Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

A pandeireta, entre a tradición e a innovación, toma o Arquivo Histórico Provincial de Ourense

O Consello da Cultura Galega amosa en Ourense a historia deste instrumento cunha exposición que permanecerá na cidade ata o día 8 de maio

A  mostra de pandeiretas galegas  xa pode visitarse no Arquivo Histórico Provincial. | ROI CRUZ

A mostra de pandeiretas galegas xa pode visitarse no Arquivo Histórico Provincial. | ROI CRUZ

Ourense

No Arquivo Histórico Provincial de Ourense soaron onte pandeiretas, voces e explicacións técnicas nunha tarde na que a tradición musical galega foi moito máis alá dunha vitrina. A inauguración da exposición «A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral» do Consello da Cultura Galega chegou á provincia para converter o espazo nun pequeno laboratorio de memoria, investigación e música viva arredor dun instrumento que segue moi presente na cultura popular, pero que, como lembraron os seus promotores, tamén agocha unha evolución moito máis complexa do que adoita pensarse.

A apertura da mostra chegou acompañada dunha sesión de relatorios que foi debullando, entre a divulgación e a interpretación, distintas formas de entender a pandeireta. Xosé Maceda centrou a súa intervención na transmisión dos coñecementos e nas técnicas construtivas, mentres o investigador Ricardo Polín recuperou a figura da Cega de Miranda. Pola súa banda, Suso Vaamonde puxo o foco na actualidade do instrumento, nas novas técnicas de interpretación e na súa adaptación aos tempos recentes. A teoría deixou paso tamén á práctica co Grupo de Música Tradicional da Asociación Ourensá de Folclore, que levou o son directamente ao público asistente, nun ambiente no que a exposición empezaba xa a cobrar sentido fóra das vitrinas.

Vaamonde, Ferro, Pérez e Amoedo antes da sesión de relatorios. | ROI CRUZ

Vaamonde, Ferro, Pérez e Amoedo antes da sesión de relatorios. | ROI CRUZ

Na inauguración institucional participaron o representante do Consello da Cultura Galega, Alejo Amoedo; o director do Arquivo Histórico Provincial, Pablo Sánchez Ferro; e os comisarios da mostra, Luciano Pérez e Suso Vaamonde, artífices dun proxecto que busca amosar a pandeireta non só como símbolo do folclore, senón como un obxecto en constante transformación.

«Malia ser un instrumento moi popular, é un gran descoñecido», explicaba durante a apertura o comisario Luciano Pérez, quen insistiu en que a exposición pretende achegarse a públicos moi diversos, dende estudantes ata músicos profesionais, pasando por visitantes de tódalas idades.

O percorrido expositivo está organizado en sete vitrinas que permiten viaxar pola evolución do instrumento en Galicia. Entre as pezas máis chamativas, destacan a pandeireta do artesán Manuel Fernández Martínez, coñecido como o vello Barranco, adquirida en 1947 por 20 pesetas ou unha pandeira centenaria procedente da colección do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, da que se descoñece o autor. Pero máis alá das pezas históricas, a mostra detense tamén no que non sempre se ve: os materiais, as técnicas e o son.

Dende as peles de ovella e cabra empregadas tradicionalmente nos parches ata os actuais materiais sintéticos, a exposición vai explicando como a evolución técnica foi mudando tamén a forma de tocar e afinar o instrumento. O mesmo sucede coas ferreñas, que pasaron do ferro á folla de lata .

Hai tamén espazo para a memoria oral e escénica, con pezas vinculadas a cantareiras históricas como Josefina Caeiro Freire, da Chisca, ou recreacións que completan unha historia na que tradición e contemporaneidade van da man e que poderá desfrutarse ata o 8 de maio.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents