Entrevista | Rita Doallo Escritora infantil
Rita Doallo, escritora de 'Astralistoria': «Na literatura infantil non hai temas tabú»
A escritora ourensana presenta este sábado na libraría Eixo a súa primeira novela infantil, que acadou o IV Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer pola súa forma de tratar a soidade non desexada a través dunha máquina do tempo

Rita Doallo, co seu libro 'Astralistoria" / Brevebretema
Nun libro infantil, por que escolleu tratar a soidade non desexada?
Eu creo que calquera tema pode ser tratado na literatura infantil. Hai libros sobre realidades moi duras, e ás veces alucinas, así que non ten por que haber tabús. No meu caso xurdiu un pouco de refilón: non era o tema central, pero segundo vas escribindo, como que se vai debuxando a historia verdadeira. A personaxe que representa ese sentimento é Iris: vivía soa, non quería vivir soa, pasáronlle cousas na vida e quedou cunha memoria un pouco difusa, entre fantasía e imaxinación. Eu quería unha historia que tivera dentro outras historias, e aparecéume a idea dunha máquina que fixese como películas medio máxicas, medio de memoria, medio de recordos. A partir de aí fun encaixando pezas e saíu esta obra.
Que personaxes moven a trama?
Hai dous nenos, porque na literatura infantil tamén é importante ter alguén co que se identifique o lector. Despois hai un ratiño, que non se sabe moi ben quen é ata o final, e que ten unha relación moi importante coa señora Iris. Ela é unha muller maior que vive soa nunha casa que parece abandonada, pero non está abandonada, simplemente ninguén sabía que estaba aí. É como eses sitios que vemos moi deteriorados, mesmo hai varios no Casco Vello de Ourense, e nin pensamos que pode haber xente dentro. Tamén quería reflexionar sobre esas situacións que ás veces saen nas noticias,- persoas que morreron soas e de quen ninguén sabía nada.
O libro recibiu o Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer. Como o viviu?
Non o cría moito. Chamáronme a mediodía dun número descoñecido e pensei: «Vai, verás, spam». E despois trábaste, non dás falado… Pero quedei supercontenta porque o xurado é xente á que admiro na súa escrita e na súa vida, como Fina Casalderrey ou Francisco Castro, que para min son referentes. Quedei moi abraiada, non mo podía imaxinar, ao final que consideren que algo do que eu escribo merece interese é incrible. E ademais foi a primeira narrativa que publico, así que para min foi moi especial.
Como naceu esa oportunidade de publicar esta primeira narrativa?
Escribir non é o mesmo que publicar, porque xa tiña escritas algunha con anterioridade. Isto foi nun concurso e nunca sabes se vai saír ben ou non. Eu participo en moitas cousas porque me gusta escribir e me gusta participar, non pensando en gañar, porque ao final gaño unha das cincuenta ás que me presento. Non me desanima, ao revés, anímame porque o paso ben escribindo. Cada vez que fago algo novo penso que sae un pouquiño mellor, segundo vas practicando, e esta tivo a sorte de tocar a fibra sensible de alguén.
A idea de falar de alzhéimer, de soidade non desexada… reforza que non hai temas tabú para a infancia?
Os temas están na vida e os nenos son parte da vida. Igual non con tanta dureza, non con tanto realismo, non coa mesma carga, pero están aí. Nós non lles contamos as noticias da xente que morreu soa nunha casa abandonada, pero a realidade existe. Aquí usei unha metáfora máis máxica para introducir certas cousas e tamén quería falar dos recordos, que non son unha realidade, é algo que vas elaborando e transformando. Iris non recorda moi ben o seu pasado, que é un pouco triste, e vai contando cousas que poden ser certas ou poden non selo, pero recórdaas con cariño. É ese xogo de que é a vida: o que recordamos, o que vivimos, o que pensamos que imos vivir… Un batiburrillo, pero porque así somos.
Tamén pódese entender que a literatura, aínda que sexa ficción, ten un gran potencial educativo
Si, pero para min non ten que ter moralina, e diso só a separa unha liña fina. Ás veces parece que a literatura ten que valer para algo, que ten que dar unha lección, e a min iso quítalle literatura. Imaxina un libro para adultos que che dá unha lección todo o tempo, Que chapa! Hai que ler para desfrutar e para sacar conclusións, non para que che dean todo mastigado. Como ferramenta educativa é xenial, pero non moralizadora. E ademais ás veces a propia xente lectora sorpréndete e saca conclusións que nin ti mesma pensabas.
Contaba nas súas redes que está é unha lectura «para a partir de 7/8 anos ata os 115 aproximadamente».
Si, porque a literatura non ten barreiras de idade. Neste caso comeza 7-8 anos porque son 87 páxinas e, aínda que teña ilustracións, tes que ter un pouco de hábito lector e facer un esforzo. Pero idade máxima non hai. Eu desfruto moitísimo da literatura infantil, vou á biblioteca cos meus fillos e parece que os libros que collo son para eles, pero moitas veces son para min. Se che gusta ler, por que non?
Xa ten outra obra en camiño, pois a súa próxima publicación «Por arte de risa» sae á prevenda este luns. Que nos pode adiantar?
É unha obra moi divertida. A editora do libro é Pepa a Loba, e é unha revisión, con humor e ironía, de como se tratou sempre o tema das musas na arte, como se fosen pasivas mentres o artista activo era o pintor. A través da figura da Mona Lisa revélase o segredo do seu sorriso, esa «sorrisa misteriosa» cos beizos apertados: igual é que Leonardo da Vinci non se atreveu a amosarnos un segredo. É un xeito de rir e, ao tempo, de achegarnos dunha maneira divertida a unha figura tan interesante como el.
- Condenan a la CIG a pagar 15.000 euros a una trabajadora por negarle la reducción de jornada para el cuidado de sus dos hijos
- El histórico ascenso de la Unión Deportiva Ourense a Primera RFEF garantiza un sueldo mínimo de 25.000 euros para 18 jugadores
- Así será el futuro hotel balneario de As Caldas, con categoría 5 estrellas, vistas al Miño, servicios de salud termal, ocio y restauración
- Tiran droga por la ventana del coche en una huida temeraria de 15 kilómetros en la A-52
- La Xunta anuncia que el parque acuático de Monterrei, abre el 19 de junio, con los mismos precios, por ahora, que en 2025
- María y Miguel, una sanitaria y un abogado reconvertido en jardinero que ahora venden en el rianxo sus arándanos eco con DNI de Ourense
- Raúl, un estudiante de 21 años, idea una pasarela mirador bajo el viaducto del Miño con vistas privilegiadas de Ourense: «Ojalá sea una realidad»
- Dio positivo y dijo que estrelló el Porsche por no estar habituado al coche: la jueza desmonta su versión y lo condena