Nove colexios do Ribeiro celebran unha convivencia para visibilizar a educación rural fronte á despoboación
A iniciativa busca unir lazos entre alumnos e docentes dos centros da comarca para combater a baixa natalidade e a emigración cara ás cidades

David Alján
O pequeno Álex é de Beade, estuda no CEIP Emilia Pardo Bazán do concello de Leiro e hoxe, xogando ás vendimias, fixo un novo amigo do Plurilingüe de Ribadavia. Os nove quilómetros que separan ambos centros, e que en Madrid serían unha ringleira de edificios e trasfega, trazan nesta parte do Ribeiro un camiño cheo de natureza, viñedos e unha desas economías circulares que tanto se busca nalgunhas metrópoles. Pero contar só a parte bonita da historia sería ocultar o problema que lle afecta: a baixa natalidade e a emigración cara as cidades está a baleirar de estudantes estas aulas rurais, poñendo en perigo que próximas xeración coma as de Álex poidan educarse rodeados do campo e a aldea que aman. Afortunadamente, a despoboación topou no Ribeiro cun corpo de resistencia, que con actos como os que organizaron este martes, berran aos catro ventos que non pensar dar por vencida a súa identidade.
Xogos con nenos doutros coles
Nove colexios da comarca celebraron na área recreativa da Veronza a súa primeira convivencia intercentros, unha actividade pensada para visibilizar os centros e unir lazos entre os seus alumnos. Os docentes, que se implicaron durante meses para levar este proxecto a cabo, prepararon un total de doce actividades para pequenos e maiores enfocadas á contorna do Ribeiro, como identificar plantas autóctonas, un xogo de cooperación para recoller bólas a modo de vendimia ou un obradoiro de adiviñanzas para relacionar recunchos pintorescos co seu concello de orixe. Cunha pequena volta, pois fíxose que os grupos nos que dividiron aos alumnos tiveran representación dos distintos colexios, e todo baixo a atenta mirada de Don Vini, a mascota oficial da xuntanza presente en todas as camisolas que portaban. Foi creada por Alberto Gómez, alumno do colexio de Leiro, que se inspirou nas viñas que coida a súa familia dende hai década. «Cando sexa maior quero seguir alí coma eles. Leiro é un sitio con moitas cousas bonitas, sobre todo ao lado do río, alí podes pasear por calquera lugar sen que che digan nada», conta o cativo.
A convivencia naceu da proposta do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ourense, que a principio de curso propuxo aos directores do Ribeiro traballar nos coñecidos como Seminarios Intercentros, grupos de traballos para pensar máis alá do propio colexio. Aínda que por desenvolver na comarca, esta modalidade xa dera resultado en zonas como Valdeorras, onde grazas ao programa celébrase dende hai 25 edicións a xa mítica convivencia para nenos e nenas de Infantil «Cholo e Nela». Alí participou, primeiro como alumno e despois como mestre, Jaime Díaz, quen agora é director do CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle: «Sabía que era unha actividade moi chula, motivadora e que a ti, como neno, che queda gravada. Intentamos levala a cabo aquí, pero vimos que as formas de traballar e a casuística dos nosos centros non tiña nada que ver coa de Valdeorras, polo que decidimos montar al propio do Ribeiro», explica.
Menos de 30 alumnos entre Infantil e Primaria
Esas «casuísticas» explícanse principalmente no número de alumnos cos que contan nos centros, o cal se se está acostumado ás cifras da costa, supón un shock absoluto: agás en Ribadavia —onde hai colexio de liña completa—, a escola con máis estudantes só chega a 42 matrículas, pero non como colexio rural, senón como CEIP, a mesma modalidade de centro que supera os 1.000 alumnos en grandes concellos como Arteixo. «E iso no mellor dos casos. En Cenlle somos 26, en Castrelo de Miño andarán en 35, e Arnoia, que non viu hoxe, ten 14 estudantes», engade Díaz. Mentres nas cidades ábrense ata cinco clases por nivel, no Ribeiro agrupar a varios cursos nunha mesma aula é practicamente a regra xeral.
A situación vén derivada, fundamentalmente, por non conseguir nova demografía. Os datos do IGE confírmano, pois ningún concello do Ribeiro agás Ribadavia logrou alcanzar os dez nacementos anuais en toda a última década. É máis, entre 2016 e 2024, máis da metade dos municipios da comarca non pasaron dos tres partos, e en 2020, ata dous municipios — Arnoia e Carballeda de Avia— deixaron o contador a cero.
A chegada de novos veciños non consigue compensar a balanza, pois aínda que de 2021 a 2024 o saldo migratorio da comarca fora positivo, ningún concello —exceptuando a capital— conseguiu sumar máis dun novo alumno por curso educativo, pois a diferencia entre menores de 16 anos inmigrados e emigrados nunca foi superior a dita idade. «Temos apoio da nosa inspección, da dirección territorial, a Consellería está connosco... pero a realidade é que non temos natalidade, e cando a hai, vemos que xente dos nosos concellos vaise a outro lugar», explica Jaime.
Díaz fala dende a voz da experiencia ao afirmar que a perda dun colexio do rural é o primeiro paso do seu abandono. Neno dunha aldea de Valdeorras, viu como o centro onde estudou de pequeno xa non sigue vixente, e sabe que poder educarse na propia vila é peza crave para acabar valorándoa: «No momento no que non poidan medrar na aldea, que arraigo lle vas pedir que teñan?» lamenta. «Xa con toda a globalización que trouxeron as pantallas e Internet, ás veces custa que algún alumnos teñan esa identidade do Ribeiro. Se inda por riba perden o colexio, que é o maior punto de conexión local dende a idade máis pequena, xa non queda nada».
Suscríbete para seguir leyendo
- Así será el futuro hotel balneario de As Caldas, con categoría 5 estrellas, vistas al Miño, servicios de salud termal, ocio y restauración
- Tiran droga por la ventana del coche en una huida temeraria de 15 kilómetros en la A-52
- Juicio a un cigarrón del Entroido de Verín acusado de herir con el látigo a una mujer embarazada: «Se lo recriminé y no mostró arrepentimiento»
- Muere un motorista en un choque con una furgoneta en la A-52 en Ribadavia
- La Xunta anuncia que el parque acuático de Monterrei, abre el 19 de junio, con los mismos precios, por ahora, que en 2025
- Raúl, un estudiante de 21 años, idea una pasarela mirador bajo el viaducto del Miño con vistas privilegiadas de Ourense: «Ojalá sea una realidad»
- Jácome mete el turbo en el último año de mandato y trata de desbloquear el PXOM, anulado desde hace 15 años y licita la redacción del plan del casco histórico a un año de los comicios
- María y Miguel, una sanitaria y un abogado reconvertido en jardinero que ahora venden en el rianxo sus arándanos eco con DNI de Ourense