Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Prado Rúa Influencer en galego

Prado rúa, influencer en galego: «Hai moi poucos vídeos sobre cultura ourensá feitos en galego»

Unha das creadoras de contido en galego máis recoñecidas levou a cabo durante novembro o «mes da ourensanía», unha serie de vídeos para divulgar sobre a cidade das Burgas. Pensa que a música e as redes poden facer moito pola situación da lingua, pero que «cun goberno remando en contra» limítase a súa chegada.

Prado Rúa

Prado Rúa / Elisa Goro

Ourense

Nas últimas semanas, un vigués descubriu que, en Ourense, quen presume dalgo está «como un rato enriba dun queixo»; un coruñés decatouse que na zona da Alta Limia tamén se fala con gheada; e un lugués xa sabe que os afiadores de Nogueira de Ramuín tiñan unha xerga propia. Todo grazas á creadora de contigo en galego María Rúa Rodríguez (Ourense, 2000), que durante este novembro levou a cabo nas súas redes o «mes da ourensanía» unha serie de vídeos curtos para divulgar sobre os tesouros, cultura xeral e curiosidades dialectais da provincia termal.

Pero o traballo de pradorua (o seu alcume en Internet) non ven só destes últimos 30 días: de orixe familiar na Alta Limia e criada na cidade das Burgas, María leva dende 2020 creando contido dixital, está posicionada como unha das influencers en galego máis coñecidas e dende outubro de 2023 vive do seu traballo en redes como autónoma.

Como xorde a idea de facer o «mes da ourensanía»?

Apetecíame falar máis especificamente sobre Ourense. Son de alí pero levo tres anos vivindo en Compostela, e ao final fun facendo máis contido relacionado con esta zona. Agora quería focalizar e poñer en valor a provincia da que son.

E por que facelo en novembro?

Literalmente por puro egocentrismo, xa que é o mes do meu aniversario (risas). Pero aparte diso, encaixábame para non mesturar contido co Nadal. Ademais, novembro en Ourense é un mes moi simbólico: os magostos, o San Martiño… cadraba perfectamente.

Aínda que moitos vídeos son na cidade, tamén falou dalgúns elementos da provincia. Era un obxectivo inicial?

Si, totalmente, e gustaríame falar máis do resto da provincia, pero por cuestións prácticas non podo moverme tanto. Os patrocinios para este vídeos foron moi lixeiros e non teño apoio institucional como para cubrir desprazamentos. Aínda así, se estou por outra zona, como O Ribeiro, intento aproveitar para gravar algo.

É común pensar en Ourense como a provincia esquecida de Galicia. Considérao así?

A pesar de estar moi lonxe do pensamento de certos políticos, si considero que é unha provincia maltratada durante anos. Que sexa a máis envellecida explica moito: non é que a xente nova non queira quedar, é que non pode. Faltan oportunidades e proxectos de vida dignos. Outras provincias teñen máis industria e mellor comunicación, e iso nótase.

Vivimos un bo momento creativo en galego nas redes, pero nunha situación crítica en canto a falantes. Como cres que encaixades nese paradoxo as creadoras de contido?.

É un tema complexo, porque a música e as redes son ferramentas potentes para que a xente nova perda prexuízos coa lingua e se interese en falala. Pero se tes un goberno remando en contra, todo se complica. Ademais, non existen axudas nin liñas de impulso para creadoras de contido en galego, a diferencia doutros territorios de España. Podemos facer moito, pero só ata onde permiten as condicións.

Adoitas facer vídeos cursos con moito transfondo social e histórico. Como foi o proceso de documentación neste caso? Atopache algo que che sorprendera?

Fun tirando do que aprendín ao longo da vida. Por exemplo, o nome do bar «Trampitán»: vén dun idioma inventado por Xan da CoBa, un ourensán. Descubrino en Titiritesa, un de tantos contos infantís infravalorados que tamén serven para ensinar a adultos, e investiguei máis. Apenas hai información sobre el, pero é unha historia fascinante. Tamén falei do barallete (a xerga creada polos afiadores de Nogueira de Ramuín), da historia das Burgas ou de expresións que teño interiorizadas da miña zona.

Como reaccionou a súa audiencia, tivo bos números a serie?

A reacción foi moi boa. Tivo unha gran acollida, entre outras cousas porque hai moi poucos vídeos sobre cultura ourensá, e menos aínda en galego. Iso si, cando falas de expresións dialectais sempre aparece quen discute, pero Ourense é moi diverso. Depende de quen che ensinase galego e do contexto no que o aprendeses. É normal que dúas persoas da mesma zona falen distinto.

Entendo que quedan moitas cousas por contar, tanto da cidade como do resto da provincia. Ten en mente facer unha segunda parte?

Encantaríame. Hai moitísimos temas pendentes. E se houbese apoio institucional, mellor aínda. Curiosamente, traballei con concellos e deputacións doutros lugares, pero nunca cos de Ourense, e é algo que me dá pena e que ogallá poida darse nun futuro.

E falando de «ourensanía», en que cres que máis se reflicte no seu traballo en redes o feito de medrar na cidade das Burgas?

Diría que sobre todo no tema da fala, E logo tamén no meu contexto familiar: eu son filla dunha familia labrega da Alta Limia que, como moitas outras galegas, tivo que emigrar, e que que puido ir mellorar a súa vida en en base a a como foi fluctuando a historia. Nunha xeración pasamos de ter un futuro marcado no rural a poder estudar na universidade, e na miña vida teño bastante presente ese salto. Xa nun aspecto máis humorístico, cando que nos xuntamos as creadoras de contido en galego botamos unhas risas defendendo cada unha a súa provincia, e sempre nos xuntamos Konachadas (outra creadora de contido), que é de Lugo, e máis eu, porque ao final somos as zonas máis perxudicadas (risas).

Tracking Pixel Contents