Ourense volve ser o quilómetro cero da prensa en galego 150 anos despois
A cidade será epicentro do aniversario do xornal O Tío Marcos d’a Portela cun amplo programa de actos que inclúen roteiros, concertos, xantares populares e a dixitalización completa da cabeceira

Os representantes institucionais na presentación dos actos conmemorativos no Marcos Valcárcel. / Roi Cruz
Hai 150 anos, cando a maior parte da poboación apenas sabía ler e escribir, un xornal feito en galego, con sátira, retranca e vocación popular, comezou a circular polas rúas de Ourense. Aquel experimento pioneiro chamábase O Tío Marcos d’a Portela e o seu impulsor, Valentín Lamas Carvajal, acabaría por converterse nunha das figuras clave do Rexurdimento.
O primeiro número daquel xornal arrancou un 7 de febreiro de 1876 e agora, século e medio despois, a cidade quere volver situarse nese punto de partida e reivindicar o seu papel no nacemento do xornalismo en lingua galega, converténdose no epicentro das celebración do 150 aniversario cun amplo programa de actividades que inclúe roteiros urbanos, concertos, xantares populares, xornadas de reflexión, publicacións especiais e a dixitalización completa da cabeceira.
Así o fixeron saber onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel os representantes das principais institucións culturais galegas, nun acto que subliñou o carácter colectivo e plural da conmemoración.
Neste senso, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, salientou que a efeméride pretende celebrarse «a unha soa voz, aínda que moi diversa»,facendo fincapé en que esta homenaxe non é só para un xornal, senón para a propia figura de Lamas Carvajal, a quen Eduardo Blanco Amor definiu como o «cuarto pé do Rexurdimento», xunto a Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez.
Deste xeito, os actos arrancarán xa o 6 de febreiro, na véspera do aniversario, cunha xornada organizada pola Asociación de Medios en Galego—Amega— sobre intelixencia artificial e desinformación, seguida dunha foliada. Precisamente dende a asociación puxéronse en relación os retos do século XIX cos actuais, lembrando que O Tío Marcos naceu cunha clara vocación pedagóxica nun contexto de altas taxas de analfabetismo, unha función que hoxe se traslada á alfabetización dixital.
Con todo, o día central será o 7 de febreiro, coincidindo coa data exacta da saída do primeiro número e co Día dos Medios en Galego. A cidade converterase entón nun escenario aberto cun roteiro que percorrerá dez espazos vinculados á vida e á obra de Lamas Carvajal. O itinerario partirá do cemiterio de San Francisco, onde se realizará unha ofrenda floral diante da súa tumba, e pasará por lugares como a praza do Correxidor, o Xardín do Posío ou a Praza Maior, acompañado por un tamborileiro e un gaiteiro, nunha clara referencia ao espírito popular da publicación. O percorrido rematará no Liceo de Ourense cun concerto da Coral de Ruada e un xantar popular, para o que é preciso anotarse previamente no correo electrónico liceodeourense@hotmail.es, mediante o teléfono 988 220 650 ou no propio Liceo ata o 3 de febreiro.
Legado con proxección
A conmemoración non se limitará ao mes de febreiro. A comisión organizadora explicou que o programa estenderase ao longo de todo o ano arredor de dúas datas clave na biografía do autor: o 4 de setembro, aniversario do seu falecemento, e o 1 de novembro, data do seu nacemento. Nese marco, a Real Academia Galega celebrará en Ourense unhas xornadas centradas na lingua galega e os medios de comunicación, cunha ollada tanto histórica como de futuro.
Outro dos piares da celebración será a dixitalización completa da colección de O Tío Marcos d’a Portela, que estará dispoñible no portal Galiciana, facilitando o acceso a investigadores, docentes e público en xeral. Ademais, o Consello da Cultura Galega creará un sitio web específico no que se recollerán todos os contidos e actividades da efeméride.
A Fundación ONCE sumarase tamén á homenaxe dedicando ó cupón do 1 de novembro á figura de Lamas Carvajal, xa que durante a presentación fíxose especial fincapé na súa discapacidade visual e no papel decisivo da súa muller, Amalia Rosina, e das súas fillas, que fixeron posible a súa intensa actividade xornalística e literaria nunha época sen medios nin recursos técnicos.
Historia do xornal pioneiro
Fundado en Ourense en 1876, O Tío Marcos d’a Portela foi un xornal satírico e de opinión escrito integramente en galego, con periodicidade quincenal e unha tiraxe que chegou aos 4.000 exemplares, unha cifra excepcional para a época. Publicáronse 58 números ao longo de varios anos, con interrupcións motivadas polas dificultades económicas e a presión política.
A publicación non só foi pioneira polo uso da lingua, senón por crear un modelo de prensa popular con forte carga crítica contra as inxustizas sociais. O seu éxito fixo escola e deixou unha pegada duradeira na historia do xornalismo galego, unha pegada que 150 anos máis tarde Ourense reivindica.
- La solidaridad en Xinzo: bares y panaderías llevan provisiones a los ganaderos que protestan en la A-52
- Hallado un cadáver en el embalse de Castrelo de Miño, en Ribadavia
- Ourense bajo la lluvia: el Miño supera los 7 metros y los embalses evacúan
- Nueva jugada del campo ourensano: la tractorada irá a Madrid en los próximos días
- El corte de la A-52 podría obligar a cancelar el desfile de pantallas en Xinzo
- Una niña contó a su profesora que temía por la vida de su madre, víctima de violencia machista
- De la hostelería a la sacristía: servir, ahora, desde el corazón de la catedral
- La vivienda usada se dispara un 18,4% en Ourense, hasta los 2.009 euros/m2