Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Anna Amigó Cantante e arpista

Anna Amigó: «Os xéneros urbanos e clásicos teñen distinta melodía, pero falan dos mesmos problemas»

Anna Amigó, violinista, cantante e arpista, presentará en Ourense o seu proxecto 'Sang de Dona', onde a música tradicional catalana fusiónase coa reivindicación femenina

Anna Amigó, no Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense.

Anna Amigó, no Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense. / David Alján

Ourense

Comenta que non se explica como lle chamaron do festival Gratia Plena. E é que o proxecto de Anna Amigó (L’Espluga de Francolí, Tarragona, 1982) é deses que a miúdo quedan contidos no seu recuncho, pero que cando alguén os descobre e decide darlle un novo espazo como o que terá este domingo na capela do Santo Anxo, nada pode saír mal (A conversa foi mantida en catalán, e traducida ao galego por petición da entrevistada).

É a primeira vez que actúa en Ourense, pero non en Galicia. Que relación tiña ata agora e que impresión leva desta terra?

En Galicia xa actuara dúas veces en Noia, no Festival Internacional de Arpa de Noia. Alí toquei en dúo, arpa e violín, e tamén soa. A última vez foi no 2022 e, de feito, naquela ocasión toquei unha primeira etapa do proxecto que presento agora. Galicia paréceme unha terra moi acolledora. Sempre que veño, a xente é moi aberta e eu síntome moi ben. Ourense non a coñecía e, paseando polas rúas e vendo a vida da cidade, dá gusto estar aquí.

Sabe algo do traballo que se fai en Galicia arredor da tradición e do folclore musical?

Un pouco si e un pouco non. Sempre se sabe que en terras como Galicia ou Cataluña o folclore e a lingua teñen moita importancia e que hai iniciativas para recuperar, manter e loitar por esa tradición. Co tema da arpa estou máis ao día porque teño a experiencia de Noia, e sei que hai grupos que están recuperando a arpa, que é un instrumento moi de aquí. A gaita é o primeiro que pensa moita xente cando fala de música galega, pero a arpa tamén é importante e fanse iniciativas para que sexa un instrumento máis accesible, máis visible, e para que haxa orquestras de arpas e proxectos nos que acompañe e forme parte do tecido musical.

O traballo que trae a Ourense, Sang de Dona, é unha proposta moi auténtica. Como naceu este proxecto?

Naceu de moitas cousas. Eu son violinista e, no momento da covid, tiña un grupo cunha arpista que tivemos que deixar ao estar ela en Francia. Eu tamén sabía tocar a arpa porque nos coñecemos en Bruxelas nunha escola, e con ela podes tanto facer melodías coma cantar, e eu sempre fun escribindo cancións en catalán. Como vivía en Bélxica, cantar na miña lingua era moi importante, e xa empezara a arranxar cancións tradicionais para amosarlle á xente a lingua e a cultura de onde veño. Cando chegou a covid, pedíronme tocar nun poco, e preparei un concerto dunha hora cantando cancións tradicionais cataláns. A partir de aí pensei que era interesante e bonito, que eu me sentía ben e que á xente lle gustaba, e pregunteime ‘Por que non intentalo’. Comecei a buscar en cancioneiros, sobre todo da zona de Tarragona, de onde son eu, e fun construíndo un fío condutor que puxese a muller en valor a través da lingua e da música, porque como muller sinto que aínda hai moitas loitas pendentes e é algo que me motiva moito dicir.

No proxecto nótase que moitas historias de mulleres medievais seguen sendo dolorosamente vixentes hoxe. Era unha liña central?

Si, totalmente. Problemas que eu vivo agora xa os viviu a miña nai, a miña avoa ou outras antes ca min. E xente da miña idade está a atoparse con cousas que xa eran un problema hai douscentos anos. Hai pouco pasou en Barcelona un caso de dúas rapazas de orixe paquistaní, que vivían alí, ás que o pai casara con dous mozos do país de orixe. Elas fuxiron e foron asasinadas. Isto pasou hai dous anos. Pensas que si, evolucionamos, pero queda moitísimo por facer. Nunca é dabondo para reivindicar o respecto cara á muller e a igualdade coa xente.

A música serve para comunicar, non para cumprir un estilo pechado.

O curioso do disco é que son textos antigos e un instrumento milenario, sen recursos electrónicos, e con todo acada ter un son moderno. Era algo buscado?

Si, porque hoxe parece que se fas música e non hai electrónica xa non é actual, e non é verdade. O contido é moi actual e, ademais, tamén é un desafío subir ao escenario cun instrumento e unha soa persoa. Hoxe non é habitual ver un instrumento só, adoitan ser grupos de cinco, seis, orquestras. Aquí todo tiña que ser orgánico, sen florituras, porque canto máis engades máis te tapas. Nesta proposta concéntrase a forza nunha cousa, e canto máis sinxelo o fas máis potente resulta. Iso é o que defendo, que un músico ou unha música soa tamén pode facer algo moi potente.

Recibiu recoñecementos importantes como a nominación aos premios Enderrock. Como vive ese tipo de apoio?

Non é algo buscado, vai chegando. Tes que estar e traballar, e ás veces tes a sorpresa. No caso do Enderrock superei tres fases por votación pública, é dicir, a xente mobilizouse por min e polo proxecto. E iso é moi especial, porque ás veces parece que vas soa, que nun concerto estás soa, pero en realidade hai moita xente detrás. Para min o importante non é só o premio, senón ese apoio, sentir que o que fas é necesario e que ten sentido.

Anna Amigó contempla os músicos do Pórtico do Paraíso, na catedral de Ourense

Anna Amigó contempla os músicos do Pórtico do Paraíso, na catedral de Ourense / David Alján

Cre que os xéneros, incluso os máis tradicionais, poden convivir perfectamente cos urbanos?

Si, de feito non poden vivir un sen o outro. Moitos xéneros urbanos tamén falan de cousas que se falan no mundo tradicional. O estilo é distinto, a base rítmica ou melódica pode ser diferente, pero os problemas da xente son os mesmos, só se contan doutra maneira. Ás veces encasíllase moito, como se o clásico tivese que ser só clásico. Eu mesturo moito, entre o clásico e tradicional non vexo un límite claro. A música serve para comunicar, non para cumprir un estilo pechado.

Ao comparar as cabezas de cartel na música en galego e en catalán, semella que en Galicia hai máis vínculo co folclore e en Cataluña domina máis o urbano. Como o explica?

Non o sei con certeza, e falo desde unha percepción. Creo que en Galicia a tradición oral se mantivo máis, o canto participativo e comunitario. En Cataluña rompeuse máis ese vínculo de cantar xuntos, e agora custa máis integrar o tradicional no actual. Tamén se fai, pero non é tan evidente. A música galega ten unha identidade moi recoñecible, escoitas unha melodía e pensas que é galega, ou celta, por esa sonoridade. En Cataluña, se non é un autor moi concreto, ás veces podería ser doutro lugar e só o identificas porque canta en catalán. Tamén hai prexuízos. Hai xente que lle ten medo á palabra folclore e véo como algo antigo, cando pode ser moi actual. A música de raíz ás veces desprezase un pouco, e por iso custa máis salvala. E, con todo, hai exemplos de artistas que demostraron que se pode partir do popular e facer unha linguaxe actual, como Rodrigo Cuevas ou Rosalía. Non é imposible, pero require traballo, coñecemento e tamén saber que público buscas e que queres dicir como músico.

E para rematar, que pode esperar o público de Ourense do seu concerto?

Sei que o lugar é moi bonito e cunha acústica fantástica, e que ademais non adoita estar aberto ao público, así que ten ese punto extra. Eu agardo un concerto íntimo no que a arpa e a voz resoen moi fortes e moi compactas dentro dese espazo. Gustaríame que a xente que veña entre nunha especie de burbulla e que as cancións a leven, que case se sinta un personaxe máis mentres escoita.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents