O Couto Mixto celebra a súa tradición co nomeamento de novos xuíces honorarios
A distinción á asociación de Mulleres Rurais da Raia, Xurxo Lobato y Marco Franco Neves pon de relevo a dinamización social, a memoria histórica e a defensa da lingua
Os tres Homes de Acordo debían ter preparada a súa chave. Non había outra forma posible de pechar calquera tipo de acordo sen contar cos tres representantes das aldeas que compoñen o Couto Mixto —Meaus, Rubiás e Santiago—, pois nunha arca común cunha tríade de fechaduras xacían todos os documentos relativos a esta república. Como cada primeiro sábado de xullo, os seus herdeiros lembraron este 2026 como unha nova Lei de Lindes puxo fin, hai xa máis de 160 anos, a aquel exemplo de sistema democrático e libre comercio que durante máis de oito séculos rexiu con maestría ese recuncho da Raia. Pero non o fan con tristeza, senón coa toma activa do legado, pois a Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto entendeu dende hai xa 27 anos que a mellor forma de lembrar unha herdanza é practicala. Os tres Homes de Acordo volveron ter preparada a súa chave. A arca das tres fechaduras presidía a mesa.
O Couto Mixto honra a súa memoria histórica
A igrexa de Santiago de Rubiás, no concello máis frío de Galicia no día —Calvos de Randín—, acolleu este sábado o nomeamento de tres novos xuíces honorarios, a distinción que recoñece aqueles que, polo seu labor universal, axudan a valorar a memoria histórica da cultura arraiana. Daquela había xuíces de facto a modo de figura de goberno, como Delfín Modesto, cuxa escultura preside a día de hoxe as rúas do concello. Un ano máis, o paseo previo ao acto encheuna de flores.
Este 2026, os merecedores de recibir o diploma acreditativo, a insignia de prata e a chave sobre peaña de pedra foron máis que variados. Por segundo ano consecutivo, un dos nomeamentos recaeu nunha asociación, neste caso a de Mulleres Rurais da Raia, en Baltar, á que se recoñeceu polo seu compromiso coa dinamización social do rural, coa convivencia veciñal e coa participación activa das mulleres na vida comunitaria. «Un pobo non vive só das súas rúas e das súas paisaxes. Vive sobre todo da xente que decide implicarse, organizar, colaborar e tender a man aos demais», remarcou Tamara Couveiro na súa loubanza. A súa presidenta recolleu o distintivo no que foi unha intervención breve pero sentida, afondando no sentimento deste título como xuíz honorario colectivo e apostando por un rural «vivo, activo e cheo de futuro».
Xurxo Lobato e a memoria visual da Raia
A seguinte chave foi concedida ao histórico fotógrafo Xurxo Lobato. Autor da icónica imaxe do Prestige, o coruñés viaxara en 2004 a Calvos de Randín para ilustrar o libro O Couto Mixto, unha república esquecida. Aquela viaxe, na que buscaba «un outono cálido, morno, de fin do esplendor do verán coa chegada do outono, para retratar este espazo que tamén tivo o seu esplendor, mais xa estaba na decadencia», acabou derivando nunha obra que, considerou a asociación, contribuíu a construír a memoria do espazo. «Tentarei ser un xuíz non singular neste tempo no que soportamos os singulares», agradeceu Lobato tras recibir o nomeamento.
O terceiro recoñecemento foi para Marco Franco Neves, profesor, tradutor e divulgador portugués, distinguido pola súa defensa da lingua como ponte entre pobos. O autor reivindicou a súa relación persoal con Galicia, terra á que chegou de neno da man dos seus pais e á que volveu agora coa súa familia.
Suscríbete para seguir leyendo
- Isabel y Adolfo, de Venezuela a Ourense con sus tres hijos para reabrir un puesto en la plaza de abastos: la inmigración que rescata el comercio en Ourense
- Los consejos de un especialista para evitar que los ladrones roben en casa en vacaciones: «Con una inversión de 220 euros se aumenta la seguridad de la puerta»
- Dieciocho nuevos directores de colegio en Ourense inician su preparación para el curso 2026-2027
- El viaje del japonés Ryuta: desde Osaka a Galicia con destino Ourense
- Aparece el cadáver de un hombre de 50 años en el río Arenteiro, en O Carballiño
- Gonzalo Pérez Jácome desafía la alerta roja y los 40º de Ourense y se pone a entrenar: «Con mucho cuidado»
- Ocho incendios obligan a cortar el tráfico ferroviario convencional entre Ourense y Santiago de Compostela
- Una mujer de Ourense se sienta en el banquillo como acusada el mismo día de su boda
