Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día Mundial da Poesía, a Árbore e a Auga

Prantar a céltiga ‘deidá’ das carballeiras

Preto de 450 estudantes da comarca de Carballiño celebraron na Insua dos Poetas unha homenaxe a Otero Pedrayo e á natureza, con interpretacións de poesía e prantación de árbores autóctonas

A actuación dun dos centros do Carballiño na Insua do Poetas, en fronte do resto de colexios. | D. ALJÁN

A actuación dun dos centros do Carballiño na Insua do Poetas, en fronte do resto de colexios. | D. ALJÁN

Ourense

«Mingoante malencóneco de outono - Envolveito en farrapos de neboeiras - ¿Buscas, quizáis, n’un febrecente ensono - A céltiga deidá das carballeiras?». Foron os nenenos e nenas do CEIP de Xuvencos os que recitaron onte o poema de Otero Pedrayo na Insua dos Poetas, pero os preto de 450 estudantes en total que se deron cita onte no recuncho do Carballiño acabaron por darlle o máximo sentido a ese ‘Na coba de Rosalía’: un ano máis, prantaron árbores autóctonas no espazo natural, e permitiron que nos vindeiros anos, os visitantes que percorran os seus paseos atopen esa deidade céltica das carballeiras case 100 anos despois de que o erudito ourensán escribira o poema.

E é que a fundación Insua dos Poetas volveu celebrar o Día Mundial da Poesía, a Árbore e a Auga en colaboración cos centros de ensino da comarca do Carballiño. Dende 2010, o mundo da cultura e a educación do Arenteiro sumérxesen nun espazo máxico para darle á lírica, e a un autor homenaxeado en especial, o trato que se merece.

O poeta escollido nesta ocasión non foi outro que Otero Pedrayo. Cúmprense 50 anos dende o falecemento do ourensán, así comase celebra o centenario da súa obra «Guía de Galicia», e da mesma forma que o fito fixo declarar este 2026 o ano de Otero Pedrayo pola Xunta de Galicia, a Insua dos Poetas tamén lle dedicou a súa particular homenaxe. «Queremos transmitir a bonhomía, a imaxe de patriarca das letras galegas que foi este home, tanto na na súa faceta de escritor como na de investigación como xeógrafo, sen esquecer a de profesor primeiro no instituto de Ourense e despois na Universidade de Santiago. Eu creo que Otero Pedrayo estaría encantado en participar xunto con esta mocidade nas actividades», contaron dende a organización.

Nove colexios de primaria e secundaria da comarca do Carballiño, máis dous centros invitados (o Amadeo Rodríguez Barroso, do barrio de Barrocás, e o Virxe da Covadonga), participaron primeiramente nunha celebración da poesía, na que todos os alumnos pasaron polo palco da xeración Nós para interpretar a actuación en galego na que levaban traballando semanas. Recitais de poemas do propio Pedrayo, versións escolares de temas de rock, versos que se convirtían en avións de papel ou mesmo unha canción interpretada en linguaxe de signos encheron de lírica os rincóns e árbores do espazo da Esgueva: «Tentamos que coa poesía e a cuestión da lingua tamén o pasen ben, e non sexa só unha cuestión de aprender nomes de autores ou obras célebres. Eles non se pechan a isto, e aínda que moitas veces non lles chega maioritariamente, unha vez que entran en contacto si que lles gusta» conta Irene Lastra, mestra de Lingua Galega no IES Chamoso Lamas, sobre a actuación das súas rapazas de 2º da ESO.

Trala parte poética, tocou a natural, coa prantación de árbores autóctonas polos verdes da Insua.

Tracking Pixel Contents