Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

A Feira do Libro toma San Lázaro: lectura á sombra das árbores no corazón de Ourense

Durante catro días, o parque acolle unha decena de librarías e actividades literarias nunha edición que reivindica as historias escritas fronte á cultura dos impactos fugaces

A Feira do Libro permanecerá en San Lázaro ata o sábado día 20 de xuño.

A Feira do Libro permanecerá en San Lázaro ata o sábado día 20 de xuño. / Brevebretema

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

O Parque de San Lázaro deixou de ser onte, e ata o sábado, unicamente o pulmón verde de Ourense. As sombras das árbores deste refuxio climático no corazón da cidade convértense tamén durante estes días no escenario da Feira do Libro, unha cita que reúne unha decena de librarías ao longo do paseo e transforma o parque nun punto de encontro arredor da lectura.

«Seguindo a máxima de Cicerón, ‘se ao lado dunha biblioteca hai un xardín e un parque non fai falta nada máis’». Con estas verbas resumiu o deputado provincial, Rosendo Fernández, unha iniciativa que, segundo destacou, «transforma o parque nunha auténtica biblioteca ao aire libre» e reivindica a importancia «dos libros como ferramenta cultural imprescindible». «Benvido ler e ler», proclamou Fernández, quen incidiu no valor da lectura porque «non hai libro malo do que non se saque algo bo».

Con esta reflexión convidou aos ourensáns a aproveitar as Festas de Ourense para achegarse a San Lázaro e descubrir novas lecturas capaces de abrir horizontes e espertar novas inquedanzas.

Dende o Concello de Ourense o edil Francisco Lorenzo tomou a palabra para, dun xeito similar, destacar que o parque converterase durante catro días «nunha festa da lectura» , polo que animou tanto á veciñanza como ós visitantes a «festexar a cultura e a lectura nun lugar emblemático» da cidade.

O despregue desta edición conta co respaldo da Federación de Librarías de Galicia, da Deputación, do Concello e tamén da Xunta de Galicia. Así, en nome desta última institución interveu o delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, quen pediu que «ademais de ir de orquestras» a cidadanía «merque e se empape de literatura e cultura nesta feira». Nun contexto no que, advertiu, «a sociedade se rende a vídeos de 20 segundos e a impactos fugaces», as casetas das librarías representan «un refuxio para a lectura reflexiva e a análise crítica».

O presente da literatura provincial

Tras as intervencións institucionais chegou a quenda do pregón interxeracional. Óscar e Alba Guzmán, pai e filla escritores, foron os encargados de dar o pistoletazo de saída literario á feira. Óscar Guzmán botou a vista atrás máis de catro décadas para lembrar como un exemplar de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, mudou para sempre a súa percepción da realidade cando chegou ás súas mans nun colexio de Cambeo. Aquel libro foi a semente que alimentou o seu soño de converterse en escritor e, sobre todo, de transmitir «a importancia de ler como unha táboa de salvación».

Alba e Óscar Guzmán, pai e filla, escritores e pregoeiros.

Alba e Óscar Guzmán, pai e filla, escritores e pregoeiros. / Brevebretema

Esa mesma «táboa» recolleuna a súa filla, Alba Guzmán, quen reivindicou en San Lázaro as figuras que contribuíron a cincelar a identidade ourensá dende a literatura: Ramón Otero Pedrayo —no cincuenta aniversario do seu falecemento—, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas e tamén aquelas autoras que, segundo lamentou, «caen no esquecemento», como Pura e Dora Vázquez ou Filomena Dato.

Dos pioneiros da literatura ourensá, a nova pregoeira deu un salto ata o presente para reivindicar a boa saúde das letras da provincia, cunha nómina de autores que continúa enchendo estantes e conquistando lectores, entre os que citou a Diego Ameixeiras, Xoán Tallón ou Javier Fraiz.

Coa mirada posta tanto na tradición como no futuro, o pregón pechouse cunha defensa da lectura como ferramenta contra a indiferenza, porque cada libro que estes días abandone San Lázaro baixo o brazo dun lector será tamén «unha pequena vitoria da cultura contra o baleiro», e cun último desexo: que «o único que arda este verán sexa a vosa imaxinación a través dos libros».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents