Estudiantes ourensanos alzan a voz polo seu idioma no Correlingua: «Co galego no corazón, facemos revolución»
A pesar da dificultade para mantelo no ámbito escolar, mozos galegos defenden o seu idioma como unha tradición que os fai únicos

D.A./I.O.
«Co galego no corazón, facemos revolución». Así reza o lema e a pancarta que este ano encabezaba en Ourense esta edición do Correlingua. A festa do galego celebráse por 26ª vez ao longo deste mes de maio por ata 12 localidades, e este mércores tocoulle a quenda á cidade das Burgas. Dezasete centros chegados dende a capital, Maceda, O Carballiño, Vilamartín de Valdeorrras e Nogueira de Ramuín acabaron reunindo a preto de 1100 estudantes de tódalas cidades para celebrar o idioma a ritmo de marcha.
Baixo cánticos coma «O Galego mola», os rapaces e rapazas soaron no camiño entre o Auditorio Municipal e a Praza Maior —en dúas quendas inversas, para Educación Primaria e Secundaria— onde puideron desfrutar dun concerto de Mekánika Rolling Band ou de distintos xogos tradicionais como o do pano ou carreiras de zancos. Todo para reivindicar o uso da lingua e o seu sentimento de pertenza a través dunha revolución a cal, como explicaron no seu manifesto o alumnado do IES Otero Pedrayo e o CEIP Folla Respino, «é nosa porque non permitiremos que ningunha lingua deixe de latexar, e menos aquela que nos fai galegas e galegos, a que fala de onde vimos e a onde queremos chegar».
A situación lingüística nas escolas
Unha defensa da lingua que chega nun crudo momento para a súa realidade, especialmente para a infancia. Segundo a Enquisa Estrutural a Fogares do IGE en 2024, un terzo dos rapaces entre 5 e 14 anos declara saber falar «pouco ou nada» de galego, e así se pode percibir tanto nas aulas como na propia marcha, pois fóra dos cánticos era complexo escoitar entre o rebumbio de pequenos algunha verba que non fose en castelán.
«É ben sabido que a situación lingüística nas escolas vai a peor, pero con este tipo de actividades temos que seguir pulando e que os nenos traballen, conciéncense e que vexan que todo o que rodea a lingua é tamén divertido», comenta Elena, unha das mestras coordinadoras do Correlingua. Aínda que poucos, o Correlingua contaba tamén con pequenos grandes galegofalantes, os protagonistas da problemática sociolingüística, e que como tal, deben ter a súa respectiva voz: Que é a lingua para eles? En que situacións manteñen o idioma? Que pensan que deben cambiar para que sexa máis aceptado entre os seus iguais?
No CEIP de O Couto, no barrio homónimo de Ourense, as mestras sacan á palestra a nove cativas defensoras no idioma. María, Ximena, Sara, Sira e Michelle —entre as que atopamos algunha pandeireteira— son as máis maiores do grupo, con 10 e 11 anos. Todas aprenderon o idioma na casa, e tamén todas coinciden na problemática que atopan ao chegar ás aulas: «No cole é máis complicado, como todos os compañeiros falan en castelán, ao final nos acostumamos», conta Ximena, pois coma concordan o resto, é difícil manter o idioma fóra das propias clases en galego. Iso si, isto non fai que se sintan menos orgullosas da súa lingua, pois como explica María, «para min é como unha tradición e gústame mantela».
Sira, pola súa parte, engade que «cada vez é menos xente a que a fala, e é unha forma de ser distintos e máis auténticos». Nos máis cativos e inocentes, a forma de expresalo cambia, pero non a situación. Din Xiana, Candela e Lucía de tan só 1º de Primaria, que o galego fálano no recreo «só ás veces», ao igual que Nuno, tamén da mesma clase, quen di que emprega a lingua porque «é moi imporatante e gústanos moito».
O galego no fogar e no colexio
Xa no sector de secundaria aparecen Alba e David, que estudan en 1º de ESO no IES nº1 do Carballiño. Aprenderon a lingua no fogar de seus pais e avós, e aínda que declaran falalo «no cole coa profe e na casa ás veces», o seu dominio do idioma invita a pensar o contrario. Tamén o fai á súa resposta á pregunta de por que falan en galego nun contexto adverso: «Home, porque estamos en Galicia, hai que falar o noso idioma, que é o de aquí», saltan con gran naturalidade. A mesma que emprega Alba, estudante de 14 anos do Cardenal Cisneros, ao afirmar que é castelánfalante a pesar de terse criado en galego coa súa avoa, pois «ao cabo do tempo, coas amizades e o entorno familiar, acabei cambiando de idioma».
Neste sentido, o consello que brinda á xente da súa idade na súa mesma situación é «non esquecelo nunca aínda que haxa que falar castelán en moitos sitios». Pecha as intervencións Anxo, de 12 anos e alumno de Salesianos, que fala galego na súa aldea de Sober, pero non ten a mesma sorte no colexio. Para poder manter o idioma entre os seus compañeiros, pide «non ter vergoña á hora de falalo».
Suscríbete para seguir leyendo
- Condenan a la CIG a pagar 15.000 euros a una trabajadora por negarle la reducción de jornada para el cuidado de sus dos hijos
- El histórico ascenso de la Unión Deportiva Ourense a Primera RFEF garantiza un sueldo mínimo de 25.000 euros para 18 jugadores
- El Concello de San Xoán de Río, en Ourense, primer municipio gallego que se adhiere a una cooperativa de gestión energética
- María y Miguel, una sanitaria y un abogado reconvertido en jardinero que ahora venden en el rianxo sus arándanos eco con DNI de Ourense
- Dio positivo y dijo que estrelló el Porsche por no estar habituado al coche: la jueza desmonta su versión y lo condena
- Carlos, Fran y Jaime, tres veinteañeros de Ourense que se convierten en curas
- Unas fiestas intergeneracionales en Ourense: de Miguel Ríos o M-Clan al sonido urbano de los gallegos Hard GZ y Dirty Suc
- Los médicos de Urgencias de Ourense alertan de una situación de riesgo por el grave déficit de plantilla