Universidad | Sara Vázquez Profesora na academia Arume Labs
«Se a PAU cambia cada curso, non podemos ter o modelo de libro de hai 20 anos»
A academia Arume Labs vén de ser a primeira ourensá en autoeditar libros para preparar as materias científicas da PAU galega, coordinados por Sara Vázquez

Sara Vázquez / Roi Cruz
—Como xurdiu esta iniciativa?
Non naceu como idea de libros. Cando empecei a dar clases en Arume Labs vin alumnado preparando a PAU por libre e non atopaba ningún manual que recomendar. Eran moi xenéricos, pensados para todo o país, e non estaban adaptados ao que se pide aquí. Entón comecei a facer os meus propios apuntes e a perfeccionalos para que puidesen estudar con eles. Tamén vía alumnado que viña do instituto sen libro de texto, e ao ter que copiar na clase, perdíanse nas explicacións porque eran rápidas, polo que pensei que ter un material claro lles serviría a todos. Isto comezou hai tres anos e fomos dándolle forma ata que este ano vimos que, con algunha volta máis, xa podía ser un libro.
—Como foi a resposta ás primeiras tiradas?
Mellor do esperado. Fixemos unha primeira tirada pequena porque non sabiamos que acollida ía ter, e vendeuse rapidísimo. Houbo xente que, ao enterarse de que existía, dixo que era unha idea fantástica. Nalgúns títulos xa imos pola terceira tirada. A primeira foron arredor de 30 exemplares.
—Cada vez empréganse menos os libros en os recursos impresos nas aulas, pero con este proxecto, vostedes seguen confiando na súa validez.
Si, efectivamente. Eu creo que en parte se usa menos porque moitos materiais son moi xenéricos e o profesorado quere enfocalo ao xeito no que se pregunta aquí. A teoría pode parecer similar, pero a maneira de preguntar cambia: coa mesma base podes ter vinte tipos de exercicios distintos aquí, en Madrid ou en Andalucía, porque en cada comunidade hai un equipo diferente facendo o exame. Entón, o libro pode seguir sendo útil, pero hai que adaptalo aos tempos e ao que vai cambiando. Se a PAU cambia ano tras ano, o que non pode ser é que os libros sigan o mesmo modelo de hai vinte anos. Pero, se se actualizan e se adaptan, pode ser un recurso moi interesante.
—Que lles comentan os alumnos sobre o material?
O que recibimos ata agora é moi positivo. Por exemplo, unha alumna dicíame: «é xenial porque, se non entendo algo na clase do instituto, chego a casa, miro o libro e xa o vou entender». Outras persoas agradecen moito ter exercicios resoltos, paso a paso, para practicar. E nós preguntámoslles se hai algo que mellorar; se o din, nas seguintes edicións imos incorporándoo.
—Os manuais publicados ata agora son para axudar nas matemáticas e as materias de Ciencias. Hai plans de ampliar a outras ramas?
Si. Na academia tamén formamos en linguas e, visto o éxito destes, pensamos que pode ser útil facer algo desa rama.
—Unha academia, e agora con libro á venda, pode interpretarse como substitución dun instituto.
Non, claro que non. Nós somos unicamente un reforzo, porque no instituto, con 25 persoas na aula, é imposible atender necesidades individuais. As academias axudan a consolidar contidos, e os libros poden servir a quen non ten material ou a quen prepara a PAU por libre. Aquí vén xente que repite específicas e, nese caso, nós somos o apoio que teñen.
—Notan máis alumnado preparando a PAU por libre?
Na nosa experiencia si que hai un gran aumento, sobre todo na cantidade de persoas que se quere presentar por libre a materias específicas. Outros anos igual eran catro ou cinco, e este ano chegan a dez.
—Cre que agora está máis estendida esa idea de que a PAU non é unha única oportunidade?
Totalmente. Estou moi contenta por iso, porque hai xente que empezou facendo un ciclo e, aínda que lle encanta quere entrar nunha carreira, principalmente da rama sanitaria. Estou contenta de que teñan o concepto de que, se á primeira non se puido, ou se daquela non sabían o que querían, agora decátanse de que teñen máis opcións.
—Polo que coñece dos seu alumnado ourensán, cando vai á universidade, quere quedar en Ourense, en Galicia, ou marcha fóra?
A maioría dos cos que falei quere quedar en Galicia. Depende un pouco da carreira que queiran facer, en Galicia é raro que non exista, pero ás veces as notas son moi altas e, nalgúns casos, hai carreiras que non están en Ourense e entón hai que saír, claro.
—Que inclúen exactamente os manuais?
Teñen a teoría desenvolvida segundo o que marca a CIUG, explicada para entender, non só para memorizar “receitas”. Despois incluímos exercicios de convocatorias anteriores aplicando esa teoría, resoltos paso a paso e con indicacións nosas: na PAU non chega con resolver, tamén hai que facelo dun xeito concreto, con palabras clave e, por exemplo en matemáticas, empregando linguaxe matemática. Tamén hai cadros de «fíxate» con erros frecuentes e avisos das preguntas máis típicas, porque nos últimos 7 ou 8 anos hai exercicios que se repiten moito.
—Que consellos daría para preparar a PAU, durante o curso e nos días de exame?
Durante o curso, levar a materia ao día e non estudar só para sacar un cinco. No instituto acaban a principios de maio e ás veces pensan que en tres semanas recuperan todo, pero tres semanas non chegan para estudar ben todas as materias, e en Ciencias entender conceptos leva tempo. Nos días de exame, é máis doado dicilo que facelo, pero hai que intentar estar tranquilos: os nervios restan moito. E, se é posible, revisar sempre ao rematar, porque hai erros de cálculo ou erros tontos que se arranxan cunha lectura e poden dar puntos.
—A maioría das vendas quedaron en Ourense ou xa houbo pedidos de fóra?
A maioría, de momento, si, porque ao principio compran sobre todo alumnos e familias que nos coñecen, e corre moito o boca a boca. Pero xa tivemos algunha venda de fóra. Gustaríanos chegar a máis xente, porque a PAU en Galicia é a mesma e pode servir en calquera provincia.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Xunta lanza un plan para atajar el fraude en las bajas laborales en Galicia, que en total son 70.000 al día y suponen unas pérdidas de 2.200 millones de euros
- La jueza archiva la causa de la botella de agua que quemó a un cliente en un restaurante de Vigo
- La gallega Mobify prepara su desembarco en Vigo: una flota de cien vehículos, modelo 'carsharing' y precios desde 0,29/km
- Dejar un trabajo fijo para dedicarse a la docencia: «Me arrepiento de no haberlo hecho antes»
- La Xunta ampliará el alcance de la ayuda anual de 5.000 euros del Bono Coidado para dependientes a otras 10.000 familias
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- Un accidente múltiple en la AP-9 en Vigo deja seis heridos, uno de ellos grave
- Roberto Verino se abre a un socio industrial a través de la venta de casi el 40% del capital para asegurar el relevo generacional