Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Facultade de Dereito reivindica o uso do galego nas profesións do ámbito

Susana Álvarez, Francisca Fernández e Benigno Fernández. |  FdV

Susana Álvarez, Francisca Fernández e Benigno Fernández. | FdV

d. a.

Ourense

A Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou este venres o seminario «O Dereito tamén en galego. Dereitos lingüísticos na administración de xustiza», que quixo ser un espazo de reflexión, debate e análise dos dereitos lingüísticos desde unha perspectiva académica, xurídica, lingüística e tamén sociolóxica, reunindo profesionais de cada un destes eidos.

A iniciativa inscríbese no marco das accións da citada facultade para a posta en valor e visibilización da lingua galega como ferramenta para o estudo no Grao en Dereito e o desenvolvemento de profesións xurídicas. Na súa apertura, Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito, salientou a importancia de contribuír a “normalizar e promocionar o uso da lingua galega a todos os niveis”, e amosou o seu pesar polo feito de que “no ano 2025 teñamos que falar de garantir os dereitos lingüísticos nunha administración, e en concreto na administración de xustiza, que se supón que é o piar central da igualdade na aplicación e contido da lei”.

O seminario, indicou pola súa banda Francisca Fernández Prol, enlace de Lingua Galega na Facultade de Dereito, naceu como “un espazo no que queremos reivindicar o uso do galego, da lingua galega, como unha ferramenta óptima para o desenvolvemento das profesións do ámbito xurídico, xa sexa da investigación, da docencia e das profesións xurídicas”. Do mesmo xeito, Benigno Fernández, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, subliñou a importancia de fomentar o uso da lingua galega no ámbito xurídico e amosou o seu desexo de que este seminario teña continuidade en futuras edicións.

Tracking Pixel Contents