Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

Del Caño reivindica a Antón Tovar na Limia para as Letras Galegas de 2027

«É un escritor que está por encima da media dos académicos», sinala o autor de ‘Queda moito que sachar’, un libro sobre escritores e literatura

Presentación de ‘Queda moito por sachar’, de Xosé Manuel del Caño, este venres en Xinzo.

Presentación de ‘Queda moito por sachar’, de Xosé Manuel del Caño, este venres en Xinzo. / CEDIDA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

R. O.

Ourense

A Biblioteca Pública Antelana de Xinzo acolleu este venres a presentación do libro ‘Queda moito que sachar. A literatura galega nunha caixa de zapatos’ (Edicións Embora), de Xosé Manuel del Caño, que pecha a triloxía iniciada con ‘Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias’, e ‘Ósos de santo’. Actuaron como presentador e introductor o arqueólogo José María Eguileta Franco e o concelleiro de Cultura, Carlos Gómez Salgado.

Del Caño, escritor, coordinador de libros colectivos e xornalista que foi delegado en Ourense de FARO DE VIGO, adicou as primeiras palabras do acto a escritores da Limia, como Carlos Casares, que aparece no primeiro volume da triloxía. Carlos Casares mercou un billete de tren en 1970, para viaxar de Ourense a Santiago, e rematou en Suecia, subliña del Caño. A «culpable» foi unha compañeira de vagón, Kristina Berg, que se dirixía Á Coruña. Díxolle que sería «un pecado non parar, para visitar Compostela». Deste xeito xurdiu o prodixio: en mes e medio xa estaban casados. E pouco tempo despois, viaxaron por primeira vez ao país da súa dona, que tanto o fascinou, fronte ás sobras dos derradeiros anos do franquismo.

Outro gran escritor da Limia, Antón Tovar, naceu, «segundo as súas propias palabras, na cama grande, da habitación grande, da casa grande da Pereira», como consta nesta triloxía e antes no libro ‘Conversas cun vello revoltado’, publicado en Galaxia. Nun primeiro momento, del Caño recoñece que tivo o impulso de eliminar tanta repetición: «grande», «grande», «grande», pero deuse conta axiña de que aí era onde está a graza do texto.

Tovar morreu en xuño de 2004. Del Caño lembrou que teñen que pasar dez anos para que lle adiquen o Día das Letras Galegas a un escritor. Neste caso, «xa pasaron 22 anos, nos que se fixeron múltiples peticións» nese sentido. Polo tanto, reflexionou: «A estas alturas, eu non sei se é mellor facer máis solicitudes ou non facelas, ao non ter ningún efecto». E engadiu: «Cal é o problema: Tovar supera a media de gran parte dos académicos que teñen a función de decidir ese tipo de cuestións». Cando llo concedan, «terán que poñerlle debaixo o cartel: 25 anos despois».

‘Queda moito que sachar. A literatura galega nunha caixa de zapatos’, de Xosé Manuel del Caño, rememora «tempos heroicos, nos que se fixo todo, con case nada». Había «unha grande precariedade de medios». Nese contexto, Galaxia encargoulle en 1968 un dicionario galego-castelán a Xosé Luís Franco Grande, a quen non lle gustou moito a idea, pola carencia de recursos naquela época. Nos anos noventa, nunha conversa con del Caño, laiábase de que, como cando lle fixeron a encomenda non había ordenadores, tivo que meter «miles de fichas en caixas de zapatos», que por veces lles tiraban as fillas, polo que non lle quedaba outra que clasificalas de novo. Recorreu a varios vocabularios anteriores a 1967. Este coñecemento ampliouno co estudo do galego utilizado en Tebra e nas zonas limítrofes de Asturias e León de fala galega. A primeira edición esgotouse de xeito inmediato, polo que se decantou por corrixila e aumentala. Liderou o mercado durante tres lustros, nos que Galaxia vendeu máis de 100.000 exemplares. A maior parte dos escritores utilizaron este volume como ferramenta de traballo cotián.

Antón Tovar viuse forzado a recorrer ao mesmo sistema. O detonante foi a frase que utilizou Xosé Luís Méndez Ferrín na súa tese doutoral, ‘De Pondal a Novoneyra’ (1984). Alí deixou escrita unha máxima lapidaria que o atormentou durante anos e lle cambiou a vida. A súa sentencia foi demoledora, ao apreciar que incorría en «miseria de léxico» nos libros ‘Arredores’ e ‘Non’. E o peor, segundo o escritor da Limia, foi que esas palabras serviron como referencia e pauta para outros autores que fixeron crítica literaria a partir desa data. Como resposta a esa crítica, Tovar mergullouse durante tres anos na elaboración dun dicionario. Metía as fichas en caixas de zapatos, que gardaba na «habitación dos trastos», como lle chamaba Tucha, a súa dona, onde había libros e outras moitas cousas. Anos máis tarde, pasounas a cuartillas, que gardou en carpetas, con destino a un novo moble que adquiriron para o corredor. E o proceso culminou coa publicación de ‘Calados esconxuros’ (1980), polo que lle concederon o Premio da Crítica e supuxo que lle dera os seus parabéns o propio Ferrín.

Ernesto Guerra da Cal cumpriu a función de «dicionario vivinte de Federico», como el mesmo se definiu, para que García Lorca puidera culminar os denominados ‘Seis poemas galegos’ do escritor granadino, que se conservan na Bibliotera de Autores da Deputación de Ourense, segundo destaca del Caño. Iso si, da Cal deixou ben claro que el propúñalle varios sinónimos, pero ao final era Lorca o que «escollía o que lle saía dos seus collóns líricos». Así consta nunha reveladora carta de Blanco Amor.

Santiago de Compostela, segundo subliña o libro de X. M. del Caño, acolleu a reunión na que se fundou a editorial Galaxia, o día 25 de xullo de 1950, baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo. Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto actuaban como dinamizadores. Otero Pedrayo era o chanzo que os unía coa Xeración Nós. Chegaron á conclusión de que a ditadura «aínda tiña moitos folgos», polo tanto decantáronse por recorrer á vía cultural «para salvar os valores máis profundos». Parte da intelectualidade moza criticou duramente que o grupo Galaxia se desentendera do rescate do Partido Galeguista, fronte ao pensamento de que a vía cultural era «unha maneira de facer política e de manter o lume».

Piñeiro e Xaime Illa Couto eran os ideólogos e Fernández del Riego desempeñaba unha función múltiple e dinamizadora: corrixía os textos, levábaos á imprenta e distribuía os libros. A xente aínda lembra que metía media ducia de exemplares debaixo do brazo, nos anos cincuenta, ía ás librerías de Vigo e pedíalles que os puxeran no escaparate. Algunhas rexeitábanos, porque estaban empezando. Galaxia chegou a ter 400 subscritores: persoas que mercaban a totalidade dos libros que ía sacando a editorial e a revista Grial, por compromiso coa literatura galega e co país.

Ademais de mercar todas as publicacións, os socios subscritores aportaban diñeiro para o mantemento de Galaxia, a pesar de que este grupo nunca repartiu dividendos ao longo da súa historia. E a maioría dos autores, entre os que se atopaban Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ánxel Fole, ademais de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, non cobraban dereitos de autor. Renunciaban a eles para axudar.

Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor constituían a única excepción, o último debido á situación de precariedade económica na que se atopaba.

Otero Pedrayo pediu auga de Trasalba o día da súa morte. Conde Corbal dixo que non lla foran buscar, porque non se ía decatar. Pero Marina foi ao pazo de noite, co seu home para levarlla, nunha caldeireta e nunha botella. Bebeu con grande ansiedade das dúas e dixo: «Esta é da fonte da entrada e esta é do pozo», con grande precisión.

Tracking Pixel Contents