Entrevista | Bieito Romero Gaiteiro e membro fundador de Luar na Lubre
Bieito Romero, de Luar na Lubre: «Mamar da tradición é a clave do que pasa agora coa música en galego»
O histórico grupo folk abre no Auditorio Municipal de Ourense a etapa galega da xira polo seu 40 aniversario

Bieito Romero.
O multiinstrumentista que se fai cargo da gaita de Luar na Lubre dende que cocreou o proxecto alá polo 85 é, baixo o nome, unha das maiores institucións da música galega nas últimas décadas. Pero o Bieito Romero (A Coruña, 1961) é un veterano con alma de rapaz que, tras percorrer Sudamérica para conectar unha vez máis coa Galicia que non esquece á terra por moitos quilómetros que a separe dela, e que unha vez máis comezará a etapa da xira pola comunidade na cidade das Burgas polo vínculo que ten coa provincia.
—Veñen de xirar por Latinoamérica e tivestes que aprazar a parada na Palma. Con que momentos quédanse?
A Palma tivo que adiarse e queda para o 9 de xullo, pola borrasca. Pero o resto dos concertos, en Santiago de Chile, Montevideo e despois en Buenos Aires, Rosario e Córdoba, fixéronse. Foi unha experiencia marabillosa, xa era a quinta vez que iamos por alá. Para nós é un reencontro con xente coñecida e tamén un descubrimento, porque volver ao Cono Sur é sempre emocionante. Non só pola cantidade de galegos que hai, senón pola emoción coa que a xente de alí recibe a música que levamos desde aquí.
—O primeiro concerto desta xira en Galicia é en Ourense. Por que ese arranque?
É algo que temos un pouco premeditado desde hai anos. Máis ou menos na altura do disco Ribeira Sacra decidimos que as xiras en Galicia comezasen por Ourense. Eu teño un vínculo moi forte coa provincia, meu pai e miña nai veñen de Esgos e de Xunqueira de Espadanedo, da zona de Maceda. Para min comezar aquí é moi emocionante. Dende 2017 ou 2018 procuramos darlle prioridade, ás veces non se pode, pero sempre intentamos arrancar por Ourense. Ademais, para min é unha cidade vital, interior, por onde pasa o Miño con plenitude, un río que lle dá personalidade a Galicia. E sabemos que a xente nos aprecia, eu creo que o auditorio vai estar petado.
—No concerto xa vai soar material do próximo disco. Que pode adiantar?
Vai saír en maio e chámase Lubre 40 Aniversario. Chámase Lubre porque conseguimos meter esa palabra no dicionario da lingua galega e todo pivotou arredor dela. Vai ser un audiolibro con colaboracións de arqueólogos, lingüistas, artistas, xente da cultura e ilustradores. E ademais terá 14 temas que tamén xirarán arredor desa palabra. Lubre é o bosque sagrado onde os druidas celtas facían os seus rituais. Nós mantivémola viva a través do nome e levamos anos explicándoa nos concertos. En Ourense presentaremos unha boa parte do disco, combinada cos temas clásicos de sempre, porque eses non se poden quitar, a xente enfádase se os quitamos.
—En tempos de singles e contido fragmentado, vostedes siguen apostando polo directo como experiencia exclusiva.
Nós vivimos todos os procesos da industria desde os anos 80, cassette, vinilo, CD e agora a nube. Hai que adaptarse, pero a música honesta e con credibilidade dáa o directo. Que a xente vexa que estás tocando algo real ten un valor engadido. O público fiel sabe como traballamos e quen nos vexa por primeira vez entende que é música feita desde o corazón e desde a humanidade, non algo impostado nin feito con intelixencia artificial.
—A xira celebra 40 anos de andaina. Con que Bieito conecta este aniversario, o dos inicios, o do apoxeo, o máis recente?
Chego cunha mestura de épocas. Somos un conglomerado de circunstancias da vida. Hoxe teño 62 anos cun espírito de vinte e pico e ao lado hai xente máis nova que revitaliza, tamén o meu fillo, que aínda non chega aos 30. A clave é dar continuidade e que isto se proxecte no tempo. Se enchemos un auditorio en Ourense, se vimos dunha xira americana exitosa e temos outra por diante, é que seguimos vivos e seguimos emocionando.
—Que significa para vostede ver o seu fillo dentro do grupo?
A min o que me importa é que se sinta cómodo e que entenda que isto é máis ca un grupo. Meter unha palabra no dicionario vai máis alá do musical. Se el quere continuar por vontade propia, será cousa del. Trátase de manter as esencias e que a xente nova lle dea proxección de futuro ao proxecto, con calma e entendendo o que debe permanecer.
—Como ve o momento actual da música en galego, co neotradi e a música urbana enchendo salas?
Vin moitos panoramas, subir e baixar a nosa música, entrar a música celta e o folk europeo. O que pasa agora é moi interesante porque mamar da tradición é a clave. Temos unha tradición potentísima e pódese traballar de moitas maneiras. Pero hai que ser intelixentes para que non quede nunha explosión momentánea. A pregunta é que importancia terá isto no mundo. Hai que proxectar a nosa música e poñer a Galicia no mapa a través dela, romper fronteiras e facer que se recoñeza fóra, como pasa con Cabo Verde, Escocia ou Brasil.
—Que papel tivo Luar na Lubre para chegar ao que está pasando hoxe?
Nós fomos continuidade do que fixeron outros antes. Milladoiro, Fuxan os Ventos, Emilio Cao abriron camiños e marcaron unha pauta. Nos 90 houbo unha eclosión enorme e, aínda que moitos proxectos quedaron polo camiño, fixouse un desbroce importante. Abrir vieiros nun camiño cheo de toxos e silveiras permite que outros avancen máis cómodos. Tamén axudou unha plataforma de internacionalización, como a música celta, que fixo posible levar unha mirada galega a moitos países e chegar, no noso caso, a máis de 60 destinos. E aí tamén conta a porta da lusofonía. O que pasa hoxe non é por arte de maxia, é traballo acumulado. E a xeración actual tamén terá que abrir camiños para que os que veñan teñan o terreo máis doado.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- Emprendedores gallegos en nuevos sectores que desafían el abismo del primer año: así es la nueva generación de autónomos
- 25 años de la Vig-Bay: búscate entre los corredores de esta edición
- Así lucirán los locales comerciales de la Porta do Sol de Vigo: fachada integrada con el espacio, iluminación ornamental y punto informativo