Bande eríxese en símbolo da memoria lingüística galega: «É para a eternidade»
A vila da Baixa Limia acolleu a sinatura dun manifesto que reivindica o galego como lingua de vida e de despedida | As institucións comprométense a defender o idioma como sinal de identidade

O panteón familiar do presidente do Parlamento de Galicia loce epitafio en galego. | Iñaki Osorio
Bande converteuse onte no epicentro da reivindicación pola memoria lingüística de Galicia. A igrexa de San Pedro e o cemiterio municipal acolleron a sinatura da chamada «Declaración de Bande», un manifesto promovido pola Asociación de Funcionarios e Funcionarias para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNL) que, baixo o lema «en galego, agora e sempre», procura garantir a presenza do galego en actos funerarios, recordatorios, necrolóxicas e, de maneira especial, en lápidas e epitafios.

Os representantes institucionais na Igrexa de San Pedro. / Iñaki Osorio
O encontro serviu para reivindicar o orgullo de falar e vivir en galego, e para subliñar que a lingua é «moito máis ca un vehículo de comunicación é a expresión máis fonda da identidade colectiva».
A campaña nace co propósito de corrixir unha incoherencia histórica: a de tantas persoas que viviron sempre en galego e que, por costume ou descoido, repousan baixo lápidas escritas en castelán.
Para mudar esta realidade, a AFNL promove a Declaración Individual de Vontades, un documento sinxelo e simbólico, que permite manifestar que, no momento do falecemento, todos os trámites e lembranzas se realicen en galego. «É un xesto de coherencia e de afecto, unha maneira de deixar que o idioma que nos acompañou en vida nos siga acompañando na morte», destacaron os organizadores.
Compromiso colectivo
O acto contou coa presenza de representantes de institucións de primeiro nivel. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, cualificou a declaración como «un paso adiante no camiño da normalización», e foi el quen descubriu unha placa en galego no panteón familiar do cemiterio de Bande, substituíndo o escrito en castelán cuns versos dun poema de Celso Emilio Ferreiro: «Quen poidera mirarte, dende o cume do outeiro, Santa Comba de Bande».

A sinatura de vontades entre alcaldías. / Iñaki Osorio
Tamén participou o presidente da Deputación Provincial, Luis Menor, quen salientou que «a nosa lingua non é só o que fomos, é tamén o que queremos seguir sendo; o galego é herdanza, pero sobre todo é esperanza». Menor reivindicou que «a defensa do galego é un compromiso que une, porque é patrimonio común e símbolo de identidade e de unión», e subliñou o papel dos concellos como «primeira liña na defensa da nosa lingua». A institución provincial comprometeuse, ademais, a apoiar proxectos que fomenten o uso do galego nos cemiterios públicos e privados, incluída a substitución progresiva de lápidas en castelán por outras en galego.
Ademais, a Declaración de Bande logrou tamén a adhesión de institucións relixiosas e profesionais. O arcipreste da Baixa Limia, Roberto Álvarez, lembrou que o Concilio Vaticano II xa permitiu a liturxia en linguas vernáculas, e comprometeuse a promover o uso do galego nos actos fúnebres das parroquias da súa demarcación. Desde o ámbito evanxélico, Jesús Manuel García, secretario xeral da Alianza Evangélica Española, animou ás comunidades a empregar o galego en despedidas, homenaxes e lápidas «para honrar a quen falou e viviu nesta lingua».
Tamén o Instituto de Medicina Legal de Galicia se sumou á iniciativa. A forense Tamara Méndez subiu ó púlpito, empregado como atril, para aseverar que «o galego é unha ferramenta insubstituíble que traduce a linguaxe da ciencia ao mundo do dereito e dá voz ao silencio», comprometéndose a empregalo en toda a súa actividade profesional en nome do Imelga..
A cita pechouse no camposanto cunha mensaxe común: defender o galego é garantir que siga vivo non só como recordo do que fomos, senón como expresión do que queremos seguir sendo: «O galego é lingua para a eternidade».
Suscríbete para seguir leyendo
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- Una cuidadora que volvía de trabajar y un obrero jubilado: un mortal accidente de tráfico que consterna a todo un pueblo
- Un restaurante escuela en Ourense ofrece menús de alta cocina a precio formativo y reservas agotadas
- El conductor detenido por homicidio imprudente en el accidente de Muíños queda en libertad
- Un camión con motores arde en la A-52 y obliga a cortar la autovía sentido Vigo
- Una invasión de carril mientras conducía ebrio: investigan el accidente que mató a una mujer y luego a su marido tras conocer la noticia
- «Nos llaman de toda España; no hay precedente de un alcalde que desahucie a sus placeros»
- Ourense inaugura su Navidad más luminosa