Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Reinado no entroido de Maceda, festa e regueifas de aldea en aldea

A tradición recuperada en 2025 lembra un antigo costume da época de carnaval na zona, e propicia unha celebración especial para os veciños, sen masificacións

O rei de Carguizoi ‘cabalga’ un burro simulado, coa comitiva detrás, e a neve en San Mamede.

O rei de Carguizoi ‘cabalga’ un burro simulado, coa comitiva detrás, e a neve en San Mamede. / JOSÉ JUAN

Javier Fraiz

Javier Fraiz

Ourense

O entroido de Maceda conleva unha experiencia de inmersión. Permite unha viaxe sentimental polas aldeas da contorna e estreita os vencellos entre veciños de diferentes xeracións que comparten o amor polas raíces e a súa tradición, un conxunto de costumes que beben das lendas, a paisaxe e a natureza do concello, que se estende entre o val e os cumios da Serra de San Mamede. A cima estaba tinguida este sábado de branco, trala neve dos últimos días. O entroido de Maceda, de interese turístico en Galicia, supón unha celebración en movemento. A festa popular une as aldeas e as parroquias e enche os camiños de ledicia e de vida. É un dos carnavais máis auténticos de Galicia.

En 2025 recuperouse a tradición do Reinado, que este sábado se celebrou de novo. A comitiva, acompañada por felos e músicos, partiu dende Carguizoi e realizou paradas en Santa Marta, na Reguenga e no Lar dos Felos, ata chegar á Aira dos Patos de Tioira, onde a festa culminou, con máis de duascentas persoas no lugar, a maioría delas da zona. Sen deixar os visitantes á marxe, a celebración honra e fai memoria sobre a a tradición da cotorna. O Reinado é unha festa que gozan os veciños de forma moito máis sentida, porque a participación colectiva no lugar ao que un pertence non só entretén, tamén emociona.

Música tradicional, roupa da Galicia rural de antigo, e neve en San Mamede. |  J. Juan

Música tradicional, roupa da Galicia rural de antigo, e neve en San Mamede. | J. Juan

Os asistentes ao Reinado levaban roupa típica da Galicia rural do século pasado e saíron con dous burros de madeira recubertos de tela. Un dos participantes facía de rei de Carguizoi, ‘cabalgando’ un fermoso animal simulado, que se arrastraba sobre unha plataforma con rodas, empurrado por outros veciños. Así representaron unha tradición de entroido que volveu para quedarse, un costume de antigo que regresou á programación co ingrediente fundamental da retranca, que é a forma nosa de ser.

«Ata 2025 pasaran máis de sesenta anos desde que non se facía esta tradición. A xente nova das aldeas ía a outras localidades nos burros ou nos cabalos da casa, cos felos diante, para ‘colonizar’ outra aldea, que á súa vez tiña que devolver esa acción despois a outra localidade», explica Uxía Oviedo, a alcaldesa. «Acudían nos animais da casa de aldea en aldea, saían tamén os felos, había regueifas...todo iso é o que se intenta representar co Reinado, recuperando a tradición o mellor posible», expresa.

Unha regueifa na celebración deste ano do Reinado.

Unha regueifa na celebración deste ano do Reinado. / JOSÉ JUAN

Ata o 21 de febreiro hai celebracións de entroido en Maceda, un dos máis xenuínos do país. Os felos son os personaxes principais. Levan a felicidade ás aldeas, facendo soar as chocas, contaxiando sorrisos coas súas carautas de amable faciana, danzando e facendo trasnadas cos bastóns, coa rebeldía e a retranca como xeitos de actuar. O que nace dos sentimentos non o hai que inventar.

Tracking Pixel Contents