Día Mundial da Lingua Materna
López Campos minimiza a perda de falantes: «As notas medias en galego e castelán son equivalentes»
O conselleiro de Lingua afirmou en Ourense que o galego é «a lingua cooficial máis falada en Europa», algo que os datos non avalan

López Campos (centro), e outras autoridades, cos nenos da escola infantil pública Virxe da Covadonga. / Iñaki Osorio
Se a escena vivida onte na escola infantil pública Virxe da Covadonga puidese tomarse como unha mostra totalitaria da situación sociolingüística en Galicia, probablemente non sería nin noticia. Os nenos e nenas —de ata 3 anos e representación da diversidade étnica que viste á cidade de Ourense a día de hoxe— asistían a unha obra de teatro en galego á que reaccionaban con curtas verbas ou sons indefinidos. As mestras educaban ao alumnado nos dous idiomas cooficiais indistinta pero equilibradamente, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, definía a actividade como «unha maneira fermosa de poñer en valor a promoción da lingua que se leva a cabo nas escolas, e algo do que os nenos seguramente falarán cando cheguen ás súas casas». Pero o contexto da lingua galega é máis complexo ca o dunha aula de parbuliños: a diferenza destes, os nenos de máis idade falan, e non precisamente de forma equilibrada entre castelán e lingua propia.
A Xunta de Galicia celebrou onte en Ourense, por adiantado, o Día Mundial da Lingua Materna nunha realidade na que seguen a pesar os datos quinquenais da Enquisa Estrutural a Fogares do IGE de 2024, pero que o goberno autonómico segue a tratar de contrarrestar con outras estatísticas posteriores. O informe publicado hai pouco menos dun ano e medio situaba por primeira vez na historia ao galego como lingua minorizada (o 53,77% das persoas enquisadas falaba sempre ou con máis asiduidade castelán) e revelaba que un de cada tres rapaces e rapazas de entre 5 e 14 anos sabía falar pouco ou nada de galego.
Preguntado onte por ese dato e polas medidas clave para promover a lingua nese sector, o conselleiro respondeu que «temos que poñer os datos en situación» e asegurou que o galego «é a lingua cooficial máis falada non só en España, senón en Europa, o cal é unha boa noticia». E aínda que o concepto de lingua cooficial varía segundo o país, mesmo no ámbito estatal os datos desmenten a afirmación de López Campos practicamente en todas as súas acepcións, co catalán superando a galega cun dominio notable.
O catalán, superior en número de falantes
Atendendo ao ámbito territorial, a diferenza é obvia: o catalán é lingua oficial nun conxunto de rexións —Cataluña, Comunidade Valenciana e Illas Baleares— no que a poboación é varias veces máis extensa ca de Galicia. E no apartado puramente lingüístico, a referencia máis comparable é a Enquesta d’usos lingüístics de la població publicada polo Institut d’Estadística de Catalunya, a máis similar á Enquisa de Fogares do IGE e tamén de 2024. Aquí, os datos tampouco cadran co que afirmou o conselleiro.
En primeiro lugar, 5,45 millóns de habitantes de Cataluña consideran que saben falar o idioma da terra. É un dato que Galicia non podería superar nin no caso imposible de que o 100% da poboación falase galego, pois a comunidade suma arredor de 2,7 millóns de habitantes. Agora ben, se López Campos se referise ao porcentaxe de poboación que sabe falar galego, o asunto vólvese ambiguo: o estudo catalán só recolle datos a partir dos 15 anos (fronte a Galicia, que enquisa desde os 5) e ofrece respostas diferentes ás do IGE, que permite graduar entre «moito», «bastante» e «pouco ou nada». Con esas diferenzas metodolóxicas, pódese intuír que o coñecemento e o uso do catalán é máis amplo nas xeracións novas e inferior nas máis avanzadas, pero sen unha base equivalente para concluír categóricamente que unha ou outra é “a máis falada”, polo que estes datos tampouco avalarían as verbas do conselleiro.
O argumento das notas
López Campos tamén puxo o foco nos resultados académicos, argumentando que «segundo os datos que manexan na Consellería de Educación, os mozos galegos teñen competencias acreditadas, xa que as notas medias en galego e castelán son equivalentes». O conselleiro extrae esta afirmación dos datos que xa anunciara verbalmente un ano atrás: no Día Mundial da Lingua Materna de 2025 difundíase en nota de prensa que os porcentaxes de aprobados en Lingua Galega e Lingua Castelá son semellantes, así como a cualificación media (arredor do 7,2 en Primaria e algo máis de 6 na ESO). Porén, esas cifras forman parte dun informe para comisións do Plan Xeral de Normalización Lingüística e non están dispoñibles abertamente para consulta.
Ademais, cómpre cuestionar o alcance dese argumento como indicio de galegofalantes: os resultados académicos non son un espello do uso habitual dunha lingua, e unha media pouco por riba do aprobado na ESO —etapa aínda obrigatoria— non garante, por si mesma, un dominio funcional ou unha práctica real e cotiá.
Máis alá dos datos, o conselleiro quixo remarcar as campañas da Xunta para promover o galego, especialmente entre as xeracións máis novas, como foi o caso da acción de onte en Covadonga. «Queriamos celebrar este día nunha escola infantil porque é o berce da lingua, é nos nenos e nenas máis pequenos nos que se constrúe o legado que nos deixaron os nosos devanceiros», dixo. E engadiu outro matiz: «cada vez son máis as familias que chegan doutras nacionalidades a Galicia para buscar unha oportunidade, e temos que ter as ferramentas necesarias para que aqueles que veñan de fóra xa teñan contacto dende pequeniños co noso idioma».
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- La constructora de avenida de Portugal desoye la orden de reinicio de obra del Concello y vecinos y comerciantes se movilizan
- Llevar droga en la funda del triángulo del coche es «insólitamente incompatible» con alegar consumo propio, afirman los jueces
- La torre medieval entre vides salvada del olvido
- Las historias (y el producto) detrás de la mejor hamburguesa de España
- El comercio de la avenida de Portugal alega fuertes pérdidas tras 10 meses en obras
- Investigan si la alcaldesa del PP en Vilariño de Conso prevaricó por levantar reparos de facturas
- Denuncian que Netflix borró una histórica pintada de las Mocidades Galeguistas en Celanova durante un rodaje