Xuventude no rural
Portorixe: familia e deporte para revivir as aldeas
Óscar e Iván, dous irmáns xemelgos de tan só 21 anos do concello ourensán do Bolo, crean xuntos ‘Portorixe’, unha empresa especializada na xestión e dirección de actividades físicas e sociodeportivas. «Vivir no rural non debería significar ter menos oportunidades; tamén se poden desenvolver proxectos innovadores»

Os irmán Porto, Óscar e Iván, naturales do Bolo. / Cedida

Óscar e Iván Porto son dous irmáns xemelgos naturais de O Bolo, na comarca ourensá de Valdeorras, que aos seus 21 anos decidiron montar ‘Portorixe’ para asegurar o seu propio futuro e tamén o da comarca, co obxectivo de que «o rural non se perda», din. «Despois de anos traballando e formándonos no ámbito deportivo e educativo, decatámonos de que existía unha importante falta de actividades estables no rural», relatan os irmáns Porto. «Queriamos crear un proxecto diferente, profesional e de calidade que permitise que nenos, adultos e persoas maiores puidesen gozar de actividades sen ter que desprazarse continuamente a outras localidades. É dicir, queremos algo que por desgraza nós nunca tivemos», explican.
A idea parte da base dun traballo de final de curso de Iván no momento de formarse como técnico superior de ensinanza e animación sociodeportiva e de acondicionamento físico. Máis tarde, ó comentar a idea co seu irmán, tiveron o apoio do seu pai Francisco e do seu outro irmán Roberto no audiovisual.
«Portorixe é un nome moi especial para nós. Por unha banda, leva o apelido do noso pai, Porto, como unha homenaxe e un agradecemento por todo o apoio que sempre nos deu. Pola outra, está unido á palabra orixe, porque cremos que todo gran proxecto ten un comezo, e o noso nace precisamente na nosa terra, nas nosas raíces e no rural galego», declaran.
Ambos contan con varias titulacións do ámbito deportivo e da animación. Óscar é monitor de ocio e tempo libre, coach deportivo e conta co certificado de profesionalidade en acondicionamento físico en sala de adestramento polivalente, así como de atención sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes. Pola súa parte, Iván é técnico superior en ensino e animación sociodeportiva e acondicionamento físico, ademais de socorrista.
A necesidade de emprender e o desexo de non abandonar a orixe dan forma a un proxecto multidisciplinar que conxuga tódalas fases vitais da poboación para non deixar a ninguén fóra. «Portorixe non é só unha empresa. É un proxecto nacido coa ilusión de dous irmáns que cren no potencial do rural galego e da nosa xente, e que queren contribuír a darlle vida mediante o deporte, a educación e o lecer. O noso obxectivo é que cada actividade deixe pegada nas persoas, mellorando o seu benestar físico e social no seu día a día, e axude a facer das nosas aldeas lugares máis activos, unidos e con máis oportunidades», contan.
Conciliciación familiar
«Durante meses mantivemos reunións con diferentes concellos, centros educativos e outras entidades para coñecer de primeira man as súas necesidades. Esas conversacións confirmáronnos que existía unha demanda real de actividades deportivas, educativas e de lecer adaptadas ao rural, e foi aí onde decidimos dar o paso definitivo para crear Portorixe». Contan con actividades infantís para axudar á saúde dos pequenos e á conciliación familiar, cun servizo de madrugadores e tamén un campamento de verán. Se ben non van esquecer as máis demandadas como son o baloncesto e o fútbol, tamén buscan recuperar outras como a petanca, os bolos celtas ou o fútbol gaélico.
Na oferta para os adultos ofrecen dende adestramentos personalizados ou clases de GAP (exercicios de glúteo, abdome e perna; unha das máis demandadas), entre outros. Ademais de dar charlas abertas sobre saúde e fitness.
«Tamén queremos facer charlas de iniciación ao mundo do exercicio físico e sobre todo, o máis importante, charlas teóricas e practicas de primeiros auxilios, xa que a meirande parte da poboación é maior de 65 anos e queremos que estean preparados ante cualquer circunstancia que, por desgraza, pasa máis do que nos gustaría. Por exemplo, como actuar ante un atragoamento, ante unha parada cardíaca, etcétera. É algo que parece moi básico pero que a xente maior non sabe como actuar e isto pode axudar a salvar moitas vidas», explican.
Para os maiores teñen sesións que estarán adaptadas tanto para mellorar a mobilidade, a respiración, o equilibrio e a coordinación. Ponderando así o mantemento físico e o adestramento funcional.
Obradoiros interxeracionais
O máis destacable entre as ideas dos irmáns Porto é a vontade de unir a tódalas xeracións. Ao fin e ao cabo, non se pode manter o rural sen isto e eles sábeno ben. Por esta razón, ofrecen dende roteiros familiares cos que poñen en valor o territorio da comarca e da mesma maneira estreitan lazos entre quenes o habitan. Mais, tamén, ofrecen obradoiros interxeracionais, dunha maneira na que poden paliar a soidade non desexada na poboación máis lonxeva e transmitir eses valores da mesma maneira aos máis xoves.
«Tamén algo que creo que nos fai únicos é que queremos facer por exemplos encontros interxeneracionais e volver encontrarnos coas nosas raíces, é dicir, volver sentir de primeira man como se divertían pais, nais avós e avoas cando eran nenos e mozos. Queremos recuperar esos xogos tradicionais. É unha maneira de non esquecernos da nosa cultura e crear unha comunidade», destacan os irmáns.
Uns servizos que pensan ofrecer no Bolo e tamén nos arredores da comarca de Valdeorras. Contarán para levalo a cabo coa colaboración do colexio Manuel Respino, na Rúa, e a colaboración dos concellos de Petín, Larouco e o propio Bolo.
«Portorixe ofrecerá actividades deportivas, educativas e de lecer para todas as idades: escolas deportivas, multideporte, rutas de sendeirismo, actividades na natureza, obradoiros, campamentos, eventos, animación, produción audiovisual para eventos, actividades para centros educativos, ximnasia para persoas maiores e moitas outras iniciativas adaptadas ás necesidades de cada concello», concretan.
Este tipo de empresas buscan facerse un oco nunha contorna un tanto hostil que ás veces, ata pode asustar. Mais algúns como Iván e Óscar conseguen sentar un precedente claro de aposta pola vida activa no rural. «Porque é onde nacemos e onde queremos construír o noso futuro. Pensamos que vivir no rural non debería significar ter menos oportunidades de ocio, deporte ou educación que nunha cidade. Queremos demostrar que tamén desde aquí se poden desenvolver proxectos innovadores», finalizan Óscar e Iván.
Suscríbete para seguir leyendo
- Vuelca un camión que transportaba cerdos en Nogueira de Ramuín y varios terminan en un río
- Detenidos tres hombres y otro investigado por una agresión sexual grupal en un local de ocio nocturno de Ourense
- Un veinteañero se enfrenta a tres años de cárcel por un homicidio imprudente en Ourense
- La policía busca a un sexagenario como supuesto cuarto implicado en una agresión sexual grupal a una joven en Ourense
- Un vacío legal deja sin ayudas para vivienda rural a jóvenes gallegos que compraron entre octubre y diciembre de 2025
- «O’Xastre» senegalés que trabaja en Ourense: «A la gente le parecía raro que un hombre cosiese»
- Jorge Anta: «Tras 45 años vendiendo lotería al fondo de una galería, la suerte va a cambiar de puerta en Ourense»
- Jácome contra Teletaxi: el caso del micro abierto y la teleoperadora que elucubró sobre un alcalde en calzoncillos