Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Álvaro Sieira Pianista

«A música clásica é como o polbo, se só comes McDonald’s nunca che vai gustar»

O virtuoso pianista afincado en Boiro dará o próximo 15 de novembro no Auditorio Principal de Ourense o concerto «Un viaje al romanticismo», no que interpretará as máis coñecidas obras de Liszt ou Chopin. Sieira vén dun ano «moi bo a nivel profesional», que o levou a tocar en Londres e Italia, e tras unha breve xira por Galicia, será Dubai quen o espere en 2026 da man de Steinway.

Ourense Alvaro Sieira pianista

Ourense Alvaro Sieira pianista / FdV

Ourense

Quen vexa a Álvaro Sieira (Boiro, 1993) pola rúa sen saber da súa profesión distinguirá unicamente a un rapaz sinxelo e humilde. De feito, sería complexo descrifrar sen pistas que esa personalidade agocha a un dos pianistas galegos do momento, que este ano recorreu Europa coa súa profesión e que vén de dar o seu primeiro concerto como soísta acompañado da Orquesta Sinfónica de Ponferrada. O seu próximo reto: un concerto autoorganizado en Ourense.

Podería contarnos un pouco sobre o concerto que vai ofrecer? Que repertorio interpretará e se estará acompañado por orquestra?

Neste caso será un recital para piano só. Tocarei eu só, e o programa está formado fundamentalmente por obras do Romanticismo. Normalmente fago recitais de piano clásico en solitario, aínda que algunha vez actúo tamén como solista con orquestra. De feito, o concerto de Ponferrada foi o meu primeiro nesa modalidade, e o da Coruña será o segundo. Pero neste caso será un recital puramente pianístico.

Ademais, é o primeiro concerto que organiza vostede mesmo, non si?

Si, é o primeiro concerto que organizo eu. Son o promotor e o organizador, encárgome de todo o proceso. É unha experiencia nova e moi especial para min.

Para quen non estea moi familiarizado coa música clásica, como animaría ao público a asistir ao concerto?

Creo que é unha experiencia moi interesante, porque é un momento para sentarse e desfrutar dunha tranquilidade especial que non ofrecen outros estilos musicais. O programa está construído de maneira que resume moi ben o gran século de ouro do piano, con autores como Liszt e Chopin, entre outros. Son obras que levan moitos anos emocionando ao público, igual que un pode ir ao Museo do Prado a contemplar cadros dos grandes pintores. A diferenza é que, no caso da música, fai falta un intérprete que “colgue o cadro” sobre o escenario. Esa é a miña función, poñer esas obras ante o público coa maior humildade posible.

O concerto celébrase en Ourense, a cidade onde reside dende hai catro anos. Como se sente ao tocar na súa propia cidade, e ademais no auditorio máis grande dela?

Este foi un ano moi bo a nivel profesional: toquei en Londres, en Italia, e teño previsto un concerto en Dubai en 2026. Así que este recital é un soño cumprido. Sempre quixen tocar no Auditorio Municipal de Ourense e, por iso mesmo, decidín organizalo eu. Paréceme tamén unha boa oportunidade, porque na cidade non se programa moita música clásica. Ourense non ten banda municipal nin orquestra sinfónica, como si teñen outras cidades galegas. Por iso pensei que era importante facer un concerto nun espazo potente, e tamén como agradecemento á cidade, que me ten apoiado moito. Estes catro anos aquí fixéronme medrar como músico, sobre todo grazas a institucións como o Liceo. É unha maneira de celebralo e de devolverlle algo á cidade.

Como ve a situación actual da cultura en Ourense? Que aspectos destacaría e cales cre que se poderían mellorar?

Ourense é unha das cidades culturalmente máis ricas de Galicia en relación coa súa poboación. É terra de escritores, de xente comprometida, e o público adoita responder moi ben: o Teatro Principal funciona estupendamente, e en xeral hai interese pola cultura. O que falta é un reparto máis equilibrado dos recursos culturais, para apoiar tamén aquelas propostas que non son comercialmente rendibles. Un museo ou unha biblioteca non dan beneficios económicos, pero son fundamentais para unha sociedade culta.

Tocou en moitos lugares de España e no estranxeiro. Nota diferenzas no apoio institucional á música clásica entre aquí e outros países?

Si, algunhas. En España hai unha canteira de músicos impresionante, e moitos dos que entran en grandes orquestras europeas son españois, mesmo galegos. Temos excelentes intérpretes, directores e compositores. Pero o que falta é o apoio das institucións. En países como Italia hai moitas máis salas de concertos e unha programación constante. Aquí temos grandes auditorios baleiros. Un exemplo claro é a Cidade da Cultura, con espazos marabillosos pero sen unha programación estable. Non é que falte talento, senón vontade de potenciar a música clásica.

Por outra banda, Galicia ten unha tradición moi forte de bandas de música populares. Pensa que iso axuda a achegar a música clásica á xente?

Si, absolutamente. As bandas municipais e parroquiais fan unha labor enorme de conservación e difusión. Grazas a elas, a música sinfónica está máis democratizada en Galicia ca noutros lugares. Pero falta esa outra parte: programación estable e institucional. Cando se organizan concertos, a xente responde. No Liceo, por exemplo, sempre houbo público e repetiron ano tras ano, mesmo sen ser eu un pianista coñecido. Iso demostra que, se se programa máis, o público acompaña.

E no caso das novas xeracións, nota interese pola música clásica?

Si, eu creo que hai interese. O que pasa é que hai que darlles a oportunidade de coñecela. Se un rapaz só come McDonald’s e non proba nunca o polbo, dificilmente lle vai gustar o polbo... Pero se o proba, xa lle vai apetecer máis adiante. Coa música pasa o mesmo. É importante que as escolas e conservatorios non só formen profesionais, senón tamén consumidores de cultura, persoas con criterio que saiban desfrutala. Ás veces hai un prexuízo social que asocia a música clásica cun ambiente elitista, pero non é certo. A música non é clasista: é para todos. Só require un pouco de vontade e atención, igual que cando un decide ver unha película que lle pide máis calma e reflexión. Hai espazo para todo, e iso é o marabilloso da arte.

Tracking Pixel Contents