Morre Francisco García, un histórico do BNG e alcalde de Allariz durante 18 anos
Gobernou a súa vila natal entre 2000 e 2018, con sucesivas maiorías absolutas. O seu pasamento, con 69 anos, causa un fondo pesar: «Foi unha boa persoa, cercana e xenerosa»

Francisco García. | Iñaki Osorio

Entre os anos 2000 e 2018, Francisco García Súárez gobernou con maiorías absolutas a súa vila natal de Allariz, o seu berce familiar e tamén político. Antes de suceder no cargo a Anxo Quintana, García foi concelleiro e tenente de alcalde desde a década dos noventa. Este histórico militante nacionalista, unha figura de referencia da xestión local no BNG, faleceu durante a noite do venres ao sábado, con 69 anos, no hospital de Ourense. O seu pasamento causa un fondo pesar entre os familiares, achegados e compañeiros. O tanatorio de Allariz acolle o velorio entre as 16:30 e 20:30 horas do sábado, e entre as 10 e 14 horas do domingo. Na Praza do Concello haberá un acto de despedida ás 17 horas do domingo.
«Marcha un exemplo de compromiso con Galiza, de xenerosidade e de humanidade. É unha das persoas que máis admirei e das que máis aprendín no BNG, sempre co seu sorriso e optimismo», manifestou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón. «A súa pegada será imborrable e pode verse no seu amado Allariz. Todo o meu cariño e apoio á familia, amizades e a todas as persoas que hoxe o choramos. Sempre na memoria e no corazón», expresou a parlamentaria.
«É un día tremendamente triste, porque nos deixou unha persoa cunha dimensión humana excepcional. Personificaba toda a grandeza e a xenerosidade do ser humano: era bo, cercano, alegre. Era unha desas boas persoas que existen no mundo, sempre disposta a tender unha man», di con emoción a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, que tomou o relevo de García no ano 2018. «Foi un alcalde excepcional, que sempre traballou polo país. Dedicou a súa vida a conseguir un Allariz e unha Galicia mellor, traballando incasablemente ata o último día para acadalo. Déixanos unha persoa excepcional. Queda o seu gran legado», expresa a rexedora, a quen García propuxo no seu día para que asumise a Alcaldía de Allariz.
«Fóisenos o Paco, unha das persoas máis influíntes na miña vida política. Atesouraba moitos valores, mais por riba de todo destacaría a súa bonhomía. Sempre cercano, un referente. Deixaches semente», expresou este sábado Luís Seara, portavoz nacionalista no concello de Ourense.
«Déixanos unha persoa absolutamente extraordinaria no político e no profesional, pero sobre todo no persoal, cunha capacidade de ver esperanza en calquera circunstancia. E tamén, como sempre lle dixen, a voz máis bonita do nacionalismo galego, que axudou a construír incansablemente», salienta a parlamentaria ourensá Noa Presas.
Francisco García Suárez naceu en Allariz en 1957. Diplomado en Maxisterio, exerceu como profesor da antiga EBG, e foi secretario-interventor do concello ourensán da Mezquita. Antes de asumir a alcaldía en 2000 en continuación de Anxo Quintana, trala renuncia deste antes de converterse en vicepresidente da Xunta durante o goberno bipartito, Francisco García foi concelleiro de Allariz dende o ano 1990 e tenente de alcalde entre 1991 e 2000. Ata o 2003 foi secretario de organización da Executiva do BNG. Tras suceder no cargo a Quintana, revalidou a alcaldía de Allariz, feudo histórico do Bloque, con maiorías absolutas nas eleccións municipais de 2003, 2007, 2011 e 2015. Foi vicepresidente segundo da Fegamp dende 2003 ata 2015. En xuño de 2018 presentou a súa dimisión como alcalde de Allariz e foi substituído pola súa compañeira Cristina Cid.
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- La torre medieval entre vides salvada del olvido
- Denuncian que Netflix borró una histórica pintada de las Mocidades Galeguistas en Celanova durante un rodaje
- Viaje accidentado de una familia: dos heridos graves en una colisión contra una casa en el municipio ourensano de Piñor
- El Concello de Ourense activa las cámaras de videovigilancia: multas de hasta 100 euros por acceso indebido
- Comerciantes de la Plaza de Abastos de Ourense, 'estupefactos' ante el proyecto de traslado subsidiario
- Buscan en Ourense a una menor de 16 años desaparecida tras no regresar a su centro de acogida
- Muere Víctor Ferreiro, exsecretario de Podemos Ourense, a los 62 años de edad