Entrevista | María José Rielo Blanco Fagotista
María Rielo, fagotista: «Bad Bunny está moi ben, pero a banda popular tamén, e é quen achega a música»
A lalinesa é unha das mestras e intérpretes máis recoñecidas do seu instrumento, e está estes días en Ourense para unha ‘masterclass’

María José Rielo Blanco, onte en Ourense. / Roi Cruz
Poucos adxectivos poden definir mellor a María Rielo (Bermés, Lalín, 1988) que «enérxica» e «apaixonada». Asomar a orella mentres remata unha das súas dúas masterclass en Ourense —a primeira onte, e hoxe a segunda— supón adentrarse nun ambiente que motiva e fai mellorar ata o que está de espectador e non sabe nada do instrumento. Non é para menos: Rielo é docente na Esmuc de Barcelona e é intérprete principal invitada da Münchener Kammerorchester, en Alemaña.
Como se sinte unha trotamundos coma vostede ao volver a Galicia cando ten oportunidade?
É unha felicidade poder voltar a casa, falar galego e conectar coa nova xeración de Galicia. Veño case cada ano a Santiago ou aquí a Ourense, e sempre vexo os mesmos alumnos e alumnas medrar. Faime moita ilusión traballar con eles, ir a casa e axudar, ou contribuír co que poida, á formación das nosas xeracións.
Que lle parece a nova xeración de fagotistas que está a ver nestes días?
Fantástica, e non esaxero. Vexo as ganas que teñen, como enfocan o traballo de maneira disciplinada e como buscan o camiño correcto para dominar o instrumento. Hoxe tiven tamén unha alumna portuguesa e estou en contacto con eles, pero o nivel, a disciplina e as ganas dos que viñeron ata agora son moi bos.
Que se busca nunha masterclass musical, fronte a unha clase ordinaria?
Nas clases que imparto, en primeiro lugar gústame pasalo ben, iso para min é superimportante, pero sempre con disciplina e ensinanza. O que intento é dar ferramentas para que evolucionen: que no seu estudo individual poidan mellorar, autoanalizarse e saber como corrixirse.
Ademais de constancia e esforzo, que outras cualidades fan un bo músico?
Eu dígolles moito que «querer é poder». Hai que sentir paixón polo que un fai, porque iso leva á curiosidade continua, ao análise, a querer facer o mellor posible e a evolucionar. E tamén é importante coller o instrumento e querer dicir algo, ter unha mensaxe. É coma un escritor: se queres escribir un libro, tes que ter contido; non podes enchelo de palabras sen sentido.
En que faceta se sente máis cómoda: docencia, solista, orquestra?
Sinceramente, gústanme todas; se non, non as faría. A docencia ten un compromiso co futuro do estudante, e eu procuro dar clase semanalmente. Tocar de solista encántame, porque é un momento no que o fagot pode brillar e cantar. E tamén me gusta tocar en orquestra: en Alemaña estou nunha orquestra de cámara, en Barcelona toco ópera… Toco tódolos paus, e iso permíteme desfrutar. Non me podería quedar só cun campo.
O fagot segue sendo un pequeno descoñecido. Que lle diría ao gran público, ou a un neno, para que se achegue a este instrumento?
Eu cando collín o fagot non coñecía o instrumento: só coñecía clarinete, saxofón e frauta. A min chamoume a atención a forma, porque a un neno tenlle que chamar algo, e tamén o son: é moi bonito e ás veces os cativos relaciónano con debuxos animados. Eu non obrigaría un fillo a coller un instrumento, pero si creo que o fagot, por ser minoritario, hai que amosalo máis. Con concertos didácticos non só se promociona o instrumento: aproxímase a música e vense os valores que aporta, como disciplina, compromiso, escoita e xenerosidade. Na música, como na conversa, hai que aprender a escoitar; e ás veces eses valores son os que faltan na sociedade. Tamén é certo que, cando ven o prezo, moita xente marcha. Hai marcas facendo fagotes máis baratos; non coa calidade desexada, pero poden servir para iniciarse. E existen instrumentos máis pequenos, o fagotino, para que un cativo poida comezar: eu lembro que cando empecei o fagot era máis grande ca min e tiña que tocar de lado.
Galicia é terra de bandas populares. Que papel teñen para que despois saian tantos músicos galegos?
Na miña experiencia, e creo que na de moitos profesionais, a banda tivo unha importancia fundamental. Foi a miña base e quen me impulsou a querer facer música. Con dez anos, que che dean partes importantes e confíen en ti fainos crecer: dáche enerxía e confianza. Eu tocaba un solo e volvía a casa dicindo «papá, mamá, toquei o solo», e cando me dicían que aplaudira a xente eu sentía que medía dous metros. E ao seguinte quería facelo mellor, buscar a miña mellor versión. A miña banda de Lalín mercoume o primeiro fagot novo coa condición de participar na banda. Tamén toquei con outras bandas e, con 15 anos, fun de primeiro fagot a Valencia cunha banda de Pontevedra. Confiaron nunha nena, e iso é fascinante. Ademais, eu era das pequenas e tiven moitos mentores: compañeiros con máis experiencia que me axudaban e me facían avanzar a pasos xigantes.
Algunhas bandas teñen dificultades para atraer xuventude e o público envellece. Que se pode facer?
Eu recordo concertos didácticos da miña banda no meu colexio, nunha aldea, e incluso nos deixaban dirixir un anaco. Esa experiencia, para un cativo, é nova e fai que chegue á casa dicindo: «Quero aprender isto». Tamén fai falta apoio das familias, porque a música é fundamental polos valores que dá. E hai que lembrar que a banda galega é cultura e patrimonio. Bad Bunny está moi ben, pero a banda popular tamén: é quen achega a música aos pobos e aldeas. Para que non se perda, hai que organizar concertos e actividades, buscar a xente cando se desconecta, tocar en prazas, colexios, residencias… Nunca sabes onde plantas a semente, e dá igual a idade. Eu creo que isto tamén pasa por apoiar ás escolas e ás bandas desde os concellos, con recursos e subvencións, para poder facer máis programación e saír fóra: non só para «promocionar» un instrumento, senón para aproximar a música. E se hai familias ás que non se chega porque non lles interesa a cultura, ás veces é a través dos fillos como se esperta ese interese, porque o fillo fala do que ve. Eu mesma tiven alumnado adulto: a música é para todas as idades.
- La Xunta lanza un plan para atajar el fraude en las bajas laborales en Galicia, que en total son 70.000 al día y suponen unas pérdidas de 2.200 millones de euros
- La jueza archiva la causa de la botella de agua que quemó a un cliente en un restaurante de Vigo
- La gallega Mobify prepara su desembarco en Vigo: una flota de cien vehículos, modelo 'carsharing' y precios desde 0,29/km
- Dejar un trabajo fijo para dedicarse a la docencia: «Me arrepiento de no haberlo hecho antes»
- La Xunta ampliará el alcance de la ayuda anual de 5.000 euros del Bono Coidado para dependientes a otras 10.000 familias
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- Un accidente múltiple en la AP-9 en Vigo deja seis heridos, uno de ellos grave
- Roberto Verino se abre a un socio industrial a través de la venta de casi el 40% del capital para asegurar el relevo generacional