Entrevista | Fran Lestón Guitarrista de 'Lisdexia'
Lisdexia: «Preferimos que a xente veña a dalo todo aos concertos a ter reproducións»
O grupo punk-rock de Muros tocou o sábado por primeira vez en Ourense. O café Cultural Auriense foi o elixido para pechar axira naque presentaron en salas o seu EP «Escravos do Baile». Falamos con eles horas antes do concerto

O grupo Lisdexia, en Ourense, horas antes do seu concerto no Café Cultural Auriense. Fran Lestón, guitarrista, no centro da imaxe. / Roi Cruz
—Pechan unha xira que pasou por tres das catro provincias galegas. Como foi a resposta?
—Fixo que comezara moi ben o ano. En Santiago, o ‘non hai entradas’ estivo de puta madre, e o xoves en Vigo sorprendeunos a cantidade de xente e o ambiente, foi moi guai, e iso dáche moitas ganas de seguir.
—Ourense é terra de rock e para vostedes é a primeira vez aquí. Como afrontan este concerto?
—Con moitas ganas, porque nunca viñemos. Temos ese formigueiro de descubrir e ver que pasa hoxe. Sabemos que pode ser máis difícil porque non tocamos nunca aquí, pero cremos que vai estar bastante guai e que o público vai responder ben, de verdade.
—Esta xira exclusivamente de salas chega tras un verán cheo de festivais. Se tiverades que escoller un dos dous espazos, con cal vos quedariades?
—Hai varias opinións dentro do grupo. Eu son de festivais, 100%, polo ambiente, pola festa e por como se vive todo arredor do escenario. Pero, por exemplo, Javi (guitarrista do grupo) prefire 1000 veces as salas, porque o público vén verte a ti e vén polo teu concerto. Nos festivais o público é máis xenérico: estás alí, ves un grupo, ves outro, e ás veces atopas unha banda porque che cadrou. As salas teñen máis sentido para iso, para crear público propio; os festivais teñen outro rollo.
—Este novo EP levounos a que Spotify os recoñese como descubrimento musical no seu lanzamento. Para vostedes que é mellor indicativo, moitas reproducións ou que a xente viva o concerto?
—As dúas cousas importan, pero preferimos mil veces que a xente veña aos concertos, que o pase ben, que veña a caldear, a saltar e a dalo todo, como está a pasar nestas datas de salas. Ese é o indicador de que á xente lle gusta e de que o que facemos mola, e ao final é o que máis motiva.
—Levan xa oito anos de percorrido. En que evolucionou o grupo desde os primeiros temas?
—Cambiou moito. Cando empezamos tiñamos 15 ou 16 anos e fomos evolucionando como persoas, e o grupo con nós. Tamén inflúe como vai avanzando a escena: vas aprendendo cousas novas e quedas co que che mola. Neste último EP nótase un cambio: curremos todo máis e démoslle máis voltas para que os temas queden completos. E o que estamos a preparar agora, para sacar a principio de ano, vai nesa liña. Non é só a música: tamén a imaxe e as redes; nótase no ‘feedback’ da xente cando intentas facelo mellor.
—Viviron tamén un cambio sustancial na escea musical galega.
—Está a medrar a un ritmo espectacular. Hai máis diversidade e máis estilos: antes era impensable ver certas correntes, e agora a urbana está medrando moitísimo. Sae moita xente nova facendo música e non ten pinta de parar; oxalá vaia a máis. Ademais, as esceas aliméntanse: ves algo que che mola e pensas «eu tamén quero», e iso empurra a uns e a outros.
—Dentro desa canteira, a vosa terra é un fervedeiro de artistas: The Rapants, 9Louro... e obviamente Terbutalina. Que ten Muros para que saian tantas xoias?
—Non sei o motivo exacto, pero si que dende hai moitos anos hai unha gran tradición de haber moitos grupos. Nós crecemos vendo a Terbutalina, Trapos Sucios e outros grupos pequenos, que aínda que non se movían moito, estaban aí , e con 15 anos metíannos o interese de querer ser coma eles. Aos Rapants pasoulles exactamente o mesmo, aínda que foran grupos máis pequenos que non saíran tanto de Muros, quedou esa escola.
—Falando precisamente de Terbutalina, fálase de vostedes fai anos como os seus herdeiros, e aínda máis dende que se retiraron. Xéravos algún tipo de presión?
—Presión, cero. Ao final, a presión metémola nós mesmos, Terbutalina son claramente os nosos referentes dende sempre e é normal que se nos comparen. O contrario, ogallá poder chegar a ser a metade do que foron eles, porque nós medramos véndoos. Encántanos o que facían, é o noso estilo preferido e intentamos non imitalo, senón collelo como referencia e darlle o noso toque.
—Neste «Escravos do Baile» non escatiman en sátiras ao ‘pijerío’, modernismo e certo postureo galeguista que se ve pola costa galega e Santiago nos últimos anos. Ourense, e o interior, líbrase desa «fauna» ou tamén está «invadida»?
—Ti que opinas? (risas). Aí píllasme, porque non coñezo tanto a zona, pero creo que se está a estender por todos lados. Entre nós falámolo mil veces, que xa non só no verán, senón durante todo o ano, Santiago non é o que era. De feito, imos sacar un tema dentro de moi pouco que fala precisamente disto, de como todo agora na cidade é un pouco máis frouxo e máis «instagrameable».
- «Clima de terror» en casa: agredía a su hija, «anulaba» e insultaba a su mujer y pegaba a los perros
- Viaje accidentado de una familia: dos heridos graves en una colisión contra una casa en el municipio ourensano de Piñor
- El templo budista de Galicia, en cuenta atrás para su reapertura tras el fuego
- El Concello de Ourense activa las cámaras de videovigilancia: multas de hasta 100 euros por acceso indebido
- Ribeira Sacra ultima casi 10.000 plazas para una Semana Santa explosiva: del púrpura del brezo al blanco de los cerezos
- Buscan en Ourense a una menor de 16 años desaparecida tras no regresar a su centro de acogida
- Emprendimiento con hilo y aguja: la historia de Madejas Tejerlo y su apuesta por lo local y lo auténtico desde el interior de Galicia
- Vivir en la ruta del ruido nocturno (y ahora diurno) : «Sólo en el casco vello contabilizamos 190 locales»