Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

Xosé Lois González, o ‘pai’ do Carrabouxo, acada o Premio Celanova, Casa dos Poetas

O xurado salienta a capacidade intelectual do autor e do protagonista da súa viñeta diaria para «provocar un sorriso responsable e reflexivo», empregando o humor para «axitar conciencias»

Patróns da Fundación Curros Enríquez. | FDV

Patróns da Fundación Curros Enríquez. | FDV

Redacción

Ourense

O xurado do premio «Celanova, Casa dos Poetas», presidido polo alcalde, Antonio Puga, deliberou sobre as distintas propostas presentadas e acordou por unanimidad a concesión do galardón, na súa 42 edición, a Xosé Lois González, coñecido popularmente como ‘O Carrabouxo’. O xurado salienta a súa longa traxectoria como humorista gráfico. Dende 1982, a través das páxinas do xornal ourensán La Región, é un dos pioneiros do humorismo gráfico galego da etapa democrática e digno continuador, destaca o xurado, das viñetas de Castelao, así como herdeiro, ó mesmo tempo, dos rexistros sociolóxicos da sorna, da rexouba, do trasacordo, da «retrórica» e da retranca, tan ben utilizada para interpretar as cousas da vida e da morte nos tempos decimonónicos do ‘Tío Marcos da Portela’ ou do ‘Catecismo do labrego’.

Con este recoñecemento, a Fundación Curros Enríquez desexa destacar a capacidade intelectual do autor e do seu alter-ego, «para seren quen entre ambos, de zugarlle cada mañá á actualidade, unha perspectiva subxectiva e alternativa destinada a provocar na xente un sorriso responsable e reflexivo, utilizando o humor coma unha auténtica arma comunicativa destinada a axitar conciencias, valorando ademais e dun xeito especial o compromiso que dende eses mesmos anos oitenta mantivo co proceso de recuperación da casa familiar de Curros Enríquez para o patrimonio público, que nos fai sentírmonos orgullosos do que hoxe significa a Casa dos Poetas para Galicia», gaba o xurado.

Este sábado, 7 de marzo, o día que morreu o poeta Manuel Curros Enríquez fai 118 anos, o Padroado da Fundación Curros Enríquez reuniuse coa presenza de representantes do Concello de Celanova, da Deputación de Ourense, da Real Academia Galega, da Universidade de Vigo e doutros patróns a título individual, co fin de aprobar as contas e actividades de 2025 e outros asuntos internos da entidade, ademais da concesión do premio.

Tracking Pixel Contents