Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura galega

O último marco conmemorativo do Camiño de Nós chega a Ourense

O presidente da Fundación Ínsua dos Poetas solicitará á Xunta de Galicia que se declare coma itinerario cultural

Rosendo Fernández, Gonzalo Pérez Jácome, Luís González Tosar e Manuel Pardo inaugurando o último marco do Camiño de Nós.

Rosendo Fernández, Gonzalo Pérez Jácome, Luís González Tosar e Manuel Pardo inaugurando o último marco do Camiño de Nós. / FDV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ourense

Este mércores 8 de xullo colócase o marco da pedra inicial do Camiño de Nós en Ourense. Está ubicado na confluencia das rúas Curros Enríquez e José Ángel Valente. Tras 100 anos dende a súa realización, colocouse o marco onde comezou a ruta: na Ponte Nova. Era o último que faltaba, dado que o resto dos concellos polos que pasa o camiño xa contan cun marco conmemorativo.

Luís González Tosar, presidente da Fundación Ínsua dos Poetas e representante neste acto das fundacións Vicente Risco e Otero Pedrayo, afirmou que "isto é máis que un recordo, é unha realidade, e esta realidade debe pervivir". Por iso, pediulle ás autoridades presentes que apoien a súa proposta para que "o goberno da Xunta de Galicia declare este Camiño de Nós coma un itinerario cultural". Ademais, recalcou que non é outro camiño de Santiago, senón que é unha "ruta cultural" que ten unha "trascendencia fundamental para o futuro", e remarcou que as novas xeracións deben implicarse moito máis "no seu país, que é o de todos: Galicia".

O diputado Rosendo Fernández engadiu que debemos lembrar o que esas autoridades fixeron posible porque "recordar é volver a vivir". Tamén asegurou que, independentemente de que se declare ou non, xa é "unha ruta cultural por méritos propios".

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, declarou que "esta pedra pesa pola súa historia e o que representa". Asimesmo, expón que dende a Xunta defenden este tipo de camiños que apoian a nosa cultura e que ao mesmo tempo se convirten nun atractivo para os turistas. "Galicia non só é territorio; Galicia é lingua, é cultura, é unha forma de ser", afirma Pardo.

Finalmente, o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, engadiu o seu discurso no que quería dar a "súa opinión política". Asegurou que "se a Xeración Nós levantara a cabeza, ademais da súa loita polo galego e por Galicia, reivindicaría a loita contra a discriminación da provincia de Ourense". Falou de que nos últimos 30 anos España gañou entorno ao 25% de habitantes, Galicia mantívose en cero e Ourense perdeu "un vinte e pico por cento, o cal é realmente salvaxe", e continou con "somos a Cincenta de Galicia, a Cincenta de España".

Na pedra pode apreciarse a palabra "Nós" enriba dunha ilustración que representa aos sete intelectuais que fixeron o camiño. Na parte esquerda pódense ler os seus nomes aos que lles sigue o texto "Peregrinos dunha nova fe, fixeron a pé este itinerario cultural, de Ourense a Compostela, entre o 8 e o 11 de xullo de 1926" e o logo da Deputación de Ourense. No outro lado está representada a liña que separa as cidades de Ourense e Santiago, pasando por Amoeiro, cunha distancia de 105km, e mais o logo da Xunta de Galicia. Nas costas aparecen o nome dos once concellos que conforman a Asociación Camiño de Nós, e na parte superior contén un fragmento que narra o comezo do camiño cen anos atrás. A ceremonia rematou co levantamento da bandeira que deixou á vista a pedra e coa reprodución do himno de Galicia.

A orixe do camiño

O 8 de xullo de 1926, sete galeguistas de Ourense (Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Antón Sánchez, Xavier Pardo Bedia, Florentino L. Cuevillas e Alfonso V. Monxardín) comezaron unha viaxe de estudo que lles levou tres días a pé. A súa intención era descubrir o "propio país" e aquilo relacionado coa historia, a etnografía e calquera cousa que implicara a identidade propia, explicou González Tosar.

Tras ter creado a Revista Nós e sendo membros das Irmandades da Fala, eran conscientes de que Galicia necesitaba un autodescubrimento e revelarse coma un pobo diferenciado. Por iso, partiron preparados con cámaras fotográficas e equipos que lles permitiran tomar notas e recorreron as diferentes etapas. Todo quedou documentado nas crónicas que Pardo Bedia publicou posteriormente no xornal A Nosa Terra. En 1928 realizaron un segundo camiño, neste caso dende Ourense ata San Andrés de Teixido. Foi Otero Pedrayo quen documentou esta vez a experiencia no chamado "Peregrinaxes 2". "Creo que cen anos despois, paga a pena que recordemos esta iniciativa netamente ourensá que trascendeu e que permitiu que a cultura de Galicia tivera nese momento un antes e un despois. Iso era o que pretendían os homes de nós", concluíu Luís González Tosar.

Tracking Pixel Contents