Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Voda da Pita volve poñer a Eiroás no foco do día grande do Entroido

A representación teatral, que acumula case 30 anos, rememora a historia da parella de viúvos que casou sen invitar a viño ao barrio, e trae ao lugar de Cudeiro as súas máscaras particulares

Ourense

Contan os veciños que, na metade do século XX, cando «o Elvis facía bailar as parellas a ritmo de rock, Blanco Amor escribía A Esmorga e o Fraga bañábase en Palomares» (ou iso contaba o narrador), casou no barrio de Eiroás unha parella de viúvos que non convidaron a festa nin viño ao pobo. Antonio Guimarei e Gumersinda de Benavides, coñecida como «A Pita», deron sen querelo orixe ao Entroido particular do barrio, a Festa da Pita, que este ano cumpre xa 28 anos desde que a asociación veciñal recuperou a tradición.

O carnaval propio do barrio —un dos poucos ourensáns que celebraba esta festa pagá nos anos 70— xa dera comezo dúas semanas antes co farelo e os oleiros, e as pitas, as súas máscaras con forma de galiña e fitas de cores, fixéranse presentes no desfile urbano do pasado domingo. Pero todos agardaban o de onte como o día grande: o martes de Entroido trouxo de novo a Voda da Pita, unha recreación daquel casamento que deu orixe á festa e que desde 2001 conta cunha representación teatral na praza do barrio á que asisten veciñanza e curiosos.

Sátira a esgalla

Aínda que a estrutura e parte dos diálogos se manteñen cada edición —e os seus intérpretes, veciños afeccionados, lémbranos ano tras ano—, esta celebración non sería nada sen as súas boas doses de parodia sobre a actualidade dos últimos meses. E este 2026 non fallou: o cura confesou que daba misa a unha parroquia ou a outra dependendo de como lle cambiara os buses o alcalde, despois de que os noivos chegaran tarde ao seu propio enlace por coller a liña 7, que agora seica conectaba A Valenzá con Covadonga pasando por Cudeiro.

Apenas lle deu tempo a contar como se coñeceran cando entraba por escena o alcumado como «Abominable alcalde de las nieves»: a peito descuberto, cun impoñente micro atado con cinta adhesiva ao peludo torso e, en xeral, cun look sospeitosamente similar ao que portara Jácome no seu viral baño nas termas do Muíño… mentres o propio alcalde sentaba no público. Precisamente da viralidade, e de que Rafa gravase, era do que se preocupaba este curioso rexedor: «O que dá likes é traer á Gramola DJ, non arranxar o socavón de Pena Trevinca nin devolver o transporte público á normalidade», soltaba.

A el uníronse outras intervencións: Antonio Lobato ofrecendo saber canto vale o teu coche (o cura interesouse para mercar un novo vehículo co que poder entrar no centro a partir de xuño), e un garda civil ao que representaba Donald Trump, que chegou subastando países como Venezuela, Cuba ou Groenlandia. Tras unha boa liorta cos veciños presentes, a festa acabou como debe: as pitas derrocaron á autoridade lanzándolle cáscaras de ovo e os noivos deron o seu paseo de casados baixo unha chuvia de millo.

Tracking Pixel Contents