Xmaseda, artista urbán de Viveiro: «Que a xente bote de menos música protesta en galego é sinal de que existe variedade e a lingua dá para todo»
O artista Xmaseda actuará este sábado en Ourense xunto a lg1do, nunha noite que celebrará a nova escea urbana galega, libre e orgullosa da súa terra

Xmaseda. / FdV
«G (gángster) é meu abuelo co chupito e a faria, tu tes á túa mai cansada de levarlle a contraria». Con permiso das letras de amor e desamor, poucos versos como este de Xmaseda (Viveiro, 2002) resumen mellor a esencia da nova escena urbana galega: un panorama libre de ataduras, pero no que levar á lingua nai o mamado da escena castelá ou inglesa non rifa con mostrar ao máximo a esencia e o orgullo da terra. O artista da Mariña, que compatibiliza a súa carreira musical coas oposición a mestre de Secundaria e «priorizar as cousas importantes da vida», está xa pensando no seu novo proxecto un ano despois do primeiro álbum, pero antes fará este sábado unha parada na discoteca Luxus para dar un concerto xunto á revelación lg1do, nunha noite na que Ourense soará máis enxebre e, á vez, máis actual ca nunca.
Actúa este sábado en Luxus. É a súa primeira vez en Ourense? Que sabe da movida nocturna que se quece por aquí?
É a primeira vez cantando, teño estado para visitar un par de amigos (e de feito estiven en Luxus) pero nunca para un concerto. De feito, aínda non actuara na provincia de Ourense, que era a última que me faltaba despois dos últimos anos. A verdade é que da movida sei pouco, controlo a «calle dos pinchos» e pouco máis (risas).
Chega a este concerto pechando a etapa «Post-Pontes», eses catro sinxelos que lanzou despois do seu primeiro álbum. Con que queda deste tramo da súa carreira?
Foi unha etapa moi bonita, a verdade, porque despois de presentar o disco, con tódolos quebradeiros de cabeza que me supuxo crear unha obra moi compacta, densa liricamente e con sentido, apeteceume probar outras cousas. Quixen facer o que me apetecía no momento, xa fora comercial, sentimental ou máis experimental e de aí saíron temas como «A Primeira Vez» ou «Pide Máis», que ademais tiven a sorte de que funcionaran moi ben en canto a números e me abrisen a público novo. Agora estou xa preparando o próximo que vai saír en nada, seguirá por esta última liña, vou deixar o rap aparcado uns meses pero volverei a el.
Compartirá escenario con lg1do, o nome en sona da música galega. Como ve o que leva de traxectoria?
Estou atento a el xa dende antes de que sacara o primeira tema, cando comezou cos avances en TikTok. Estiven falando con el dende o minuto cero e é un rapaz que lle está a ir todo incrible, que está a facer as cousas moi ben e ao que lle desexo absolutamente toda a sorte do mundo, que non lle ferá falta. Sobre todo, todo o que lle está a pasar non debe ser fácil de xestionar, e menos tan rápido, pero lévao moi ben. E musicalmente está xenial.
Podemos trazar un pouco de paralelismo entre o que viven os dous agora mesmo: a el cádralle o bum mentres remata o Bacharelato, e a vostede, mentres prepara as oposición a mestre de Secundaria.
Si (risas), parece de coña a verdade, porque non nos levamos tantos anos e estamos en dous puntos vitais moi distintos. Eu estou intentando lidiar con todo como se pode, polo menos teño a tranquilidade de que se este ano saen as cousas ben na música e non nas oposicións, que levo só un ano preparándoas, non sería un fracaso. Teño un pouco máis de compaixón por el, porque segundo de Bacharelato é un ano que te marca moito e debe ser tremendamente complicado levalo na súa situación.
A súa xeración ven xa precedida dunha escea rap en galego na década do 2000 e 2010 que abriu o camiño para que agora saian moitos máis. Como é o diálogo con estes pioneiros?
No rap sempre está o tópico de que os novos non respectan aos de antes e de que os de antes non queren recoñecer o mérito dos novos. Eu, polo menos no que vivo aquí, vexo unha escena bastante sa, e de portas para fóra non hai esa guerra. No meu caso non tiven moitos contactos estreitos con xeracións anteriores, pero si conversas sempre desde o respecto. Por exemplo, con xente de Dios Ke Te Crew, e foi un luxo escoitar palabras boas dun referente. E tamén quero poñer en valor un pioneiro que é C Mirazo, un adiantado ao seu tempo: abonda con mirar temas de 2016 para ver o que xa se estaba facendo en galego.
Aínda que comezou facendo música en Viveiro, pasou os últimos anos en Compostela, onde din que o seu ambiente universitario foi crave para que a música en galego despegara. Coincide?
Cen por cen. Aquí foi onde construímos a xeración actual (9Louro, Willow GHZ, KidMount, XianPais...), nas que antes que artistas somos amigos ou compañeiros de biblioteca e hai moi poucos egos. Aparte, eu son un namorado de Santiago, como aquí non estou en ningún sitio, e se pensas en ambiente universitario pensas en Santiago. Os estudantes son o noso máximo público agora mesmo, e aquí é onde maís che recoñecen e che veñen a falar do que lles gusta a túa música, é algo moi guai vivir aquí.
Agora, afortunadamente, comeza a estenderse polo resto de Galicia, como en Ourense: dicir hai cinco anos que Luxus esgotaría as entradas por escoitar a dous rapaces en galego soaría a chiste.
Chegar máis alá de Santiago, que sempre puido ser ese nicho da música en galego, é unha loucura. E aparte, acórdome do crecemento que vivín eu en canto a público: hai dous ou tres anos, actuei en Santiago nunha praza un sábado de agosto no que non viñera moita xente, aínda así eu quedara moi contento co público que había. Pero comparas iso coas cousas que estamos acadando agora e faite sentir orgulloso de pasar esa etapa tan longa, de moitos bolos e pouquiña, porque o pos en perspectiva e fai que non te malacostumes.
Desta nova xeración, hai un nexo común que ás veces pasa desapercibido: o sentimento familiar e, máis concretamente, o cariño aos avós que reiteran en moitas das súas letras. Como inflúe na súa música ter tan presente ao fogar?
Nin sequera eu me parara a pensar niso, pero toda a razón. Somos rapaces moi ligados á nosta terra, eu penso nos meus pais, nos meus irmáns, nos meus avós... son unha parte fundamental do que son e o sitio ao que volver sempre, e o remarco na miña música. Isto tamén ten que ver con que, dentro do rap en galego, durante moito tempo houbo unha tendencia forte ao político. Eu son bastante activo politicamente, pero tamén me apetecía falar doutros temas. E iso é unha das grandes vitorias de todo isto: que haxa música en galego en todos os xéneros falando de todo, de amor, de desamor, de festa, do paso do tempo… non só dun tema concreto. Que agora haxa xente dicindo que bota de menos música protesta en galego é boa sinal, porque significa que xa existe variedade e que a lingua dá para todo.
Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre, dicía que a clave é poñer Galicia no mapa coa música e romper fronteiras sen perder esencia. Cres que se pode facer cantando en galego?
Si. Hai quen decide pasar ao castelán para tentar internacionalizar, e paréceme respectable, pero eu polo de agora non o teño nos meus plans. En calquera caso, vese que en galego tamén se pode saír fóra: The Rapants xa teñen xira por toda España, 9Louro vai a festivais en Madrid e hai propostas como Ortiga que tamén se moven. Ao final, a música tamén se goza aínda que non entendas todo ao cento por cento; quen queira pode parar a ler a letra e entender moitísimo máis. Eu escoito artistas en catalán e disfruto igual. Ese punto diferente tamén pode xogar ao noso favor para gustar fóra.
Suscríbete para seguir leyendo
- Muere un conductor al caer al vacío desde el viaducto de la A-52 en Melón cuando su camión hizo la tijera
- Gustavo, el joven que hace bailar a las estatuas de Ourense y convierte el Miño en río navegable
- Estudiante keniata llega a un pueblo de Ourense para revitalizar el rural con un 'hub' de innovación
- Muere un conductor de 27 años en una salida de vía en Sandiás
- Por cada hijo, una flor: multitudinaria ofrenda floral de las madres en la parroquia ourensana de Fátima
- Un perro cayó en Ourense desde un quinto piso sobre un coche y condenan a la dueña del animal a pagar los daños en el vehículo
- Un voraz incendio calcina de madrugada la antigua Casa de Baños de Ourense: apuntan a okupas
- Muere un operario de 34 años tras caerle encima un árbol en San Cibrao das Viñas