Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os xogos de mesa en galego de Brazolinda conquistan a estudantes de Educación en Ourense

Os Xogos de Brazolinda, con selo Artesanía de Galicia, ofrecen obxectivos educativos que abarcan diversas áreas, dende matemáticas ata mitoloxía galega, e son modificables para todas as capacidades

A Facultade de Educación e Traballo Social organiza un obradoiro de xogos de mesa en galego feitos pola empresa Brazolinda

David Alján

Ourense

Os xogos de mesa van, dende hai xa un bo treito, máis alá do Trivial ou do Monopoly, pero o que moita xente non coñece é que a oferta actual tamén inclúe enredos en galego, e cos que no canto de ter que aprender para entendelos, é o propio xogar o que che educa. Esa mesma foi a lección coa que se quedaron os e as estudantes da Facultade de Educación e Traballo Social en Ourense que este venres asistiron ao obradoiro «Xogos en galego para todas as idades». En tres quendas distintas, o alumnado puido coñecer algún enredos de mesa cun gran valor didáctico, coa intención de que no futuro no que sexan mestres ou educadores sociais poidan aplicalos no seu día a día.

Detrás dos enredos que puideron probar os estudantes está Irimia Fernández e a súa iniciativa Brazolinda. Apaixonada polos xogos de mesa dende cativa, cando se fixo nai quixo transmitirlle esa mesma afección aos seus fillos, pero no mercado non atopou ningunha opción que lle convencese nin que estivera fabricado no galego que quere inculcar como lingua materna. Non disposta a sucumbir, decidiu que se ninguén poñía nas tendas o que buscaba, sería ela mesma a que o fixera, e en 2014 deixou o seu traballo como xeógrafa na Xunta para inventar e fabricar os seus propios xogos de mesa, que contan co selo Artesanía de Galicia.

Adaptables e con valor pedagóxico

O que máis caracteriza o seu produto é a súa adaptabilidade a calquera usuario. As regras dos enredos están pensadas para ser facilmente modificables se algún dos xogadores ten outras capacidades, de modo que todo o mundo poida desfrutar deles. É neste punto onde nace tamén o seu valor pedagóxico, pois Fernández non plantexa partidas para quen xa ten coñecementos, senón que quere que a partida poida ensinar ao neno ou adulto nas competencias ou temática na que se enfoca. De, feito na súa páxina web todos os produtos contan debaixo da súa descrición e prezo cun apartado de obxectivos educativos, que abarcan tódalas ramas de estudo: dende un xogo de dados co que facer operación de cálculo para sobrevivir á erupción dun volcán ata unha dinámica de emparellar cartas de mitoloxía galega para traballar a agudeza visual, pasando por taboleiros de gran calidade cultural ambientados no Camiño de Santiago ou a historia real dun naufraxio en Sálvora.

O obradoiro para poder adentrarse nos xogos de Brazolinda foi todo un éxito de participación. A pesar de ser unha actividade voluntaria nun venres sen clase, deceas de estudantes achegáronse ás tres quendas de xogo nas que se podía inscribir. Catro desas alumnas foron Ánxela, que cursa Educación Social, e Carla, María e Paula, que se forman en Educación Primaria. Ademais de divertirse cos xogos, afirman as futuras mestras que «en realidade hai moitos que che poden servir para o futuro», pois as metodoloxías activas e as relacionadas con coñecemento lúdico son ampliamente traballadas na carreira. Os enredos tamén serven para intervir con persoas maiores e de calquera tipo de idade ou condición social.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents