Xosé Manuel del Caño presenta 'Queda moito que sachar', un libro sobre escritores e literatura «en tempos heroicos»
O escritor de Celanova, antigo delegado do FARO DE VIGO en Ourense, pecha con esta obra unha triloxía que integran 'Un tiro para Méndez Ferrín', 'Ósos de santo' e o novo volume

Presentación, este xoves, no Barco de Valdeorras. / FDV
R. O.
A biblioteca Florencio Delgado Gurriarán, no Barco do Barco de Valdeorras, acolleu este xoves a presentación do libro 'Queda moito que sachar. A literatura galega nunha caixa de zapatos', unha obra do escritor de Celanova e antigo delegado de FARO DE VIGO en Ourense, Xosé Manuel del Caño. A concelleira de Cultura, Marga Pizcueta, acompañou o autor no acto. Este libro pecha unha triloxía de tránsito entre o xornalismo, o ensaio e o relato curto, no que está traballando agora del Caño. 'Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias', e 'Ósos de santo' foron os primeiros volumes. Os tres están publicados por Edicións Embora.
O volume rememora «tempos heroicos, nos que se fixo todo, con case nada». Había unha grande precariedade de medios. Nese contexto, Galaxia encargoulle en 1968 un dicionario galego-castelán a Xosé Luís Franco Grande (o tomo vermello, gordecho, que tiveron varias xeneracións encima da mesa). A Franco Grande non lle gustou moito a idea, pola carencia de recursos naquela época. Nos anos noventa, nunha conversa con X. M. del Caño, laiábase de que, como cando lle fixeron a encomenda non había ordenadores, tivo que meter «miles de fichas en caixas de zapatos», que por veces lles tiraban as fillas, polo que non lle quedaba outra que clasificalas de novo.
Recorreu a varios vocabularios anteriores a 1967. Este coñecemento ampliouno co estudo do galego utilizado en Tebra e nas zonas limítrofes de Asturias e León de fala galega. A primeira edición esgotouse de xeito inmediato, polo que se decantou por corrixila e aumentala. Dese xeito, liderou o mercado durante tres lustros, nos que Galaxia vendeu máis de 100.000 exemplares. A maior parte dos escritores utilizaron este volume como ferramenta de traballo cotián, «complementada por dicionarios castelán-portugueses», segundo lembra Xavier Alcalá.
Antón Tovar viuse forzado a recorrer ao mesmo sistema. O detonante foi a frase que utilizou Xosé Luís Méndez Ferrín na súa tese doutoral, 'De Pondal a Novoneyra' (1984). Alí deixou escrita unha máxima lapidaria que o atormentou durante anos e lle cambiou a vida. A súa sentencia foi demoledora, ao apreciar que incorría en «miseria de léxico» nos libros 'Arredores' e 'Non'. E o peor, segundo o escritor da Limia, foi que esas palabras serviron como referencia e pauta para outros autores que fixeron crítica literaria a partir desa data, como Alonso Girgado, Ricardo Carballo Calero –que lle deu «un trato desigual»–, a 'Gran Enciclopedia Galega' e Pilar Vázquez Cuesta, que o ignora.
Pero lonxe de aniquilalo como autor, ao final sérvelle de revulsivo. Como resposta a esa crítica, Tovar mergullouse durante tres anos na elaboración dun dicionario. Metía as fichas en caixas de zapatos, que gardaba na «habitación dos trastos», como lle chamaba Tucha, a súa dona, onde había libros e outras moitas cousas. Anos máis tarde, pasounas a cuartillas, que gardou en carpetas, con destino a un novo moble que adquiriron para o corredor. E o proceso culminou coa publicación de 'Calados esconxuros' (1980), polo que lle concederon o Premio da Crítica e supuxo que lle dera os seus parabéns o propio Ferrín.
Ernesto Guerra da Cal cumpriu a función de «dicionario vivinte de Federico», como el mesmo se definiu, para que García Lorca puidera culminar os denominados 'Seis poemas galegos' do escritor granadino, que se conservan na Bibliotera de Autores da Deputación de Ourense, segundo destaca del Caño. Iso si, da Cal deixou ben claro que el propúñalle varios sinónimos, pero ao final era Lorca o que «escollía o que lle saía dos seus collóns líricos». Así consta nunha reveladora carta de Eduardo Blanco Amor.
María Victoria Carballo-Calero lembra o inmenso traballo que tiveron que desenvolver ela e a súa nai, para apoiar ao seu pai Ricardo na elaboración da 'Historia da Literatura Galega Contemporánea' (1963). No colexio Fingoy había moito traballo, moita proba e moita correspondencia. Estaban apartados de todo. A infancia da pequena María Victoria «non foi moi leda alí». O seu pai era «unha persoa moi seria, moi ríxida; había que levar unhas notas moi boas». Todo iso era a vida na súa casa. «Case non había outra cousa: traballar, traballar e traballar. Era unha vida de compromiso. Alí non había nada de frivolidade».
Así e todo, admite que tivo o privilexio de que lle fixera as primeiras cancións de berce, tendo en conta que foi o seu primeiro bebé. A máis vella, non a coñeceu ata os cinco anos, que pasou no cárcere. Fora condenado a doce anos de cadea, por participar na defensa de Madrid como tenente da República.
Úrsula Heinze naceu en 1941 en Colonia (Alemania), no transcurso da Segunda Guerra Mundial. Presenciou a rápida reconstrucción da cidade. Despois de licenciarse en Filoloxía xernánica, namorou de Ramón Lorenzo e trasladouse con el a Santiago en 1968, cando este gañou unha praza na Universidade da capital galega.
Úrsula Heinze pasouno bastante mal, porque daquela ninguén quería aprender inglés nin alemán, e dedicouse a escribir. Fixo os primeiros textos en alemán, pero pouco a pouco foise adentrando no galego. Encontrouse co problema de que nos anos 1968, 69 e 70 «non había ningún libro para aprender este idioma». Polo tanto, asumiu o reto de facer o seu propio diccionario, anotando todo o que oía e lle ían dicindo. Co paso do tempo, publicou máis de vinte obras en galego, no que figura como unha autora relevante.

Del Caño e a concelleira de Cultura do Barco, Marga Pizcueta. / FDV
Santiago de Compostela, segundo subliña o libro de X. M. del Caño, acolleu a reunión na que se fundou a editorial Galaxia, o día 25 de xullo de 1950, baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo. Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto actuaban como dinamizadores. Otero Pedrayo era o chanzo que os unía coa Xeración Nós. Chegaron á conclusión de que a ditadura «aínda tiña moitos folgos», polo tanto decantáronse por recorrer á vía cultural «para salvar os valores máis profundos». Parte da intelectualidade moza criticou duramente que o grupo Galaxia se desentendera do rescate do Partido Galeguista, fronte ao pensamento de que a vía cultural era «unha maneira de facer política e de manter o lume».
Piñeiro e Xaime Illa Couto eran os ideólogos e Fernández del Riego desempeñaba unha función múltiple e dinamizadora: corrixía os textos, levábaos á imprenta e distribuía os libros. A xente aínda lembra que metía media ducia de exemplares debaixo do brazo, nos anos cincuenta, ía ás librerías de Vigo e pedíalles que os puxeran no escaparate. Algunhas rexeitábanos, porque estaban empezando. Galaxia chegou a ter 400 subscritores: persoas que mercaban a totalidade dos libros que ía sacando a editorial e a revista Grial, por compromiso coa literatura galega e co país.
Ademais de mercar todas as publicacións, os socios subscritores aportaban diñeiro para o mantemento de Galaxia, a pesar de que este grupo nunca repartiu dividendos ao longo da súa historia. E a maioría dos autores, entre os que se atopaban Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ánxel Fole, ademais de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, non cobraban dereitos de autor. Renunciaban a eles para axudar.
Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor constituían a única excepción, o último debido á situación de precariedade económica na que se atopaba.
Ramón Otero Pedrayo pediu auga de Trasalba o día da súa morte. Conde Corbal dixo que non lla foran buscar, porque non se ía decatar. Pero Marina foi ao pazo de noite, co seu home para levarlla, nunha caldeireta e nunha botella. Bebeu con grande ansiedade das dúas e dixo: «Esta é da fonte da entrada e esta é do pozo», con grande precisión.
Xesús Fraga, Suso de Toro, Yolanda Castaño, Xavier Queipo, Víctor Fermández Freixanes, Vicente Araguas, Ana Romaní, Diana Varela Puñal, Concha Blanco e Rosalía Morlán coindicen en que «queda moito que sachar», no eido da internacionalización da literatura galega, como se reflicte no título do libro de X M del Caño: 'Queda moito que sachar. A literatura galega nunha caixa de zapatos' (Edicións Embora).
O libro recolle entradas fascinantes como Méndez Ferrín, querido mestre, querido amigo; Manuel María, cos pés en todos os charcos; Latas de sardiñas; Derrotas; Xosé Neira Vilas, un escritor emigrante; Ferrín, arraiano; Os secretos dun monumento; Xesús Ferro Couselo, coas camisas negras de po; A man de Castelao, sobre a cabeza de Dieste; Cunqueiro, fronte ás sombras que o persiguen; O ombro de Celso Emilio; A quinta provincia galega; Día das Letras Galegas para as cantigas medievais; A jarla da xingra; Manual de urxencia para poñer títulos; Os cristos milagreiros de Acisclo Manzano; O cancro, 55 anos despois; Tagore en Galicia; O escritor que morreu namorado dun retrato de muller; Execución por adulterio na praza Maior de Ourense; Sherezade, non mintas; Os soños literarios de Xavier Queipo; Queda moito que sachar, no eido da internacionalización; Os ollos da poesía europea están mirando para Galicia; Araguas namorado; Literatura na cama, con papel reciclado; Tres xeracións de escritoras baixo o mesmo teito; Once anos de alzhéimer e trece de demencia; Períodos de escritura e períodos de silencio e novelas que rebentan a historia.
Na presentación, del Caño tamén falou de escritores e personaxes de Valdeorras, como Lauro Olmo, Amancio Prada, as cantigas de Josefina e Manolo do Castelo (Rubiá), «Manolo mío», Doña Urraca Cabalga e da quinta provincia galega.
- Una plantilla de 70 personas, entre ellos 30 socorristas, se ocupará este verano del parque acuático y complejo de Monterrei
- Muere un conductor al caer al vacío desde el viaducto de la A-52 en Melón cuando su camión hizo la tijera
- Muere un conductor de 27 años en una salida de vía en Sandiás
- Reunión de los mandos de la Guardia Civil de Ourense
- Por cada hijo, una flor: multitudinaria ofrenda floral de las madres en la parroquia ourensana de Fátima
- Un voraz incendio calcina de madrugada la antigua Casa de Baños de Ourense: apuntan a okupas
- La Fiscalía de Ourense rebate a Jácome: sus actividades privadas «con importantes beneficios» son «absolutamente incompatibles» con su sueldo público de alcalde
- Colegio Santo Ángel, cien años de solidaridad y formación desde el barrio de O Couto