Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Das táboas ó papel cun exercicio de empatía

Actor, dramaturgo e xestor cultural ourensán, Fernando Dacosta dá un paso máis na súa traxectoria creativa coa publicación de «Empatías», o seu primeiro libro. A obra, unha colección de relatos curtos, invita a reflexionar sobre como esta emoción condiciona tódolos parámetros sociais no día a día.

Fernando Dacosta, posando no casco vello co seu libro de relatos. |  Roi Cruz

Fernando Dacosta, posando no casco vello co seu libro de relatos. | Roi Cruz

Ourense

Tras décadas adicado ao teatro e á dinamización cultural en Ourense, Fernando Dacosta quixo incrementar o seu curriculum no ámbito da creatividade. Dende este outono é tamén escritor publicado coa chegada a librarías da súa obra «Empatías», un libro que fala da actualidade máis crúa dende o humor, a ironía, o surrealismo, «e tamén nalgún caso cun pouco máis de pel».

Así o explica o propio autor da colección de relatos curtos, unha ducia que nacen «da constatación do horror que nos rodea e de ver como moitas persoas sosteñen opinións que parecen demenciais, sen respectar aos demais», di Dacosta que coa súa obra propúxose «escribir sobre iso, sobre a falta de empatía, porque sentín que era necesario mirar a realidade de fronte».

Deste xeito xurdiu «Empatías», un libro de 116 páxinas que rematou a finais de 2023 e que supón unha nova dimensión na súa traxectoria da mau da editorial Laiovento, a quen o escritor di estar «profundamente agradecido, non só pola profesionalidade, senón tamén polo cariño coa que trataron a obra. É unha editorial que entende o valor da literatura e da cultura en Galicia»

Actualidade novelada

Desde a primeira páxina, o lector percibe a tensión central do libro: a falta de empatía. O aforismo que abre a obra sintetiza esta preocupación: «Ponte no meu lugar, díxolle. Fíxoo e odiouno para sempre». Este cuestionamento sobre a dificultade de poñerse na pel doutro percorre cada un dos relatos que compoñen un mosaico da sociedade contemporánea, abordando problemáticas que seguen vixentes. «O ascenso da extrema dereita, a intolerancia, o racismo e a xenofobia, a violencia machista e a homofobia» convértense en temas centrais, porque Dacosta confesa que, en moitos casos, estas historias xurdiron de «sucesos que me impactaron profundamente, como o crime de Samuel Luiz en A Coruña ou as situacións de desafiuzamento ou aquelas vinculadas á violencia doméstica. Eses feitos permanecen na memoria e convértense nunha especie de chamado á reflexión sobre a convivencia e o respecto polos demais», comenta Dacosta.

Debido a iso, e sen deixar ó lado a súa vena de dramaturgo, algúns relatos destacan pola súa carga simbólica e emocional. É o caso de «Duna», un dos relatos máis longos e que se centra na xenofobia e na incapacidade de valorar a diferenza. «Ao escribir Duna, busquei amosar como a intolerancia xorde do medo e da incomprensión. É unha historia que aínda resoa hoxe, porque o problema segue vixente», afirma o escritor que non esconde que, pese a que elixir non lle resulta doado, «se alguén me pedise unha recomendación dun único texto recomendaría este, pola súa escrita e polo contido, pode ser que estea un pouco máis orgulloso que doutros».

Inda que outro relato de grande significación é «A guerreira do arco da vella»,» inspirado no «afundimento do Rainbow Warrior de Greenpeace por parte do estado francés». «Eu era moi novo cando sucedeu, pero marcoume que un estado como o francés fixese algo así con desprezo pola vida humana, porque houbo un falecido, e todo por motivos económicos», apunta.

A obra tamén aborda temas como a educación ou a relixión sempre con tons que alternan entre o surrealismo e a ironía.

«A ironía e o humor son ferramentas que uso para equilibrar o peso das historias. Non quero que a lectura sexa só dolorosa, senón tamén reveladora e reflexiva, pero sinxela de ler», garante.

A estrutura de «Empatías» é deliberadamente variada, permitindo explorar diferentes perspectivas e técnicas narrativas. A maioría dos relatos están escritos en terceira persoa, aínda que algúns empregan a primeira persoa ou incluso «permitinme implicar inda máis ó lector cunha segunda persoa escrita a modo epistolar». Entre estes relatos e poemas, os aforismos funcionan como pontes, conectando ideas e reforzando a temática central da obra.

As pezas poéticas, tituladas «Día», «Tarde» e «Noite», escríbense en primeira persoa e «reflexionan sobre o paso do tempo, evocando a sensación de que unha vida enteira pode transcorrer como se fose un só día», di o escritor amateur nos relatos, inda que veterano no teatro, para quen «esas pezas xurdiron dun exercicio de observación da vida cotiá, dunha reflexión sobre o que nos deixa o tempo e como cada momento é irrepetible».

Precisamente o teatro, espazo que marca a súa vida, tamén se deixa notar na escritura. «No teatro aprendes a observar, a escoitar, a sentir desde distintos puntos de vista. Cada personaxe, cada situación, é un ensaio de empatía. Esa aprendizaxe trasládase á literatura. A observación, a curiosidade e a empatía son a base do libro», asegura.

«Se alguén le estes relatos e consegue pensar, aínda que só sexa por un instante, nos demais, xa pagou a pena escribilos», manifesta o autor que para deixar o mel nos beizos lembra o aforismo co que pecha a súa novela « «Ponte no meu lugar. Díxolle, Fíxoo e amouna para sempre».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents