Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Literatura

«Ser escritor sempre foi o meu soño» afirma o novelista Óscar Guzmán, autor de 'Só os mortos saben a verdade'

O autor ourensán presenta este xoves na libraría Nobel a obra coa que acadou o XXXII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey

Óscar Guzmán, coa súa novela.

Óscar Guzmán, coa súa novela. / Iñaki Osorio

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ourense

Óscar M. Guzmán soñaba con ser escritor dende que naceu en Vilamarín (Ourense) en 1970. Na actualidade compatibiliza o seu traballo como persoal laboral da Deputación Provincial de Ourense coa redacción literaria. Tras dúas novelas da saga do inspector Saladino Mariño, 'Os segredos de Teresa' e 'Pero... como morren as pegas?' (gañadora do V Premio Literario Vilar Ponte do Concello de Viveiro), vén de publicar 'Só os mortos saben a verdade', coa que gañou o XXXII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey do Concello do Grove. Este xoves 23 de xullo, na libraría Nobel, será o acto de presentación, a partir das 19.30 horas.

—Para comezar, como te sintes tras gañar o XXXII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey do Concello do Grove?

—A verdade é que moi contento; case é o segundo premio consecutivo despois do Vilar Ponte e sinto unha satisfación enorme, moito máis ao ser en galego.

—O libro está tendo a acollida que esperabas?

—Eu coido que si. O libro aínda saíu en xullo e é un pouco cedo para facer esas valoración, pero é unha publicación con Xerais, e obter un premio sempre da un plus.

—Tes un evento este xoves na librería Nobel, hai outros similares á vista?

—Veño de asinar e facer unha mesa redonda de novela negra na Feira de Vigo con Xaquín Núñez e Ana Vieitez, ambos autores de Xerais. Tamén dunha mesa de novelas premiadas con Iria Collazo e outra xente, e a seguinte será na Feira de A Coruña.

O evento que teño este xoves 23 ás 19:30h é un dos que máis me emociona pola amizade que me une coa xente de Nobel, sobre todo con Celia. Será unha presentación que esperemos que, malia ser xullo, teña unha acollida moi boa.

—A personaxe de Alfredo Torres chega a Vilamarín, que é o teu lugar natal. Hai algún motivo especial polo que elexiches este ambiente?

—Vilamarín é a miña terra de orixe, onde eu paseei de cativo e onde sigo tendo aos meus pais e unha parte da miña vida. É un escenario que me resultou moi cómodo; movinme coma un home de 81 anos, pero á vez movinme coma un cativo da súa man. Dalgún xeito, percorrín ese quilómetro e eses escenarios como cando vía á xente maior ir a misa, ao bar... Hai unha serie de localizacións específicas que para min significan moito.

—Secundino Santalices, o protagonista, ten 81 anos. Resultouche complicado interiorizar un personaxe desa idade?

—Non, para nada. Primeiro, porque hai unha profunda relación nas aldeas entre os rapaces e a xente de idade, sobre todo no meu tempo. Eu xa teño unha idade onde lembro ir xunto a xente que non era tan vella, pero que para min xa o era, e que quedaba para contar as súas historias. E tamén sigo tendo moitísima relación con outra xente de idade superior que fun coñecendo ao longo a miña vida. Non me custou moito, e ademais sempre me atraeu a xente de idade e a súa experiencia, que me parece fantástica.

—Tes dito que na novela hai inmersa unha reflexión social. Cal é?

—Primeiro, hai unha reflexión social coa xente de idade, co abandono e a soidade dunha persoa maior que marcha a unha residencia de anciáns e como esa xente queda a medio camiño. Sobre como o último tramo, que debería ser moito máis fácil, se converte nun tramo máis difícil. Tamén hai unha reflexión sobre a amizade e determinados valores que ás veces están ben, e outras veces malentendidos.

—Que foi o que máis che gustou de escribir esta novela?

—Gustáronme os personaxes, porque se adaptaron moi ben ao que quería contar, o percorrido polos escenarios e como se vai contando a historia a pesar de ser coma unha biografía de Secundino e o seu amigo Elixio. Tamén ese suspense que conseguín darlle á novela para chegar a un final que espero que á xente lle guste e que sexa sorprendente para moitos.

—E cal foi a parte máis difícil?

—O máis difícil é ir de menos a máis, sostela durante o espazo que dura a narración dotada dunha calidade literaria que sexa abondo para gañar un premio e sobre todo xogar coas etapas para chegar ao final, que non perda a intensidade e facer que a xente se sinta atraída e metida na novela.

—Por que decidiches cambiar de personaxes despois de dous libros da mesma saga?

—Porque era necesario. Toda a saga de Saladino Mariño para min é como uns xoguetes, e eu son coma un cativo que de vez en cando os meto nunha caixa e cando me apetece volvo a xogar con eles, ou cando se me escapa algún, coma en Toy Story (risas). Sobre todo porque necesitaba escribir unha historia mais seria, con outra forza e outra profundida que a min tamén me gusta. Ademais, tiña a necesidade de cambiar, de moverme un pouco e probar cousas novas, para que ninguén me encaixe.

—Tes pensado continuar coa saga do inspector Saladino?

—Está continuada, o que pasa é que de momento aínda non saíu. Xa os saquei da caixa, xa xoguei con eles e xa os volvín gardar; porque lles tocaba, un dos personaxes me contou unha historia e escribín, pero por agora está aí. A min gústame darlle as cousas o pouso suficiente e esperar o seu momento.

—Te plantexas escribir outros xéneros distintos?

—Si, si, si. A saga de Saladino é máis de xénero de Agatha Christie, cun crime e un desenvolvemento de tramas ata o final, e neste caso é unha novela máis de Hitchkook, tipo suspense onde o camiño é outro. Pero dentro dese xénero, que é no que mellor me movo, me gusta tocar outras liñas. Con isto non quero dicir que vaia escribir ciencia ficción ou romantasy, pero si facer cousas un pouquiño máis duras. De feito estouno facendo (risas).

—Cales son os teus próximos obxectivos no ámbito da escritura?

—Publicar a seguinte de saga, esperar os resultados desta, presentarme a un certame literario, e hoxe chegoume unha proposta dunha axencia editorial para levar unha das novelas, «Pero... como morren as pegas?», á lingua castelán. Así que obxectivos teño moitos, despois non sei os que cumprirei, isto pasa como o día 1 de xaneiro (risas).

—Ti tes un traballo ademais de ser escritor. Resúltache complicado conciliar as dúas labores?

—Moitísimo, a escrita profesional é outro mundo. Tampouco aspiro a iso; pareceme durísimo adicarte á escrita, seguir as liñas editoriais, un pouco estar «esclavizao», entre moitas comiñas. Non é cuestión só do traballo, tamén é a familia, a xente maior, as responsibilidades que temos todo o mundo e os anos, que che van producindo cansancio. Entón aí vamos, en canto lava a lavadora escribimos unha páxina (risas), imos facéndoo.

—Por que quixeches ser escritor?

—Porque sempre foi o meu soño. Eu era un rapaz de cativo que o que facía era ler, ía co gando e lía, era a miña diversión. E foi algo que lle transmitimos a nosa filla, Alba, que xa leva un montón de premios e dous libros, aínda que se adica a outra cousa. Eu sempre digo o mesmo, todos os pais queremos que os nosos fillos sexan o que nós quixemos ser. E iso provocou que ela escribira e gañara unha serie de premios, e ela tamén foi a que me empurrou, así que sempre estamos coa pregunta de «que foi primeiro, o ovo ou a galiña?».

E eu cumprín un soño, sobre todo porque a primeira novela publiqueina nunha editorial pequena, «Toxosoutos», pero gañar xa coa segunda novela un premio xa me deu un plus. E con «Só os mortos saben a verdade» foi outro plus porque está Xerais, que é unha das editoriais grandes de Galicia. Estou coma nunha nube, son algo así coma Son Goku.

—Mantés un vínculo especial coa túa filla a través da literatura?

—Claro, falamos moito de libros, vai ser a miña presentadora por segundo ano, fomos os pregoeiros da Feira de Ourense este ano... Neste intre, eu si que coido ser máis consciente e ela dentro duns anos seguro que o é tamén de dicir «fixen isto co meu pai», igual que o meu fillo con outras cousas. É algo que te une, coma todo o que che gusta.

Tracking Pixel Contents