Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

150 aniversario d’O Tío Marcos d’a Portela

Ourense lembra a Lamas Carvajal cun roteiro pola súa vida

O acto coincidiu co día da primeira publicación, e o Día dos Medios en Galego

Lectura do manifesto no cemiterio de San Francisco trala ofrenda. | ROI CRUZ

Lectura do manifesto no cemiterio de San Francisco trala ofrenda. | ROI CRUZ

Ourense

Ourense saíu hoxe á rúa para seguir as pegadas de Valentín Lamas Carvajal no roteiro conmemorativo dos 150 anos de O Tío Marcos d’A Portela, o primeiro xornal redactado integramente en galego. Coincidindo coa data exacta en que viu a luz o número un e co Día dos Medios en Galego, a cidade converteuse nun escenario aberto cun percorrido por dez espazos vencellados á vida e á obra do autor, con parada final no Liceo ourensán. A camiñada iniciou no cemiterio de San Francisco, onde se realizou unha ofrenda floral diante da súa tumba, e continuou cara ao centro nun itinerario de memoria civil e literaria. Entre as paradas figuraron a praza do Correxidor, o Xardín do Posío e a Praza Maior, puntos que axudan a reconstruír a relación do escritor coa cidade na que deixou unha fonda pegada. O roteiro foi tecendo, parada a parada, unha lectura da Ourense que inspirou ao creador do xornal, unindo espazos emblemáticos do casco histórico e do Posío, ata rematar no Liceo, nunha homenaxe colectiva ao xornalismo en galego de raíz popular hoxe. O grupo avanzou acompañado por un tamborileiro e un gaiteiro, nun aceno ao espírito popular da publicación e ao seu pulso de rúa, levando a homenaxe fóra das paredes e ao paso da xente. O remate foi no Liceo de Ourense, coa música como peche simbólico: un concerto da Coral de Ruada que deu paso a un xantar popular, convertendo a conmemoración nun encontro participado e festivo. Xa ao fío da efeméride, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia difundiu un chamamento a “dar pasos valentes” para asegurar o mantemento do xornalismo en galego, reclamando ás administracións e ás direccións dos medios un modelo de apoios e prácticas que evite que a información nesta lingua fique no anecdótico.

Tracking Pixel Contents