Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | David Rodríguez Organizador da X Gala do Cancro

«Cada entrada é unha axuda directa a quen máis o precisa»

David Rodríguez, organizador da Gala contra o Cancro de As Canellas e AECC, ultima os detalles da décima edición con Andrés Suárez como invitado, un evento que creceu en popularidade e apoio ao longo dos anos

David Rodríguez.

David Rodríguez. / Iñaki Osorio

Ourense

Organizador de galas, presidente da Asociación Cultural as Canellas de Seixalbo, traballador do camión... e non engade máis facetas á súa rutina porque o día só ten 24 horas. David Rodríguez xa ultima os detalles para a décima edición da Gala do Cancro, que contará con Andrés Suárez como invitado de luxo.

Esta é xa a décima edición da Gala contra o Cancro. Que representa para vostede e para a asociación chegar ata aquí?

Pois significa moitísimo. É moi ilusionante poder celebrar a décima gala. Isto empezou en 2013, pero tivemos que parar dous ou tres anos pola pandemia, porque non se podía garantir a seguridade, pero agora estamos de volta con máis forza ca nunca.

E este ano contan cun artista moi especial, Andrés Suárez.

Si, para min é un soño persoal. É un dos mellores cantautores que hai hoxe en día. Tivemos grandísimos artistas noutras edición, como Daniel Minimalia ou Lys Pardo, pero en canto a popularidade e repercusión, é certo que Andrés Suárez é o nome máis recoñecido que pasou pola gala. Ademais, isto é unha oportunidade para que el saia con boas sensación, transmítallo a outros artistas e para vindeiras galas conseguir cantantes do mesmo calibre ou superior.

Como conseguiu que participase?

Ao final isto funciona moito polo boca a boca entre artistas amigos e polos contactos que fomos facendo nestes anos con produtoras. A gala xa é coñecida e iso axuda moito. Aínda así, cadrar axendas con artistas deste nivel é complicado: Andrés chega estes días de México, de xira por Latinoamérica.

En que nota que evolucionou máis a gala ao longo destas dez edicións?

Sobre todo na resposta do público. Cada ano vemos máis xente e, ademais, moi fiel: revisando fotos vexo as mesmas caras edición tras edición. Agradecen o evento, párranse pola rúa a dar as grazas… e iso énchenos de forza. Tamén medrou o apoio da Asociación contra o Cancro de Ourense, que fai unha labor enorme.

Toda a recadación vai destinada á asociación, non?

Si, absolutamente todo. O ano pasado recadáronse uns 4.500 euros e este ano contamos con superar a cifra sen ningún tipo de dúbida.

A organización dunha gala tan grande dende unha asociación cultural pequena debe ser un traballo enorme.

É moitísimo traballo. Cando me preguntan cando comezamos a organizar unha edición, sempre digo que estamos pensando na seguinte. Hai que reservar datas no Auditorio, contactar cos artistas, coordinar patrocinadores… pero cada ano nótase que xa temos un nome. Non é como cando empecei con 19 anos pedindo apoio porta por porta. Agora xa hai confianza e as institucións e empresas ven que isto vai en serio.

Que poderá atopar o público nesta décima gala?

Pois unha gala moi variada e moi festiva. Haberá humor, con Marta Doviro, música tradicional para abrir coa Real Banda de Gaitas da Deputación, dous grupos de baile como Castro Floxo e Dantzari e tamén unha artista nova da cidade, Daniela González, que participou na Voz Kids. As presentadoras serán Lucía Rodríguez e Fátima Pego, dúas grandes profesionais da televisión. Ademais, coincidindo coa presenza de Andrés Suárez, organizamos pola mañá unha presentación do seu libro na librería Nobel de Santo Domingo.

Cunha mensaxe final, que lle diría á cidadanía para animala a asistir?

Que vai ser unha gala moi completa, chea de arte en todas as súas expresións, pero tamén un espazo para desconectar. Para moitas persoas que están a vivir a enfermidade de preto, esta hora e media de espectáculo é un respiro. E, sobre todo, cada entrada é unha axuda directa para quen máis o precisa.

Tracking Pixel Contents