Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Educación

O CEIP Virxe de Covadonga de Ourense fai das Letras Galegas unha gran festa de música, tradición e identidade

Os 171 alumnos do centro participaron nunha xornada que homenaxeou a Begoña Caamaño con actuacións musicais, obradoiros, baile tradicional e degustación de produtos galegos

O CEIP Virxe de Covadonga celebra as Letras Galegas con música, tradición e gastronomía

Iñaki Osorio

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ourense

O galego cantouse, bailouse e mesmo saboreouse este luns no CEIP Virxe de Covadonga. O centro educativo ourensán converteu a celebración das Letras Galegas nunha auténtica festa colectiva na que participaron os 171 alumnos do colexio, implicados durante semanas nun proxecto común que mesturou literatura, tradición, música e creatividade arredor da figura da autora homenaxeada, Begoña Caamaño.

A xornada, organizada baixo a coordinación da directora María Isabel González, arrancou ás dez da mañá cun dos momentos máis especiais do día: a interpretación dunha canción creada polo propio alumnado e profesorado do centro. Non se tratou dunha actuación máis. A composición naceu do proxecto integral desenvolvido este curso arredor dos catro elementos da natureza —terra, aire, lume e auga—, unha idea que o colexio decidiu enlazar coa obra e o universo simbólico de Caamaño.

Deste xeito, o patio encheuse de bandeirolas de cores, cada unha identificando os distintos ciclos educativos e o elemento que representaban. Os máis pequenos de Infantil puxeron voz á Terra; os alumnos de primeiro e segundo de Primaria, ao Aire; os de terceiro e cuarto, ao Lume; e os maiores de quinto e sexto pecharon o círculo coa Auga.

Cada grupo interpretou unha estrofa propia, mesturando referencias aos elementos naturais con fragmentos emblemáticos da literatura galega. Durante a actuación puidéronse escoitar versos e referencias de pezas tan recoñecibles como «Sementar sementarei», «Adiós ríos, adiós fontes» de Rosalía de Castro ou os populares «Airiños, aires». Unha combinación que conseguiu unir distintas xeracións da literatura galega nunha proposta musical creada desde a escola e para a escolaporque «queriamos que os nenos vivisen as Letras Galegas dunha maneira activa, non só desde os libros, senón tamén desde a música, o movemento e o traballo en equipo», explicaba a directora do centro durante a celebración.

Os obradoiros

Rematada a actuación musical, o colexio transformouse nun gran espazo de obradoiros distribuídos en nove grupos de traballo no que cada etapa educativa contou con actividades adaptadas á súa idade para afondar na figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño. Houbo confección de marcapáxinas e quebracabezas inspirados na autora, elaboración de pulseiras e tamén actividades dixitais nas que o alumnado empregou ferramentas como Genially para coñecer, dunha maneira máis visual e interactiva, a vida e a obra da escritora.

A cativada conmemorou a figura de Begoña Caamaño cos seus propios marcapáxinas.

A cativada conmemorou a figura de Begoña Caamaño cos seus propios marcapáxinas / Iñaki Osorio

Con todo, a tradición galega tamén tivo un peso destacado durante a mañá. Un ano máis, Uxía Seoane colaborou co centro impartindo obradoiros de baile tradicional e pandeireta, enchendo as aulas de música popular e demostrando que o folclore segue achegándose ás novas xeracións, que aprenderon de primeira mau como bailar nunha foliada.

Despois do exercicio, tanto físico como mental, cativos e docentes volveron ó patio para asistir a outro dos momentos máis agardados da xornada: a degustación de produtos típicos galegos. Queixo con mel e o recoñecido Pan de Cea protagonizaron unha mesa preparada coa colaboración da Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, a Consellería de Educación e varios distribuidores locais que abastecen habitualmente o comedor escolar do centro antes de rematar a celebración cun concerto do dúo ourensano Trasnos, encargado de por o broche final a unha mañá de festa na que non faltaron o himno galego, cancións tradicionais como «A pousa» e as actuacións do propio alumnado.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents