Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ramón Villares recibe o premio Trasalba do Ano Oteriano: "Non somos o que temos, somos o que damos"

O historiador, galardonado co premio Trasalba 2026, defiende la interpretación del pasado y la construcción de relatos

Ramón Villares recibe o premio Trasalba.

Ramón Villares recibe o premio Trasalba. / Iñaki Osorio

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Amoeiro

Dicía Carl Rogers que o «máis persoal é o máis universal». O nome do psicólogo humanista non figuraba entre os máis de 30 que Ramón Villares mencionou na mañá deste sábado durante o seu discurso no pazo de Trasalba, pero a súa cita é a que mellor reflicte a esencia das palabras que máis resoaron na plática do doutor en Historia. Curiosamente, esas verbas non proviñan de ningún estudoso, senón da súa nai, á que tivera que despedir había cousa de tres meses: «Non somos o que temos, somos o que damos. Ese foi o resumo da súa vida, e poñermo a min faime máis persoa, quizais máis humilde, pero ao mesmo tempo máis auténtico», expresaba o nado na aldea luguesa de Cazás, en Xermade. E talvez por iso a fundación o recoñeceu este ano. Porque hai vidas que non se miden polo que acumulan, senón pola luz que deixan acesa nos demais.

Dito discurso, evidentemente, non se deu en van, senón que foi a forma de agradecemento coa que Ramón Villares aceptou ser o 44º galardoado co premio Trasalba, que cada ano outorga a Fundación Otero Pedrayo. Se xa obter esta condecoración é un recoñecemento de referencia na cultura galega, recibila neste 2026 pon o exreitor da USC nun chanzo aínda máis destacado, ao tratarse do Ano Oteriano. Así o decidiu por unanimidade o Parlamento de Galicia, que dedicou estes doce meses ao referente intelectual ourensán coincidindo co seu 50º cabodano e co centenario da publicación de Guía de Galicia.

A Fundación, que nun primeiro momento premiaba co Trasalba a vinculación coa figura de don Ramón —pero que ten agora unha perspectiva máis global dentro do galeguismo—, seleccionou a Villares pola súa «entrega á causa oteriana» e polos moitos anos dedicados á investigación da Xeración Nós desde a historia e a xeografía, principalmente no seu ensaio Fuga e retorno de Adrián Solovio (Galaxia, 2018), chave para achegarse hoxe ao pensamento ourensán. Tras a elección feita en xaneiro, a súa casa museo na Casa Grande de Cimadevila enchíase para escoitar o doutor en Historia, así como a laudatio que lle dedicaría Rosario Álvarez Blanco e as intervencións de María do Ceo, que puxo música a múltiples versos de Pedrayo.

Unha débeda intelectual

Mais o momento central chegou cando o homenaxeado tomou a palabra. Primeiro, para agradecer o agarimo da laudatio, o traballo da Fundación e a presenza dos amigos e compañeiros que o acompañaron na casa de Cimadevila. E despois, xa coas obrigas da gratitude cumpridas, para trazar unha viaxe pola súa relación coa obra de quen dá nome á casa, á fundación e ao premio. Villares non falou desa relación como quen invoca unha devoción herdada nin como quen cumpre cunha liturxia cultural. Fíxoo máis ben como historiador que recoñece unha débeda intelectual. Admitiu que non tratara persoalmente con Otero Pedrayo, máis alá de telo escoitado nalgunha conferencia en Compostela nos primeiros anos setenta, pero que a súa obra levaba máis de catro décadas acompañándoo no seu oficio. «Encontro decote nos seus libros un sólido amparo intelectual, unha constante inspiración para interpretar Galicia e a súa historia», afirmou ante un auditorio que escoitaba como, pouco a pouco, o discurso deixaba de ser unha lembranza para converterse na defensa dunha maneira de entender o pasado.

Porque ese foi, en realidade, o eixo máis fondo da súa plática. Villares afirmou que se formou na «relixión do método», nos tempos da historia económica, das estatísticas, das estruturas e dos arquivos, pero atopou no señor de Trasalba algo que non sempre aparecía nos documentos: a vida que lles dá sentido aos feitos. Coa súa obra descubriu que non se trataba de opoñer ciencia e literatura, senón de lembrar que ningún país pode explicarse só cunha relación de papeis. «Historiador non é só andar con datos, é saber interpretar, é saber construír un relato», resumiu. E para facelo botou man dunha imaxe tan sinxela como precisa: non abonda con ser «apañador de pedras», tamén cómpre ser «canteiro e albanel» para levantar con elas unha parede.

Un clásico presente

Nesa parede situou Villares boa parte da súa propia traxectoria. A historia agraria ou a emigración, que marcan gran parte do seu percorrido intelectual, apareceron no discurso como lugares aos que a lectura de Pedrayo lle permitiu volver con outros ollos. Onde antes había estruturas frías, explicou, comezou a atopar relacións familiares, lembranzas, mudanzas, fidalgos, labregos, camiños e aldeas atravesadas polo tempo. A súa foi, polo tanto, unha descuberta «a lume lento», feita de arquivos e literatura, de investigación e intuición, ata entender que a Galicia contemporánea tamén se podía ler a través desa prosa poderosa que sabía ver nas cousas miúdas a pegada dos grandes acontecementos.

Dita capacidade para facer dialogar o pequeno co universal levou a Villares a reivindicar o gran presente de Otero Pedrayo. «A súa obra está moi viva», defendeu, antes de situalo na categoría dos clásicos, pero non deses convertidos en estatuas nos libros teóricos, senón daqueles que conservan a forza de mudar segundo a mirada de cada tempo. «Os clásicos non son clásicos por estaren mortos, senón porque son parte dunha tradición», sinalou. Unha tradición que revive cada vez que alguén volve a ela para facerse novas preguntas. E foi precisamente outra tradición, a do xantar de amizade no souto da casa museo, a que pechou a edición máis acaída do premio Trasalba.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents