Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha viaxe a través da memoria histórica: así é o proxecto da biblioteca do IES Celso Emilio Ferreiro, en Celanova

A biblioteca do IES Celso Emilio Ferreiro, de Celanova, ubicada nun edificio con tres séculos de historia, creou unha guía virtual de memoria histórica premiada pola Xunta de Galicia e o Fórum Europeo de Comunidades de la Educación.

Ourense

Coordinar a biblioteca do IES Celso Emilio Ferreiro pouco ten que ver en experiencia coa do resto de colexios galegos. Aquí non se xestiona soamente un arquivo literario: tómase o control dunha sala de lectura monástica a piques de cumprir o seu terceiro centenario, e que entre pianos de históricos cafés, reveladoras fendas nos mobles, e sonoros pasos sobre un chan de pedra que unha vez inspirou unha longa noite, zumega historia por tódolos seus recantos. Moita dela, honrosa e memorable. Outro importante treito, terriblemente tráxico, pero que precisamente por iso non debe ter o privilexio de ser esquecido.

Unha inconcebible prerrogativa da que mestrado, alumnado e veciñanza da contorna son conscientes dende hai décadas, que inspirou un proxecto con xa catro anos de historia, e que agora pode presumir de que a súa labor social foi merecedora dun áxil dobre galardón: a guía virtual de memoria histórica que estase a elaborar dende a biblioteca vén de recibir o premio da Xunta de Galicia de Traballos por Proxectos, tan só seis meses despois de ser recoñecidos pola súa innovación educativa polo Fórum Europeo de Comunidades de la Educación (FEAE).

Ao temón desta viaxe atópase Irma Fernández, a coordinadora da Biblioteca Poleiro do IES Celso Emilio Ferreiro. Tamén mestra de música, conta que xa dende hai un tempo buscan facer metodoloxías activas, proxectos «que sexan de verdade», que teñan que ver coa nosa contorna e coa nosa xente». Pero a «pedra de toque», como ela di, chegou en 2022, cando o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova lles cedeu a placa da II República que recoñece que onde hoxe se atopa o instituto había unha Escuela Nacional de Niños, na que estudou, entre outros, o escritor que dá nome ao centro actual. Ese mesmo ano chegou outro fito en canto á recuperación do pasado bélico: a exhumación da fosa común localizada no cemiterio de San Breixo, na que os estudantes de Bacharelato estiveron presentes cando extraeron os restos dos asturianos fusilados.

Tremendamente sensibilizados, comezou un traballo de recompilación de toda a historia que o centro gardaba, que non sería posible sen o traballo dende todos os departamentos: «Os de Historia foron os que máis tiraron do carro, pero os de Literatura tamén colaboraron moitísimo. Na sección de Música tamén acompañamos, e mesmo os de linguas estranxeiras fixeron información sobre o que pasou neste edificio que traducimos a inglés e francés. A idea era implicar a todo o alumnado nestes asuntos», relata Fernández. Todo isto agrupouse nunha guía virtual á que se accede mediante os códigos QR dispostos polo centro e nos folletos informativos que o centro elaborou. Un simple ‘clic’ leva a un inmenso mosaico de documentación e arquivo fotográfico no que mergullarse en busca de coñecemento, e que representa á perfección a «auténtica tolemia» da que fala Irma ao referirse ao proxecto: «Isto está medrando moito e non damos parado, cada cousa que facemos abre outra nova».

Un claustro convertido en cárcere

Nada do que Fernández narra convértese en rareza ao entender o trasfondo do edificio. O actual IES foi nos seus inicios o coñecido como Claustro Novo do Mosteiro de San Salvador de Celanova. Construído en 1727, a sala abovedada na altura superior na que hoxe traballa Irma xa era daquela a biblioteca dos monxes, pero o espazo baleirouse de libros coa desamortización do século XIX. Aínda que os escolapios manterían alí a súa escola ata 1929, a irrupción da guerra civil convertiría ao edificio nun tráxico protagonista do terror. Apenas cinco días despois de proclamarse o estado bélico, comezaron os preparativos para transformar o templo nun depósito provisional no que encarcerar aos presos políticos que xa non cabían na saturada prisión provincial. Coa chegada dos primeiros reos, a distribución mudou por completo. O que hoxe é salón de actos era empregado como sala de castigo; o xardín no que os nenos van ao recreo foi marco de multitudinarias fotografías de encarcerados; e na biblioteca, os estantes, antes cheos de páxinas coa capacidade de xerar novos mundos, cambiáronse por armas que só permitían destruílos. Non son só as verbas o que permiten revivir isto último: á metade da visita, Irma aparta dun estante varios libros xuvenís para que se poidan ver os ocos escarvados que ocultan. Aí apoiábanse as culatas dos rifles.

Tan só un breve retrato dun espazo polo que tamén pasaron Salesianos, Agustinos ou mesmo a Cidade dos Muchachos, e co que, como ben indicaba Fernández, practicamente non dan abasto unicamente no apartado dixital. É por iso que co proxecto de memoria histórica a biblioteca tamén xerou produtos físicos dun gran valor pedagóxico. Un deles é unha versión do tradicional xogo da oca, pero co terror xerado pola dura realidade presente no seu deseño. Nel, as caselas negativas teñen relación coa memoria do lugar, como por exemplo o pozo, representado pola Poza das Ras na que catro republicanos foron fusilados en 1936. A esta iniciativa sumóuselle un xogo de cartas cunha dinámica similar: os lugares máis reseñables do espazo achegan á vitoria, mentres que «La Leona», a cela de castigo da que case só se saía para ser executado, resta 3 puntos. Agora, cos premios acadados nestes meses, idean renovar as infraestruturas da biblioteca ou mesmo construír unha páxina web profesional na que amosar en todo o seu esplendor a guía virtual.

Xogos e QR para recuperar a memoria histórica

A historia viva que garda o IES Celso Emilio Ferreiro polos seus corredoiros é o mellor recurso didáctico para combater a desinformación histórica e a idealización da etapa franquista que gaña terreo entre os adolescentes nas redes sociais. Fernández apunta que para aproveitar ao máximo este patrimonio, é importante concienciar «con moita verdade, e sobre todo, con moito respecto. Non pode haber crispación nin carraxe, ten que haber serenidade». Unha mestura de «verdade, xustiza e reparación», o lema do comité de memoria, que permita evitar repetir os erros do pasado, pero no que é primordial non caer nas reclamantes garras do desquite. Traballar nesta guía virtual fixo que o alumnado captase á perfección esta mensaxe, e son moitos os que agora mostran interese por seguir coñecendo que historias gardan cada espazo do seu instituto. Polo momento, semella que esa sede de coñecemento ten hidratación dabondo para varios anos. Agora, o proxecto está a investigar sobre o cárcere de mulleres represaliadas durante o franquismo, situado no que agora é o Xulgado de Primeira Instancia, e paralelamente levan a cabo un proxecto de musealización que culminará o curso que vén co 300º aniversario do edificio. «A idea é catalogar espazos, pertenzas, saber que pasou aquí», explica Fernández.

O da Biblioteca Poleiro é tamén un perfecto exemplo de que estes espazos non son só para pasar os recreos ou coller un libro. A propia Irma foi desas nenas que, a pesar de ser boa estudante, non ía á sala de lectura «nin por casualidade», pero o traballo de formación de profesorado da administración de bibliotecas fixo que cambiara a súa percepción: «A biblioteca é tamén unha forma de traballar, non só un espazo físico. Ten que ser un lugar con vida, con ideas, onde nos xuntemos os profesores e comecen a ferver ideas. É así como arrancan proxectos bonitos, que tamén fan que nos levemos mellor entre nós e o traballo sexa máis harmonioso», conta a coordinadora da biblioteca.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents