Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Alba Guzmán Falcón | Escritora

«Ao escribir, como na vida mesma, é moito máis difícil facer rir que chorar»

Hoxe presenta a súa segunda novela, 'A vinganza de Paquiño Jackson' (Xerais), na libraría Nobel de Ourense: «É unha historia para todas as persoas que queiran viaxar no tempo; a literatura pode ser un bálsamo»

A escritora ourensá Alba Guzmán estuda e reside en Vigo.

A escritora ourensá Alba Guzmán estuda e reside en Vigo. / ALBA VILLAR

Javier Fraiz

Javier Fraiz

Ourense

Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003) estuda Enxeñería Biomédica Industrial na Universidade de Vigo. Cunha vintena de galardóns en diversos certames de narrativa e poesía, cultiva unha traxectoria literaria vizosa e firme, con todo o tempo por diante, aos 22 anos. A publicación da súa segunda novela, 'A vinganza de Paquiño Jackson' (Xerais), recoñecida co premio Xuventude Crea de Novela Curta de 2024, e que hoxe presenta ás 19.30 horas na libraría Nobel de Ourense, achega un novo rexistro e estilo que constata a gran capacidade de Alba Guzmán de imaxinar, a principal materia prima dun escritor. Co su primeiro libro, 'Xoaniña de Deus' (Xerais), acadou o mesmo galardón en 2021.

A novela está localizada no rural de Galicia. Por que debía ser ese espazo o protagonista?

Sempre me interesou moito esa fronteira, que no caso de Ourense aínda se percibe hoxe entre o mundo rural e a cidade. Comecei a pensar, logo de longas conversas cos meus pais e os seus coevos, que esa distancia tiña que ser moito máis considerable nos anos oitenta, cando se produciu un profundo cambio social e cultural. Que mellor, entón, que levar a historia a unha vila.

Canto do teu imaxinario persoal e familiar sobre o mundo rural está recollido na novela?

Escribir é sinónimo de investigación na maioría das ocasións, tamén de reflectir as historias propias ou das de persoas que nos rodean e, por suposto, a novela recolle dalgunha maneira moitas desas vivencias alleas que fun recollendo durante estes anos.

Hai fantasía, doses de drama e moito humor intelixente. Como foi o xogo de equilibrios ao crear?

En realidade cando a historia está na cabeza, cando os personaxes están vivos, non resulta moi complicado mesturar todo estes elementos narrativos e darlle sentido. O humor intelixente non deixa de ser unha característica propia na nosa identidade como galegos.

É máis doado escribir sobre o drama ou facelo sobre o humor?

Coma na vida mesma é moito máis difícil facer rir que chorar, creo que polo feito de estarmos educados e, ademais, predispostos para o drama. Paquiño Jackson carrexa varios, como o de ser fillo de solteira daquela, ter un perfil social baixo e atraer cantas desgrazas poidan haber, mais consegue demostrar, incluso de morto, que valores como o da amizade están moi por encima.

Atopamos referencias da cultura popular, coa importante influencia do 'Thriller' de Michael Jackson, e tamén con outras alusións como o 'Rambo' de Stallone.

Sei da importancia da música e o cine nos anos oitenta, cando non existían as posibilidades que hoxe en día nos ofrecen internet e as plataformas audiovisuais. Se toda esa música e cine tivo un impacto brutal nas cidades como se conta, imaxinei que no rural iso se debeu multiplicar por cinco, así que partindo dun ingrediente fundamental, o 'Thriller' de Michael Jackson, fun engadindo á receita cancións famosas da época ou películas moi importantes para esa xeración, como 'Rambo' ou 'A guerra das galaxias'.

Pensas que o libro pode chegar a un público amplo, cres que facilita aos lectores novos un maior coñecemento do rural?

A pesar do seu carácter aparentemente xuvenil, 'A vinganza de Paquiño Jackson' é unha novela escrita para todas aquelas persoas adultas que queiran viaxar no tempo, porque seguro que todos eles coñeceron unha Marela, unha tía Eudosia e un proxecto de Paquiño Jackson. Por suposto que a xente nova que se achegue a esta lectura atopará a historia de hai corenta anos atrás, doutras costumes e formas de vivir que espero esperten a súa curiosidade.

Que papel narrativo e significado literario ten a compañeira de Paquiño, a vaca Marela?

Nestes tempos onde unha mascota na casa parece imprescindible, Marela cobre ese papel cun rapaz de aldea acostumado ao trato persoal cos animais de moito maior tamaño. Na parte da historia onde Paquiño se converte nun detective, Marela é o que Hastings significaba para Poirot, a fiel amiga inspiradora que lle servirá para resolver o misterio polo que están mortos ou, mellor dito, case mortos.

Aos seus 22 anos, Alba Guzmán ten dúas novelas publicadas por Xerais e máis dunha vintena de premios literarios.

Aos seus 22 anos, Alba Guzmán ten dúas novelas publicadas por Xerais e máis dunha vintena de premios literarios. / ALBA VILLAR

Paquiño, vítima dun plan e da sorte, volve como zombie para saldar contas, coa ansia dun vivo. Quen tivese segundas oportunidades.

E porén, como acontece nesta historia, nin as segundas oportunidades valen para moito. Paquiño acaba coñecendo a verdade pero ao final segue só, cavilando se de verdade mereceu a pena, porque xa non hai volta atrás.

Muda o rexistro con respecto á túa primeira novela, 'Xoaniña de Deus'. As dúas foron galardoadas. Es das autoras que intenta que cada libro novo sexa distinto?

Nin eu o sei. Escribo para divertirme, para dividir o meu territorio científico da enxeñería biomédica e o humanista que sempre habitou en min. Non penso niso, simplemente escribo esa historia que, por un motivo ou outro, chegou ata min.

Como cres que a formación científica inflúe na túa imaxinación, na túa faceta literaria?

Procuro separar ao máximo as dúas facetas, pero asemade que se complementen como parte da miña personalidade. Escribir, sempre que non sexa algo forzado, pode ser un bálsamo, ese momento de fuxida a outros mundos onde poder descansar da rutina diaria.

Presentas en Ourense, na túa cidade. Que supón para ti?

Xogar na casa é o máis bonito de todo. Ves caras coñecidas: profesores, amigos, familia... Toda esa xente que camiñou contigo dende nena. Esa sensación é única.

Alba e Óscar, pai e filla, compartides os afectos e a paixón pola literatura, os dous escritores con obra premiada e publicada. Que valor lle das a esta afinidade?

Meu pai e mais eu viaxamos no mesmo tren, pero en distintos vagóns. Entre nolos dous median varias xeracións, el viviu na de Paquiño Jackson e del, precisamente, hai moito nesta novela. Eu, pola contra, nacín na era do dixital onde, moito me temo, Paquiño Jackson sería un ciborg con intelixencia artificial e Marela un dron con dúas hélices rotas. Para ámbolos dous, que vivimos un pouco á marxe do mundo literario, supón toda unha aventura compartir historias e rexoubes mentres ceamos un sábado na cociña. Que valor lle dou? Supoño que o paso do tempo será quen lle dea outra perspectiva ao que estamos a vivir hoxe en día, que non é pouco xa.

Tracking Pixel Contents