cerámico como venda directa de pezas dos artesáns participantes. Quen esta fin de semana opte por achegarse a este recuncho da Ribeira Sacra poderá atopar alí representantes de arredor de dez obradoiros e asociacións de toda Galicia, así como a participación de Carlos Lima e Xanta Monteiro, artesáns que achegan as técnicas tradicionais do barro negro que se practican en Tondela, Portugal.

De cara á compra, o encontro non escatima en variedade, pois a mostra abrangue dende a cerámica máis tradicional ata a máis creativa. Neste segundo grupo atópase Ana Méndez, que representa en Niñodaguia o seu taller situado no concello vigués de Pazos de Borbén. Nel realiza un tipo de traballo que define como cestería levada á cerámica: «Los cesteros tenían mucho vínculo con los cacharreiros, porque era donde llevaban sus piezas a la feria», conta sobre estas pezas, ás que se une a súa sección de bisutería, na que plasma diversos animais e figuras de arxila con cores vivas en pendentes ou colgantes.

Obradoiros que manteñen viva a tradición

Ao seu carón conversan con outros oleiros Maricarmen Doval e Miguel Carrera, titulares do proxecto Olería do Batán, en Baños de Molgas. O seu escaparate é dos máis diversos, pois nel mestúranse pezas de cerámica completamente utilitaria con creacións que levan as máscaras do felo de Entroido a chaveiros e colgantes: «Eu era orixinario da zona do Tioira, en Maceda, onde había olería tradicional, e comezamos recuperándoa. A partir de aí, enganchamos coa cerámica e fomos buscando o noso propio deseño, realizando outras pastas, cores, temperaturas... pero seguimos mantendo as formas tradicionais, incluso recollemos o barro na barreira onde se facía antigamente», explica Carrera sobre esta iniciativa, que comezou como un pequeno museo instalado na súa casa materna para expoñer a olería da que seu pai era mestre.

Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia

Brevebretema

En canto aos artesáns de Niñodaguia, a representación é tan resistente como escasa: tres coñecedores do oficio que fan todo por poñelo en valor. Con todo, Agustín Vázquez, presidente da asociación cultural Amigos do Barro e principal impulsor deste patrimonio, opta por contar a realidade con toda a súa aspereza: «Realmente queda o meu fillo, José, só, porque EnriqueCabana, outro dos alfareiros— e eu estamos xubilados, e non hai relevo xeracional. Se o deixa meu fillo, acabouse a olería en Niñodaguia», relata. Lonxe quedan os tempos nos que, na mesma praza na que hoxe se presenta o encontro, Agustín sentaba á sombra do carballo que a preside para traballar xunto a oito ou dez alfareiros máis, procedentes dos 14 talleres que convivían ao unísono.

O reto do relevo xeracional

Agora, ve difícil que alguén colla a remuda. É certo que os cursos de olería son todo un éxito en moitas cidades pola súa capacidade de relaxación, pero o camiño entre a afección e o oficio é longo de andar: «Ti non podes mirar ao reloxo cando te sentas ao torno, porque se cobrásemos por hora, como un mecánico, non venderiamos unha peza. Esta peza que teño aquí cobrámoslla a 10 euros, pero se miramos todo o traballo que ten, habería que subila a 25. En Europa pagaríase, pero aquí non», conta mentres suxeita unha pequena xerra feita coa arte tradicional, que considera «un mundo de bohemia», así como dun amplo carácter colectivo que pensa que falta nas novas xeracións.

Ante o panorama, a súa principal preocupación é preservar o patrimonio, para o que, aínda que se están a dar pasos, queda moito por percorrer. O Concello e a Deputación de Ourense, a través do Inorde, están a traballar para declarar a olería de Niñodaguia como Indicación Xeográfica Protexida en 2027, unha figura que suporía «un boom muy importante para la alfarería y la piedra angular en el proyecto», segundo declaraba hai uns meses a Europa Press Pablo Graña, alcalde de Xunqueira de Espadanedo. Agustín considera que hai que ir máis alá: «Debería ser catalogada como patrimonio cultural. O da IXP sería un logro, pero eu non me conformo con iso; a Deputación debería facer que o agasallo institucional fose olería tradicional, porque é a nosa historia. E falo de Niñodaguia, pero podería falar de Bonxe, Gundivós, Buño... Sempre foi o parente pobre das sociedades, pero merece a pena loitar», afirma.

O Museo Taller como gardián do oficio

Esta loita centralízase no Museo Taller de Olería de Niñodaguia, no que estes días se recollen todas as pezas dos encontros. Creouse en 2011 para amosar pezas, reproducións e un forno tradicional cando aínda quedaban seis alfareiros, pero co apoio da Deputación pasou a poder ofrecer actividades turísticas, proxectos comunitarios, estar aberto varios días á semana con visitas guiadas e mesmo volver acender eses centenarios fornos co inicio das Fornadas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents